Se co fin da Guerra Fría nacía en Galicia o IGADI (1991) coma centro de estudos internacionais, no 1997 editábase o primeiro Tempo Exterior en liña coa misión central da entidade: a promoción da nosa presenza internacional e a comprensión do mundo desde aquí. Naquela primeira etapa en páxinas amarelas e DIN A4 grampados, impresos de maneira trimestral, dábase conta das actividades e iniciativas do IGADI, acompañadas de artigos relevantes, que a estas alturas da globalización podemos identificar coma proféticos. Daqueles primeiros boletíns do Tempo Exterior, quédanos á espera da súa dixitalización, o arquivo dos mesmos entre o patrimonio documental de trinta anos que acumulamos na nosa biblioteca, no Centro Cívico Sur de Pontevedra.

Aqueles primeiros números dan conta do mundo novo da globalización en curso, así coma do desenvolvemento da dimensión internacional da autonomía de Galicia, que no marco constitucional do 1978 normalizábase pinga a pinga con fitos coma a creación da Fundación Galicia Europa (1988) ou a Eurorrexión (1991). Coa consolidación da primeira década de traballo do IGADI, 1991-2000, aparecería a segunda etapa do Tempo Exterior, entre a divulgación e a academia, coa edición en formato libro, a regularidade semestral, e a análise do perfil internacional de Galicia e da xeopolítica internacional no centro da publicación, converténdose na primeira especializada na materia en Galicia.
Observando a colección da revista nesta segunda etapa 2000-2019, pódense repasar as liñas centrais da evolución da historia da acción exterior de Galicia, da man da rede de analistas e colaboradores do IGADI, así como da participación de figuras do noso xornalismo e mundo cultural e a permanente presenza entre as súas páxinas de protagonistas da historia política e institucional da Autonomía. Tamén, no repaso histórico ao conxunto dos sumarios podemos observar a evolución da sociedade internacional nas últimas décadas, arredor de temáticas de ámbito global do noso tempo, desde a evolución da Unión Europea e dos distintos bloques rexionais, a cooperación e o conflito internacional, a guerra contra o terrorismo xihadista, a emerxencia chinesa, a crecente defensa das identidades ou a crise económica do 2008-2009… Polas súas páxinas pasou un grupo de nomes ben plural e representativo do noso país e dos estudos internacionais ibéricos, europeos e internacionais.
O fundador e Presidente de Honra do IGADI, Xulio Ríos, dirixiu a revista ata o seu número 39 (xullo-decembro 2019) facendo da publicación un dos resultados conseguidos máis relevantes do IGADI; promover de maneira regular publicacións periódicas no obxectivo de crear un pensamento estratéxico propio en relación ao internacional, normalizando a lingua galega no ámbito dos estudos internacionais.
Na moi difícil misión de estar a altura deste legado que nos posiciona no centro do mundo, e inmersos no cambio xeracional da entidade, o Tempo Exterior iniciou no moi especial 2020 a súa terceira etapa baixo a Dirección do profesor da Universidade de Vigo, Celso Cancela. Tamén o Consello de Redacción foi renovado, facendo parte persoas de sete grupos de investigación das tres Universidades galegas, así coma o Consello Científico, que conecta con Universidades de 17 países e 3 continentes.
Sermos capaces de darlle continuidade ao inmenso traballo acumulado e especializado do IGADI é agora mesmo o obxectivo común das ducias de socios e amigas da entidade que xa encaramos neste 2021 o noso 30 aniversario. Convidámolos a acompañarnos no camiño, desde as institucións, mais especificamente desde a sociedade civil, para continuar no traballo de poñer en valor o perfil internacional de Galicia, agora máis que nunca coa aprobación da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia. E especialmente neste momento en que a Covid-19 evidenciou mais nitidamente que nunca que vivimos nun Tempo Exterior inevitable e permanente. Únanse a comunidade para ser nós no mundo, serán benvidas e benvidos.