Artigo publicado orixinalmente no Faro de Vigo, o 9 de xuño do 2024

Tiananmen e o futuro da China

Trinta e cinco anos despois da maior crise do denguismo, o que pasou na China o 4 de xuño de 1989 segue sendo tabú. Fóra, sen embargo, non hai aniversario que se esqueza. Certo tamén que outros moitos que merecerían ser recordados (de Iquique a Tlatelolco, poñamos por caso), pasan sen pena nin groria. Esa recorrente invocación que tanto incomoda en China é acompañada dunha lectura cada vez máis simplista. A memoria do acontecido demanda, sen embargo, unha abordaxe desprexuizada das motivacións e leccións daquel “incidente”.
Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Palabras chave China Tiananmen

A crise de Tiananmen foi resultado da suma de varias crises: da encrucillada da reforma e apertura de Deng Xiaoping pero tamén da do socialismo soviético que Mijail Gorbachov pretendía reformar. Foi entón cando os líderes chineses deixaron claro que a súa retórica non eran palabras ocas. En efecto, cando Deng alentaba a reforma da economía e da política chinesas deixaba tamén en evidencia os seus límites. As catro modernizacións tiñan como contrapunto os catro principios irrenunciables. E o primeiro deles, a hexemonía política do Partido Comunista da China (PCCh). O seu secretario xeral, Zhao Ziyang, afastarase dese camiño.

Tiannanmen fixou o rumbo dunha China que chega ata os nosos días. Mesmo recoñecendo que o actual liderado parte augas co denguismo en moitos aspectos, tanto na política interior como exterior, Xi Jinping ten en común coa proposta de Deng Xiaoping a premisa de que calquera reforma política -que reclamaban entón na protesta- debe obedecer ao principio do reforzamento do liderado do PCCh. O rexeite de calquer liberalismo de corte occidental é unha norma absolutamente asumida no PCCh.

Mesmo durante a época de Jiang Zemin (1989-2002), cando se propiciaron no campo as eleccións dos comités de aldeáns, ou na de Hu Jintao (2002-2012), cando os debates sobre a democracia deliberativa ou incremental pretendían transformar ao PCCh nunha “escola de democracia”, a evolución liberal estaba descartada. Pero esa indagación evidenciaba tamén a persistencia de certa conciencia dunha carencia política que urxía corrixir.

Unha segunda lección importante ten que ver coa corrupción, unha motivación que en boa medida fora o detonante das protestas daqueles meses quentes do verán pequinés. Dende entón, a loita contra o que Mao chamaba o “proxectil almibarado” foi gañando institucionalidade, flebe aínda no tempo de Jiang Zemin, máis reforzada en tempos de Hu Jintao, e, sobre todo, na de Xi Jinping. Certo que baixo este argumento téñense subsumido outros conflitos de poder, loitas entre cláns, etc., pero cabe recoñecer tamén un compromiso neste eido que vai camiño de ser tan estrutural como a propia corrupción.

Unha terceira lección apunta aos efectos sociais das reformas. A máxima denguista de que primeiro era a eficacia e despois a xustiza derivou en desigualdades que farían palidecer o igualitarismo maoísta. Seremos máis ricos pero non todos poderán enriquecerse ao mesmo tempo, aseveraba Deng. A súa exitosa reforma fixo da China un dos países máis desiguais do mundo. Por iso tamén protestaban en Tiananmen.

Unha democracia chamada “eficracia”

O debate aberto en 1989 arredor da democracia no sistema político na China segue sen resolver de todo.

Aínda que limitado a unha visión da democracia compatible co goberno do partido único, a finais dos 2000 e principios dos 2010, funcionarios, medios de comunicación e académicos discutiron publicamente o fortalecemento da democracia interna do partido e a liberalización das eleccións locais para permitir o pluralismo e incluír máis membros independentes. Os candidatos apartidistas presentáronse ás eleccións e tiveron certo éxito. Nas eleccións locais de 2011, os candidatos a favor dos dereitos civís intentaron participar na carreira baixo o lema “Unha persoa, un voto, xuntos cambiamos China”.

A pesar da falta dun sistema pluralista de partidos políticos (hai numerus clausus de oito máis legais), no que o acceso ao poder se basee en eleccións periódicas por sufraxio universal, o partido defínese como intrínsecamente democrático. A través da “democracia consultiva”, o PCCh incorpora formalmente os intereses de varios grupos sociais, pero a lexitimidade deriva principalmente de garantir a orde, a prosperidade e a seguridade.

Este ideal de democracia colectiva, orientada ao consenso, baixo o liderado centralizado do partido, xustaponse co estilo de confrontación e competición da democracia liberal occidental. Aínda que agora se presenta como o único sistema axeitado para China, non sempre foi incuestionado. As protestas estudantís de 1989 pediron unha reforma do sistema político chinés, incluíndo elementos da democracia liberal. A raíz deste movemento, o termo desapareceu en gran medida dos debates políticos en China.

Despois de que Xi chegou ao poder en 2012, a “democracia” foi incluída como un dos 12 valores socialistas fundamentais. Non obstante, isto non marcou unha conceptualización máis liberal da democracia. Os experimentos de participación foron pechados e os candidatos independentes reprimidos. En 2013, o documento número 9 definiu a democracia liberal como unha ameaza para a estabilidade. Conceptos como a democracia constitucional, a separación de poderes e a independencia xudicial son descartados regularmente como “pensamento ideolóxico incorrecto” que debe encararse cunha resistencia decidida.

Como afirmou Xi Jinping en 2017: “A democracia socialista de China é a democracia máis completa, xenuína e eficaz” pois “permite ás persoas exercer o seu dereito a ser propietarios do Estado”. En paralelo, a súa idoneidade debe medirse en función da capacidade para resolver con eficacia os problemas das persoas. É a “eficracia”.

Exploración viva

Que pode dar de si esa exploración? A lexitimidade do poder na China está en proceso de mutación. Xa non é de orixe, pola revolución; nin tampouco deriva do benestar deducido polas reformas económicas e sociais. Hoxe, a lexitimidade que se pretende construir asenta na hipótese dun estado con dereito, un sistema político baseado no respecto á lei, pero que garda máis proximidade co lexismo do emperador Qin Shihuangdi que co estado de dereito liberal, rexeitado de plano.

Indica que a preocupación segue viva, pero non achega aínda unha solución adecuada á implementación e respecto efectivo de aspectos básicos como os dereitos e liberdades individuais ou a separación Estado-Partido, asuntos, por certo, moi debatidos nos ano 80, na China posmaoísta e previa á crise de Tiananmen.