Hai escasamente unha semana, eran maioría as análises que presaxiaban a proximidade da paz e o trunfo da teses indíxenas. A reforma constitucional sobre os dereitos e a cultura indíxenas aprobadas polo Congreso e o senado da Unión, contiñan a maioría dos textos consensuados nos Acordos de Santo André; mais as ausencias, minúsculas na súa dimensión en letra escrita e maiúsculas na substancia dos contidos, fracturaron o proceso de paz que tentaba rematar un conflicto que xa se prolonga dende hai máis de seis anos.
Sorpresa foi o termo empregado pola maioría dos deputados e senadores que disciplinadamente, aínda que a contravontade, aprobaron a Reforma Constitucional da Unión, cando tiveron coñecemento do duro comunicado do EZLN, rexeitando os acordos parlamentarios da semana pasada. Inicialmente remisos a que na Carta Magna se acollesen os esquecidos dereitos culturais e políticos dos indíxenas,os parlamentarios estaban convencidos de que se accedían tocar a Constitución, abriríase entón un proceso de achegamento e diálogo que propiciase a Paz.
A decisión de romper a mesa de negociación caeu coma un xerro de auga fría e deixou descolocados aos líderes das principais formacións políticas presentes no senado. Reaccionaron con sorpresa, empregando termos de groso calibre para referirse ao movemento indíxena. Para, Diego Fernández Ceballos, coordenador no senado do gobernamental PAN (Partido de Acción Nacional), o subcomandante Marcos incumpriu a súa palabra de respectar as decisións do Congreso da Unión. Para presidenta do PRI (Partido Revolucionario Institucional) Dulce Mª Sauri Riacho queda claro que o EZLN é o verdadeiro obstáculo para a paz e non os congresistas. Nas desconcertadas filas do PRD (Partido da Revolución Democrática) a noticia engadiu máis confusión que se manifestou na incapacidade de emitir comunicado algún.
A segunda transición mexicana viña impulsada polas demandas chiapanecas, lideradas por un insólito movemento guerrilleiro, o EZLN. Un movemento armado que renega da toma do poder, que fracasou nos 12 días nos que falaron as súas armas e que triunfou nos seis anos nos que empuñou a palabra e optou pola resistencia pacífica.
O comunicado asinado polo mestizo Marcos, en representación do Comité Revolucionario Indíxena- Comandancia Xeneral do Exército Zapatista de Liberación Nacional, máis alá da dura retórica insurxente coa que adorna o comunicado, no que parafrasea a Reforma Constitucional sobre os Dereitos e a Cultura Indíxenas para cualificala de Recoñecemento Constitucional dos Dereitos e a Cultura Latifundista e Racista, centra os puntos na da discordia, fundamentalmente en dous aspectos: a os dereitos históricos sobre a propiedade da terra e a organización territorial do estado que debe permitir o nacemento de institucións indíxenas.
Consideran que a tímida Reforma Constitucional non responde, en absoluto, as demandas dos pobos indios e traizoa, tanto os Acordos de Santo André como a Iniciativa de Lei da Concapa, en puntos substanciais como: A Autonomía e a libre determinación dos pobos indios como suxeitos de dereito público ou no acceso a propiedade das terras ou a posta en valor dos activos económicos.
Os desencontros son preocupantes. O movemento indíxena da por rotas as negociacións ata que se retome con fiel literalidade os Acordos de Santo André. Xa partiu dende as montañas do sueste mexicano a orde para que o Contacto autorizado, entre o EZLN e o Executivo Mexicano, o Arquitecto Fernando Yañez Muñoz suspenda os seus cometidos.
A dimensión do abismo non mudou, pero as pontes do diálogo agora están cortadas. Non é só un paso atrás, trátase dunha nova e preocupante fase.