Documento escrito e traducido ao galego por Luís Antonio González Francisco, orixinariamente publicado en castelán polo OIET (Observatorio Internacional de Estudios sobre Terrorismo).
images foto1

Terrorismo xihadista e armas de destrución masiva (ADM).

Desexo declarar que se os Estados Unidos usan armas químicas ou nucleares contra nos, entón responderemos con armas químicas e nucleares. Temos as armas coma elemento disuasorio”. Estas palabras de Osama Bin Laden foron recollidas nunha entrevista realizada por Hamid Mir, o 7 de novembro do 2001 nun lugar indeterminado do Afganistán. Foi publicada no diario paquistaní Dawn o día 10 dese mesmo mes. Eran as primeiras declaracións do líder de Al Qaeda tralos ataques do 11-S. Ante unha aseveración dese calibre, Hamid Mir preguntou a Bin Laden como adquirira ese armamento obtendo coma resposta un lacónico “Pase á seguinte pregunta”.

Desexo declarar que se os Estados Unidos usan armas químicas ou nucleares contra nos, entón responderemos con armas químicas e nucleares. Temos as armas coma elemento disuasorio”. Estas palabras de Osama Bin Laden foron recollidas nunha entrevista realizada por Hamid Mir, o 7 de novembro do 2001 nun lugar indeterminado do Afganistán. Foi publicada no diario paquistaní Dawn o día 10 dese mesmo mes. Eran as primeiras declaracións do líder de Al Qaeda tralos ataques do 11-S. Ante unha aseveración dese calibre, Hamid Mir preguntou a Bin Laden como adquirira ese armamento obtendo coma resposta un lacónico “Pase á seguinte pregunta”.

Os esforzos do terrorismo xihadista están orientados a fortalecer súa proxección coma ente xerador de elevada letalidade. Para acometer esta tarefa de maneira efectiva os xihadistas non abandonan o seu empeño de tratar de aumentar a súa capacidade mortífera derivada dos seus arsenais. Neste punto, a adquisición de Armas de Destrución Masiva (ADM) foi, e segue sendo, o “soño dourado” dos xihadistas.

images foto1

Osama Bin Laden e Hamid Mir. Fonte https://www.dawn.com/news/5647/osama-claims-he-has-nukes-if-us-uses-n-arms-it-will-get-same-response

Sobre este particular, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas (CSNU), na súa  Resolución 1540, aprobada polo  Consello de Seguridade na 4956ª sesión, celebrada o 28 de abril de 2004, recolle o seguinte: “[O CSNU] Decide tamén que todos os Estados, de conformidade cos seus procedementos nacionais, deben adoptar e aplicar leis apropiadas e eficaces que prohiban a todos os axentes non estatais a fabricación, a adquisición, a posesión, o desenvolvemento, o transporte, a transferencia ou o emprego de armas nucleares, químicas ou biolóxicas e os seus sistemas vectores, en particular con fins de terrorismo…”.

Os días 6, 7 e 13 de febreiro do 2001 prestou declaración ante o Tribunal do Distrito Sul de Nova Iork Jamal Ahmad Mohmamed al Fadl. Este individuo de orixe sudanés incorporouse a Al Qaeda no Afganistán a comezos da década de 1990. No ano 1996 entregouse ás autoridades estadounidenses e pasou a estar baixo a protección do FBI coa denominación de Fonte Confidencial 1 (CS-1).

Al Fadl relatou as xestións que realizara no seu país natal en nome de Al Qaeda para a adquisición de uranio. Entre finais do 1993 e comezos do 1994 mantivo varios encontros na capital sudanesa, Jartum, para tratar de facerse con material radiactivo. Al Fadl manifestou que se reuniu con Moqadem Salah Abd al-Mobruk, Tenente Coronel do exército sudanés, e con outro individuo chamado Basheer. Este último amosou ao propio Al Fadl e ao integrante de Al Qaeda Abu Rida al-Suri un cilindro que supostamente contería uranio. Tras recibir instrucións para organizar unha cita entre o Tenente Coronel al-Mobruk e Abu Rida al-Suri, Al Qaeda teríalle comunicado que a súa tarefa chegara ao seu fin polo que non chegou a coñecer o desenlace final da transacción.

Este episodio non foi un feito illado na traxectoria da organización xihadista tal e coma se contempla nun extenso estudio datado no 2008  titulado “Jihadists and Weapons of Mass Destruction” cuxos editores foron Gary Ackerman e Jeremy Tamsett. Entre as páxinas 422 e 428 (Apéndice A) publícanse unha serie de episodios, entre os que se inclúe o protagonizado por Al Fadl, que vinculaban a Al Qaeda coa adquisición de recursos químicos, biolóxicos, radiolóxicos e nucleares. No rango temporal que contempla, dende o 1993 ata o 2007, contabilízanse un total de 83 incidentes. Estes datos, tal e como sinalan os autores, foron obtidos de diferentes fontes abertas polo que a súa fiabilidade pode ser cuestionable.

En xuño do 2014, o anuncio da restauración do “califato”, supuxo a consagración do Daesh coma a figura de referencia do xihadismo mundial, relegando a Al Qaeda, a súa matriz primixenia, ao segundo plano do panorama do terrorismo xihadista. A abrupta separación de Al Qaeda non supuxo para o Daesh unha total ruptura táctico-estratéxica respecto da organización responsable da súa xéneses mantendo idéntico afán na adquisición e o emprego de recursos para adquirir ADM.

O 11 de abril do 2015, posicións dos combatentes kurdos, os Peshmerga, nunha aldea situada perto de Erbil, no Kurdistán iraquí, foron atacadas cuns cincuenta obuses que contiñan gas mostaza. Foi o primeiro caso do emprego destas sustancias por parte do Daesh. Outras accións similares perpetráronse nos meses seguintes aloxando o gas mostaza ademais de en obuses, nun variado abano de receptáculos entre os que se contaban granadas e foguetes de artillería.

Estes foguetes foron empregados no 2016 en dous ataques contra as localidades de Taza e Merae, nas inmediacións de Kirkuk, ao norte do Irak. Provocaron a morte dunha nena de tres años e deixaron máis de 600 feridos por queimaduras, deshidratación e  asfixia. No 2017, o Comité Internacional da Cruz Vermella (CICV) comunicou que atendera a unhas doce persoas posibles vítimas de armas químicas debido a que presentaban síntomas compatibles cunha exposición ao gas mostaza. As autoridades do Irak atribuíron ese ataque ao DaeshAbu Hamza al-Kurdi, alias empregado por Jamal al-Mashadani, cadro de alto nivel do Daesh que exercía de “gobernador” na zona,  responsabilizouse do ataque químico contra a aldea de Taza. Jamal al-Mashadani era oficial de intelixencia do réxime de Sadam Hussein.

images foto2

Imaxe dun proxectil susceptible de conter gas mostaza en Alepo (Siria) tras un ataque do Daesh a comezos de setembro do 2018. Fonte https://www.kurdistan24.net/en/news/84bbacf5-ba4a-4cd2-b542-a7cba5eeb059

Al-Mashadani non foi, nin moito menos, o único individuo integrado nas filas do Daesh orixinario da era de Sadam Hussein e cuxos coñecementos prestaron bos servizos ao “califato”. Exemplo paradigmático diso son os casos de Suleiman Daoud al-Afari e Abu Malik. Este último traballou nas instalacións iraquís de Muthana, centro de desenvolvemento de armas químicas do réxime de Sadam Hussein. No ano 2005 uniuse á filial iraquí de Al Qaeda e desde alí pasou a integrase no Daesh coma experto en armas químicas. O 24 de xaneiro do 2015 foi eliminado nas inmediacións de Mosul perante un ataque aéreo executado no marco da Operación Inherent Resolve.

En febreiro do 2016, efectivos da Coalición capturaron na localidade de Badoosh, ao noroeste de Mosul, a Suleiman Daoud al-Afari. Este individuo, enxeñeiro especializado en armas químicas e biolóxicas, inicialmente traballo para o réxime de Sadam Hussein e posteriormente uniuse ao Daesh.

Segundo IHS Markit, centro de análise de intelixencia, entre  o 2014 e maio do 2017, o Daesh  levou a cabo uns 70 ataques en territorio iraquí e outros 30 en Siria nos que empregaría armamento químico. Desta maneira, o “califato” adquiriría a dubidosa honra de ser o primeiro actor armado non estatal en empregar nos seus ataques axentes químicos, desenvolvendo estas accións de maneira sostida.

images foto3

Mapa no que se reflexa os ataques do Daesh con ADM. Fonte https://www.businesswire.com/news/home/20170613005676/en/

Para “legalizar” o emprego de recursos letais deste tipo, o Daesh basearíase en fetuas, edictos relixiosos, coma os emitidos polo crego saudí Nasir al-Fahd que defendía o uso de ADM contra os “infieis”. Nun dos seus textos do ano 2003 este pope do radicalismo afirmaba: “Un mata de forma correcta solo cando pode facelo. Se os que participan na xihad non poden facelo, por exemplo, cando se ven obrigados a bombardear, destruír, queimar ou inundar, está permitido. Un evita matar mulleres e nenos só cando pode distinguilos (…). Do mesmo modo, matar a un musulmán está prohibido e non está permitido; pero se os que participan na xihad se ven na obriga de matalo porque non poden repeler aos infieis ao loitar contra eles, está permitido, coma cando o musulmán está sendo utilizado coma un escudo humano".

Nasir al-Fahd tamén editou unha pequena obra na que defendía o emprego deste tipo de armamento. Esta publicación titulada “Tratado sobre o estatus legal do uso de armas de destrución masiva contra os infieis” recolle citas coma: “Se os musulmáns non poden derrotar aos kafir [infieis] de outra maneira, está permitido usar armas de destrución masiva. Incluso se os mata a todos e os borra a eles e aos seus descendentes da faz da Terra".

O tratado de al-Fahd atopouse no 2014 nun ordenador portátil que sería arrebatado ao Daesh no norte de Siria. O computador contiña 146 gigabytes de material, cun total de 35.347 arquivos distribuídos en 2.367 carpetas. Ademais da habitual propaganda xihadista, o ordenador, pertencente a un cidadán tunesino chamado Mohamed S., estudante de física e química, contiña un documento en árabe de 19 páxinas de extensión con información susceptible de ser empregada no desenvolvemento de armas biolóxicas e no seu emprego en atentados terroristas.

Paralelamente, a través dos seus eficaces aparatos de propaganda o xihadismo plantexou un escenario no que se atribuían unha hipotética capacidade de produción de axentes patóxenos. No 2014 desde foros xihadistas facíase referencia a posibilidade de realizar ataques tipo “lobo solitario” no territorio estadounidense mediante a introdución de individuos portadores de enfermidades con alto nivel de contaxio. Desde eses mesmos foros anunciábase que o Daesh planearía atacar aos EE.UU.empregando un continxente de 3.000 individuos denominados “Mártires do Ébola” que previamente terían sido infectados por esa enfermidade.

Tamén no 2014, o grupo xihadista Ansar al Islam difundiu imaxes nas que se vía en acción a un dos “científicos” da organización terrorista. Resulta chamativo, canto menos, que o suposto “home de ciencia” de Ansar al Islam aparece ataviado con elementos de protección ante outro individuo carente de eles.

images foto4

Fonte imaxe https://jihadintel.meforum.org/group/37/ansar-al-islam

Dentro da procura do xihadismo de potentes ADM ocupa un lugar importante un material denominado “mercurio vermello”. Tratase da “pedra filosofal” da alquimia xihadista do que se pensa que unha pequena cantidade, en combinación cun artefacto explosivo convencional, pode provocar unha reacción equivalente a unha detonación nuclear. Axentes de Osama Bin Laden terían realizado xestións para a súa obtención na década dos 90 do pasado século e o Daesh buscaría facerse con  mesmo a través de redes de contrabando. Todo o esforzo despregado resultou infrutuoso debido a que o material coñecido coma “mercurio vermello” sinxelamente non existe.

Segundo  recolle a Sentencia 33/10 da Audiencia Nacional “Polo Consello de Seguridade Nuclear informouse en relación ao mercurio vermello, que dito organismo non ten coñecemento da existencia ou uso de ningunha sustancia que se coñecese co nome de «mercurio vermello» que se utilice polas súas propiedades nucleares ou radiactivas, sen que dito centro posúa información fidedigna sobre a súa existencia nin sobre a  súa natureza”.

No que non tropeza o xihadismo é no emprego en beneficio propio de calquer elemento ou circunstancia que lle sexa de utilidade. A realidade socio-sanitaria derivada da pandemia provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19) en modo algún pasou desapercibida para a propaganda de Al Qaeda e o Daesh.

Este extremo queda recollido nun documento publicado o 21 de abril polo Real Instituto Elcano cuxa elaboración correu a cargo dos investigadores Sergio Altuna Galán e Carola García-Calvo, ambos con máis que acreditada solvencia no estudo e o coñecemento da fenomenoloxía terrorista. Este traballo, titulado “¡Castigo de Alá! O movemento xihadista global ante a crise do COVID-19”, sinala que as mensaxes de al-Qaeda en relación á pandemia foron de carácter “máis ideolóxico” mentres que as do Daesh “diríxese de forma máis directa e enérxica aos seus seguidores” e que “ambas organizacións xihadistas tratan estratexicamente de sacar proveito neste momento de incerteza”.

A propaganda xihadista recorre a todo tipo de ferramentas coma a súa hipotética capacidade de acceso a calquer tipo de recursos mortais para a proxección intimidatoria dunha fortaleza en moitas ocasións desmentida pola realidade. En palabras do Coronel veterinario Alberto Cique Moya da Dirección de Sanidade do Exército de Terra “A estratexia de comunicación formulada polas organizacións xihadistas demóstrase eficaz para alcanzar os seus obxetivos, xa que a soa mención de que dispón de capacidade operacional de diseminación de axentes NBQ en xeral, ou biolóxicos en particular, engade un factor de presión social acorde cos seus intereses”.

O acceso mediante adquisición ou desenvolvemento propio de recursos susceptibles de converterse en ADM foi unha constante no terrorismo xihadista. Practicamente dende  a súa xéneses foi adicando esforzos sostidos na súa procura. Unha panorámica ás últimas décadas parece amosar que os resultados neste campo foron canto menos exiguos ata o de agora.

O Daesh foi o único no seu emprego constatado mediante a liberación de gases tóxicos en ocasións coma carga adicional de explosivos convencionais. O acceso aos mesmos puido ser debido ao seu control territorial e a incorporación as súas filas, voluntaria ou forzosa, de individuos con coñecementos na materia provintes do réxime de Sadam Hussein. Con todo, eses ataques non tiveron un carácter estratéxico determinante nin tampouco xogaron un papel táctico definitivo, exceptuando o seu emprego propagandístico.

Pese a iso, non parece moi probable que o xihadismo abandone súas intencións de progresar neste campo focalizando seus esforzos en tres campos: territorio, captación e propaganda. No primeiro caso un control territorial facilitaríalle o intento de establecer, na medida das súas posibilidades, algún tipo de instalacións para avanzar nos seus planes.

No segundo apartado, o terrorismo xihadista supliu súas limitacións para a execución de ataques masivos externos mediante a organización de atentados “inducidos”. Sirva coma exemplo o caso de  Nidal Malik Hassan, militar de EE.UU. autor do atentado de Fort Hood (Texas) no 2009, quen visitara webs de contido xihadista e contactado co crego de Al Qaeda Anwar al Awlaki. Po iso, na estratexia das organizacións xihadistas podería figurar a conversión en “lobos solitarios” de individuos relacionados con distintas industrias que traballen con materiais NRBQ (Nucleares, Radiolóxicos, Biolóxicos e Químicos).

O terceiro punto, a propaganda, é o que lles requiriría un menor esforzo e no que os xihadistas teñen unha maior experiencia. O actual contexto cunha sociedade altamente conectada e cunha elevada, e comprensible, taxa de sensibilidade debido aos efectos da pandemia constitúe un terreo propicio para a proliferación de mensaxes de organizacións xihadistas. Mensaxes elaborados co único fin de aterrorizar.

Para frear esta “infección” sería preciso implementar medidas que xa están en funcionamento: intervención, non só no ámbito securitario, para evitar ou conter o control territorial das organizacións xihadistas; intelixencia para a detección pronta de potenciais captacións; madurez para percibir que contrariamente ao que pretenden coa súa propaganda, o xihadismo non é un problema existencial. Isto é, parafraseando a Herman Hesse, para non dar aos terroristas poder sobre un (1).

A aplicación práctica destas medidas ataca directamente á propagación do virus xihadista no espazo, nas mentes e nos corazóns.

Atribuír capacidades omnímodas ao terrorismo xihadista, ademais de erróneo sería unha inestimable contribución á súa propaganda. Por cuestións de seguridade o acceso a material nuclear ou radiolóxico é moi difícil. Aínda chegado a ese estadio, a súa manipulación e eventual “armorización”, incorporación a un vector con capacidade de diseminación, require un equipamento altamente tecnificado e coñecementos dificilmente alcanzables a través do visionado de vídeos e da lectura de manuais ad-hoc. Outro tanto ocorre cos medios necesarios para a obtención  de elementos infecciosos víricos e bacteriolóxicos.

Isto non implica en modo algún minusvalorar o nivel de ameaza do xihadismo, do que o Daesh no é orixe senón unicamente a enésima e máis letal mutación. Esta organización terrorista xa demostrou, pola máis expeditiva vía dos feitos, a súa eficacia na “avicultura”, concretamente na “cría” de cisnes negros.

Luís Antonio González Francisco.

[1] “Hai cousas e persoas que te asustan. ¿Por qué? Non é necesario ter medo de ninguén. Se se teme a alguén, é porque ese alguén ten poder sobre un”. HESSE Herman, “Demian” (1919).