Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 1 ao 7 de Agosto de 2016

Taiwan Hebdo 31-2016

1. Informe

A celebración do Día Nacional dos Pobos Autóctonos estivo marcada polas escusas oficiais presentadas en nome do Estado pola presidenta Tsai Ing-wen aos pobos aborixes. A elección do 1 de Agosto para a conmemoración evoca a mesma data de 1994 cando foi promulgada unha reforma da Constitución cun novo artigo que contemplaba o compromiso de “protexer a condición social e garantir a participación política dos aborixes”. Esta reforma constitucional oficializaba o abandono do termo “compatriotas das montañas” ou shanbao habitualmente utilizado para referirse a estas comunidades e que incorporaba certa connotación racista. En 1997, outra reforma pasou a definilos como “pobos orixinarios”, “pobos autóctonos” ou yuan zhu min zu. A presidenta anunciou o establecemento dun comité de xustiza transicional para estas comunidades. Taiwan conta cuns 530.000 aborixess, é dicir, en torno ao 2 por cento da poboación total. Ata dezaseis grupos gozan de recoñecemento oficial. 

Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Idiomas Galego

1. Informe

A celebración do Día Nacional dos Pobos Autóctonos estivo marcada polas escusas oficiais presentadas en nome do Estado pola presidenta Tsai Ing-wen aos pobos aborixes. A elección do 1 de Agosto para a conmemoración evoca a mesma data de 1994 cando foi promulgada unha reforma da Constitución cun novo artigo que contemplaba o compromiso de “protexer a condición social e garantir a participación política dos aborixes”. Esta reforma constitucional oficializaba o abandono do termo “compatriotas das montañas” ou shanbao habitualmente utilizado para referirse a estas comunidades e que incorporaba certa connotación racista. En 1997, outra reforma pasou a definilos como “pobos orixinarios”, “pobos autóctonos” ou yuan zhu min zu. A presidenta anunciou o establecemento dun comité de xustiza transicional para estas comunidades. Taiwan conta cuns 530.000 aborixess, é dicir, en torno ao 2 por cento da poboación total. Ata dezaseis grupos gozan de recoñecemento oficial. 

A mensaxe da presidenta Tsai abundou na necesidade de emendar os erros do pasado e conseguir unha verdadeira reconciliación. Os pobos autóctonos foron explotados, desprazados, marxinados e privados dos seus dereitos trala chegada dos colonizadores. A súa historia foi escrita desde a perspectiva da etnia Han e a súa cultura non foi debidamente preservada. A presidenta aludiu tamén ao depósito de residuos nucleares na illa Lanyu, con presenza aborixe (etnia Yamei), ofrecendo unha compensación xusta á vez que a procura dun emprazamento definitivo para os restos. Igualmente, avogou pola clarificación dos conflitos entre os costumes tradicionais aborixes e a normativa legal, postulando a creación dun centro de asistencia xurídica especializado neste campo. A clave da súa intervención orientouse á superación da desigualdade que padecen estes pobos a nivel sanitario, educativo, económico e político.

Pese á boa intención da iniciativa presidencial, non faltaron as críticas. A cantante Amis Chang Chen-yue (tamén coñecida como Ayal Komod, o seu nome aborixe) descualificou as formas do acto que cualificou de “farsa”. Varios grupos aborixes organizaron unha protesta ante a sé presidencial o que levou á presidenta Tsai a dialogar cos seus líderes no lugar da concentración. Algúns manifestantes expresaron a súa confianza na sinceridade de Tsai, aínda que seguirán de preto as accións do goberno. 

A presidenta do KMT, Hung Hsiu-Chu, descualificou a iniciativa que considerou unha mera formalidade reivindicando o labor do seu partido nesta materia. James Soong, do PPP, instou ao goberno a priorizar a solución dos problemas prácticos (acceso á saúde, emprego, integración urbana, accesos ás zonas rurais ou normativa legal). 

2. Observacións de contexto.

* O PPP (Partido o Pobo Primeiro) anunciou a súa negativa a subscribir a petición do KMT para solicitar unha interpretación constitucional sobre a lei relativa á xestión de activos dos partidos. O KMT necesita o apoio de 38 deputados pero só conta con 35, aínda que o pertencente á Unión Solidaria Non Partidista mostrouse favorable a secundar a iniciativa. 

* A independentista UST, agora sen representación parlamentaria, manifestouse en Taipei para reivindicar a liquidación da Fundación para os Intercambios do Estreito e do Consello de Asuntos de China continental. 

* O Sindicato de Asistentes de Voo estuda a expulsión daqueles afiliados que acompañaron á presidenta Tsai na súa viaxe a Panamá e Paraguai do mes de xuño, nas mesmas datas en que se convocou unha folga. 

* O conflito coa empresa Uber podería despexarse o ano próximo. A compañía contratou a condutores cuxos vehículos non están rexistrados para uso comercial polo que a súa licenza será revogada. O goberno comprometeuse a emendar as regulacións existentes para legalizar o negocio.

* Inaugurouse en Kaohsiung o Centro de Desenvolvemento de Submarinos co propósito de construír o primeiro do seu tipo made in Taiwan. O reforzo da industria de defensa é un dos compromisos do PDP que prometeu investir 470 mil millóns de dólares taiwaneses entre 2018 e 2040 en 12 proxectos de construción naval.

* Taiwan solicitou a súa participación na próxima asemblea da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI), que terá lugar en Montreal (Canadá) do 27 de setembro ao 7 de outubro. En 2013 asistiu a este evento como “invitada especial” por primeira vez desde a perda do escano na ONU en 1971. En Beijing recordouse que a participación de Taiwan en organizacións internacionais débese basear no respecto do principio dunha Soa China e que debe haber arranxos entre as partes, cousa que non pode producirse en tanto non se recoñeza o Consenso de 1992 “ou a súa esencia”.

* Taiwan aspira a obter seis medallas nos XXOO de Río.

* A prensa hongkonesa informou que fontes próximas ao cardeal John Tong sinalaron que o Vaticano e China continental terían acadado un acordo básico en materia de nomeamento de bispos, salvando un escollo de gran importancia para normalizar os lazos diplomáticos. A chancelería taiwanesa reiterou a solidez dos lazos bilaterais.

* O presidente do Yuan Lexislativo, Su Jia-chyuan, encabezou unha delegación de deputados de diversos partidos políticos a Xapón, país elixido para a súa primeira viaxe ao exterior. Pola súa banda, a presidenta Tsai felicitou a Yuriko Koike por ser elixida gobernadora de Tokio. Así mesmo, o ex presidente Le Teng-hui avogou por integrar o poderío de investigación e desenvolvemento das compañías xaponesas e a capacidade manufactureira de Taiwan. No seu periplo, Su pediu a Xapón que axude a Taiwan na súa petición de acceso ao TPP. 

* A deputada do PDP Su Chih-fen, de visita en Vietnam, foi acusada polas autoridades do país de ingresar con visado de turista para realizar outro tipo de cometidos, incluíndo contactos con entidades opositoras. O seu pasaporte foille retido. Ao parecer, a axenda da súa viaxe incluía solicitar información sobre a contaminación provocada por Formosa Plastics Group ou a visita a un orfanato católico con fins benéficos. 

* No marco da Nova Política cara ao Sur, os nacionais de Tailandia e Brunei que visiten Taiwan permitiráselles unha estancia de 30 días sen necesidade de visado. A promoción comercial viuse reforzada en India, nas oficinas de Chennai, Kolkata e Mumbai.

* Kenia absolveu a cinco taiwaneses por cargos de fraude telefónica e esixiu a súa expulsión a Taiwan. Outros 11 taiwaneses foron detidos en Indonesia baixo a mesma acusación.

3. Datos relevantes

* Os orzamentos para 2017 prevén un alza do 1,2 por cento nos ingresos e do 1,1 por cento nos gastos do Estado. 

* A actividade manufactureira seguiu crecendo en xullo, encadeando cinco meses consecutivos.

* Máis do 40 por cento de empregados taiwaneses planean abandonar a illa para buscar mellores oportunidades, segundo un estudo da consultora 1111 Job Bank. China continental é a súa primeira opción, seguida por Xapón e EUA. 

* O número de suicidios incrementouse en 2015 un 4 por cento en relación ao ano anterior. 

* Taiwan foi cualificado como un dos países máis reputados de Asia-Pacífico, quinto na rexión e na posición vixésimo quinta en todo o mundo.

4. Nomes relevantes

* Antonio Chiang, novo representante de Taiwan en Singapur, viu comprometido o seu nomeamento tras ser detido pola policía por conducir en estado de ebriedade.

* A tenista Hsieh Su-wei anunciou a súa retirada do tenis taiwanés tras un incidente co xefe achego da delegación olímpica que participa nos Xogos de Río. 

* O futbolista portugués Cristiano Ronaldo será a imaxe da Fundación de Donantes de Sangue de Taiwan.