suiza cartaces referendo inmigracion

Suíza: inmigrantes Go Home

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Cartaces do referendo suízo, clic para aumentar
Semella evidente a influencia desta consulta nos desnortados veciños europeos, ós que se lles suxire un camiño á hora de tratar o problema da inmigración. (Foto: Cartaces do referendo suízo).
 

Sorprenden as reaccións de abraio e de sorpresa diante dos resultados acadados no referendo que se celebrou en Suíza respecto do tema da inmigración, e no que se aprobaron unha nova lei de asilo e unha lei federal sobre os estranxeiros cun apoio do electorado a carón do 70%. É dicir, houbo un respaldo masivo por parte da sociedade suíza ás medidas restrictivas neste aspecto.

Non obstante, semella evidente e inoportuna a influencia desta consulta nos desnortados veciños europeos, ós que se lles suxire un camiño á hora de tratar este serio problema.

Para os suízos, as novas medidas adoptadas non son máis que continuación dunha tendencia de endurecemento das regras que viron a luz nos anos 80, logo dunha longa fase de expansión e forte crecemento de trinta anos, que algún día podía ter fin. Pero para o resto de socios comunitarios, pode ser un exemplo práctico a seguir.

Esta é a novena ocasión, dende 1984, na que a lei de asilo é emendada e cinco das propostas tendentes a endurecelas regulacións foron aprobadas en votacións nacionais. O certo é que se foron tomando sucesivamente novas medidas regulatorias ó longo destes anos, que reorientaron e peneiraron a inmigración recibida e da que fomos puntualmente informados pero non tiveron esa preponderancia mediática de agora, agudizada neste caso pola masiva presenza de inmigrantes nas costas españolas e mediterráneas, que fai que o resto de europeos da comunidade dos 25 intente poñerse de acordo para atallar un problema común.

O máis impactante das medidas propostas ó pobo suízo, son as accións represoras ós colaboradores coa inmigración e as dificultades que se lle están a poñer ós exiliados xusto cando o seu número está a decrecer dende fai 20 anos. A negativa de recoñecerlle documentación alternativa ós pasaportes ou a intransixencia das 48 horas para presentar os papeis, e as penalizacións e fortes sancións para aqueles colaboracionistas da inmigración, é un claro exemplo de que pretenden enviar unha mensaxe e endurecerlles a existencia ós necesitados do mundo que chegan ás súas fronteiras.

Afondando nas causas, tal vez debamos dirixilas nosas miradas á sensación dun incremento da radicalización islámica, o sentimento de inseguridade económica debido á necesidade de emprender reformas cando se presinte un repunte do paro nun país que ate o de agora foi un privilexiado neste tema, e á percepción de que é máis interesante a inmigración europea que calquera outra.

Non obstante non debemos esquecer que aínda que a inmigración sexa intraeuropea, existen suficientes mecanismos de selección dentro da sociedade suíza peneirando tamén dentro dos inmigrantes europeos, o que supón un segundo filtro dos profesionais altamente cualificados. Unha tendencia que parece en voga en calquera país que se diga "avanzado" no mundo.

Quérese por tanto, identificar por un lado ós demandantes de asilo e ós inmigrantes chegados ó país por razóns económicas. É por un lado, é complexo denegar o auxilio no caso de cumprir tódolos esixentes requisitos e ter tódolos papeis en regra tras unha longa historia suíza de amparo, non nembargantes a inmigración masiva por razón económicas vese como unha ameza para a integridade da sociedade suíza en caso de non ser ben correspondida por unha boa oferta de traballo, e mesmo haberá quen pense que os inmigrantes rouban o traballo.

Os argumentos de que os inmigrantes exercen forte presión sobre o sistema de seguridade social, e de que por tanto, son necesarios os oportunos axustes e recortes de beneficios e coberturas, non teñen en conta para nada o contexto internacional. Nin os inmigrantes van a Suíza a facer turismo e tirar proveito dun suposto estado do benestar que lles debe prestar acollida, nin as multinacionais suízas van polo mundo para exercela caridade. Nestle e Novartis poden implantarse, experimentar, e obter cuantiosos beneficios en África, Asia ou América, pero os senegaleses téñeno cru se rompen unha perna en Xenebra. Éche a lei do máis forte.