Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 2 ao 8 de Xaneiro

Taiwan Hebdo 2-2017

1. Informe

Unha enquisa recente levada a cabo pola Trend Survey and Research Co. e dada a coñecer o martes 3 mostrou un repunte da popularidade do KMT, subindo ao 29,9 por cento nos dous últimos meses, mentres que o gobernante PDP baixaba ao 26,3 por cento. As cifras representan unha subida de 6,9 puntos no apoio ao KMT e un descenso de 0,5 puntos respecto ao PDP. Por outra banda, a taxa de popularidade do PNP (Partido do Novo Poder) foi do 10,1 por cento mentres o PPP (Partido o Pobo Primeiro) manifesta unha taxa de apoio do 3,1 por cento. 

Liñas de investigación Observatório da Política Chinesa
Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Idiomas Galego

1. Informe

Unha enquisa recente levada a cabo pola Trend Survey and Research Co. e dada a coñecer o martes 3 mostrou un repunte da popularidade do KMT, subindo ao 29,9 por cento nos dous últimos meses, mentres que o gobernante PDP baixaba ao 26,3 por cento. As cifras representan unha subida de 6,9 puntos no apoio ao KMT e un descenso de 0,5 puntos respecto ao PDP. Por outra banda, a taxa de popularidade do PNP (Partido do Novo Poder) foi do 10,1 por cento mentres o PPP (Partido o Pobo Primeiro) manifesta unha taxa de apoio do 3,1 por cento. 

O KMT celebrou estes datos resaltando que o aumento do apoio débese ao seu bo desempeño como oposición. Sorprende en calquera caso ese incremento á vista das tensións que rodean a vida do partido. Asuntos como a batalla legal pola recuperación dos “activos mal adquiridos” non parecen afectarlle ou lle proporciona ata simpatía ao presentarse como resultado dunha vendetta política. Por outra banda, as diferenzas internas respecto ao liderado, manifestadas na brecha que separa ao partido do grupo parlamentario, é posible que se intensifique a medida que avance o calendario electoral interno. Xa se coñece un dos nomes dos rivais de Hung Hsiu-chu, o ex alcalde de Taipei Hau Lung-bin, quen anunciou a súa candidatura por Facebook ás eleccións do 20 de maio. Probablemente acompañarao o ex vicepresidente Wu Den-yih.

Outra enquisa realizada por Commonwealth Magazine revelou que o número de persoas que se identifican como taiwaneses segue en aumento de forma ininterrompida desde 1990. Entre a propia base electoral do KMT, ata un 40,5 por cento considéranse taiwaneses fronte ao 38,1 por cento que se consideran chineses e taiwaneses á vez. Esta circunstancia revela o principal desafío da formación nacionalista.

Nunha recente entrevista concedida ao Global Times, Wang Zaixi, ex viceministro de Asuntos de Taiwan, alertou sobre a perda de peso político do KMT en Taiwan, o cal ao seu entender reduce as posibilidades de que se produza unha unificación pacífica. En tales circunstancias, o continente representaría a principal forza capaz de impedir a independencia, co risco engadido do probable recurso á vía militar.

2. Observacións de contexto.

* A presidenta Tsai Ing-wen iniciou a súa segunda xira diplomática desde que asumiu o cargo que lle levará a Honduras, Nicaragua, Guatemala e El Salvador. Acompáñalle unha delegación de 120 persoas na que destaca a ausencia de deputados do KMT. Tsai quere que a viaxe sexa expresión dunha diplomacia consistente baseada na cooperación en interese mutuo.

* Os desmentidos respecto de posibles cambios entre os aliados diplomáticos de Taiwan se han ir sucedendo un tras outro: Panamá, a través do viceministro de Exteriores, Luís Miguel Hincapie; Honduras, a través do embaixador en Taipei, Rafael F. Sierra Quesada…. E as cousas poderían estar non menos confusas en relación a Nicaragua tendo en conta que, supostamente, os detalles da axenda de Tsai no país seguen sendo vagos. 

* Xapón consumou o cambio de denominación da súa representación en Taipei, que agora se coñece como Asociación para as Relacións entre Xapón e Taiwan. Para o Ministerio de Asuntos Exteriores da illa reflexa un “salto cualitativo” nas relacións bilaterais. Algunhas voces xa reclaman tamén o cambio de nome das oficinas de representación de Taiwan no estranxeiro. 

* Taiwan e India exploran a proposta de contratar a traballadores hindús en Taiwan. Desde o mes de setembro, ambos asinaron acordos sobre cooperación bilateral en preservación e promoción de ferrocarrís, patrimoniais, agrícola e conectividade aérea.

* O Congreso Nacional Africano (formación gobernante en Sudáfrica) criticou duramente a viaxe a Taiwan do alcalde de Pretoria, Solly Msimanga, por entender que supón un desafío á política oficial dunha Soa China e un intento de implementar unha política exterior paralela.

* Algúns observadores advirten signos de alarma en medios castrenses do continente ante o apoio do presidente electo estadounidense Donald Trump a Taiwan, reclamando “medidas firmes” para impedir a independencia da illa. O responsable de asuntos de Taiwan, Zhang Zhijun, alertou de que en 2017 afrontaranse “factores incertos e riscos”. O nerviosismo en Beijing acrecéntase ante as incógnitas que rodean a axenda das escalas en EUA da presidenta Tsai na súa xira por varios países centroamericanos. A realización de xogos de guerra preto de Taiwan ou a adopción de medidas económicas que poidan paralizar a illa serían obxecto de análise.

* Membros do prol independentista Taiwan Radical Wings foron desaloxados dunha cerimonia do Día de Ano Novo fronte á Oficina Presidencial ao axitar bandeiras pro-independencia. Os afectados acusaron á policía de non respectar a liberdade de expresión. 

* O fin de semana, o PNP celebrou un foro con lexisladores de Hong Kong para ampliar a súa proxección internacional. Beijing cualificou o encontro como un intento de fusionar os movementos de independencia de Hong Kong e Taiwan. Varias persoas enfrontáronse aos deputados de Hong Kong á súa chegada a Taipei, unha acción atribuída a unha Asociación Patriótica pro-Beijing. En 2016, o PNP mantivo contactos con formacións políticas de países como Canadá, Malaisia, Vietnam ou Dinamarca. O PNP conta con cinco escanos no Yuan Lexislativo e obtivo o 7 por cento dos sufraxios en xaneiro de 2016. Entre o Movemento Xirasol e o Movemento dos Paraugas existen raíces comúns. 

* Catro taiwaneses sospeitosos de fraude telefónica foron repatriados ao continente desde Vietnam.

* O exército taiwanés segue con atención os movementos das forzas continentais no perímetro da illa. En paralelo, anunciouse a reorganización do Comando de Mísiles de Defensa Aérea en resposta a un cambio doutrinal asociado á substitución da “disuasión efectiva” pola “disuasión múltiple”. 

3. Datos relevantes

* A Academia Histórica prevé publicar uns 260.000 documentos, ata agora confidenciais, relacionados co réxime de Chiang Kai-shek. O KMT opúxose a esta medida.

* A matrícula baixou a cero en 151 departamentos e programas en universidades e colexios técnicos. Iso é consecuencia da redución da natalidade nos últimos 15 anos (do 11,65 por 1000 en 2001 pasouse ao 9,1 por mil en 2015). 

* As chegadas de turistas de Australia, Nova Zelanda e países do Sueste Asiático e do Sur de Asia aumentaron un 23 por cento en novembro. Para 2017 espérase que siga descendendo o número de turistas do continente onde algunhas provincias publicaron “indicacións administrativas” que apuntan á redución de viaxeiros. 

* O crecemento económico en 2017 excederá o 1,87 por cento segundo previsións oficiais. A taxa de inflación podería roldar entre 1,26 e 1,46 por cento. 

4. Nomes relevantes

* Donald Trump, ante a insistencia dos xornalistas a propósito dun posible encontro persoal coa presidenta Tsai Ing-wen, dixo que “Veremos…”, dando a entender que dita eventualidade non está descartada. 

* Zhou Zhihuai, destacada voz en asuntos taiwaneses da Academia de Ciencias Sociais de China, dixo nun foro o 30 de novembro que Beijing “non se opón á idea de que o consenso de 1992 sexa substituído por outra alternativa” sen que iso supoña o cuestionamento da política dunha Soa China. 

* Frank Hsieh, ex primeiro ministro e actual representante de Taiwan ante Xapón, debeu dar explicacións públicas pola gran débeda acumulada polo seu fillo Hsieh Wei-chou na lotería deportiva.

* William Stanton, ex director da oficina de Taipei do Instituto Americano en Taiwan, non descartou un “encontro privado” entre Donald Trump e a presidenta Tsai Ing-wen na súa xira centroamericana.