Ante a progresiva e constante perda militar de territorio e capacidades do Estado Islámico, actualmente diluído en bolsas illadas da divisoria sirio-iraquí ou en áreas desérticas (sen poboacións significativas baixo o seu control), comeza a asumirse a necesidade dun plan para o post-conflito. Recentemente o presidente Vladimir Putin aseguraba que a “operación militar” en Siria atopábase a piques de rematar e que imperaba centrarse nunha “saída política” para o conflito. Nesta senda parecen discorrer as posturas de Irán e Turquía, materializándose na reunión trilateral de presidentes do pasado 22 de novembro en Sochi.
Ante a progresiva e constante perda militar de territorio e capacidades do Estado Islámico, actualmente diluído en bolsas illadas da divisoria sirio-iraquí ou en áreas desérticas (sen poboacións significativas baixo o seu control), comeza a asumirse a necesidade dun plan para o post-conflito. Recentemente o presidente Vladimir Putin aseguraba que a “operación militar” en Siria atopábase a piques de rematar e que imperaba centrarse nunha “saída política” para o conflito. Nesta senda parecen discorrer as posturas de Irán e Turquía, materializándose na reunión trilateral de presidentes do pasado 22 de novembro en Sochi.
Sen embargo, a multitude de actores en liza, a múltiples niveis(1) e con axendas propias e contrapostas, parece dificultar o camiño cara unha solución común que satisfaga a tódalas partes. Pero, polo presente, parece que a vía ou a “Pax Siria” de Putin semella levar vantaxe ante a falta de iniciativa e peso, por vontade ou conxuntura sociopolítica, do resto de cabezas visibles da influencia rexional e internacional, EUA e Arabia Saudita.
No referente ao Daesh e o papel a xogar no espazo medio-curto, a estratexia parece orientarse cara a posible adaptación a esquemas de insurxencia, aproveitando os espazos desérticos nos que mantén presenza e realizando ataques de desgaste contra cidades e estamentos militares, políticos e sociais, á espera da posible reconfiguración do escenario xeopolítico. Sen embargo, existen outras alternativas ou posibles escenarios, polo que a aproximación estimativa debe darse con cautela.
Tralo colapso do “Estado” do Daesh
A recente expulsión da organización xihadista dos últimos redutos significativos (Deir Ezzor, Abu Bukamal, Al Qaim), sumado ás derrotas en Raqqa e Mosul e á recente perda do control da fronteira con Iraq, determina a insostibilidade do proxecto e reflicte na perda masiva de capacidades materiais, técnicas e humanas.
Este novo paradigma esixe á organización terrorista unha reformulación das súas bases e principios, unha ruptura co proxecto expansivo froito daquela peculiar asociación de antigos militares iraquíes e a insurxencia xihadista.
Os últimos acontecementos semellan indicar que esta reconversión e a asunción da derrota do pseudo califato xa se está a producir. A desbandada de gran parte das forzas do Daesh cara zonas desérticas, especialmente notoria trala entrada de tropas regulares leais ao réxime de Bashar al-Asadd en AbuBukamal, e a realización de “razzias” en territorios e poboacións xa controladas por outros actores, denotan un cambio estratéxico.
Isto non quere dicir que deixen de producirse conquistas e ocupacións puntuais ou presenza relativamente estable en certos enclaves rurais, pois resulta algo esencial para manter unha área de influencia dende a que poder actuar. Neste suposto predominaría, por tanto, unha adopción de “formas asimétricas e irregulares de combate (guerra de guerrillas, terrorismo) [...] ou no desenvolvemento de pactos de colaboración con outras estruturas insurxentes ou actores locais cunha axenda compartida, que non impliquen a perda da súa sinal distintiva e permitan continuar promovendo o seu discurso e obxectivos”(2).
A paulatina preeminencia cara unha certa clandestinidade, englobada nunha estratexia de desgaste para forzar unha conxuntura sociopolítica conveniente para as súas aspiracións, atópase profundamente ligada á dificultade para establecer canles de abastecemento e circulación cara zonas con presenza de grupos bandeira e o debilitamento sistémico da súa estrutura de captación (especialmente a nivel de recrutamento estranxeiro). Do mesmo xeito, tamén se aprecia unha exponencial emerxencia de células durmintes en áreas baixo control de forzas gobernamentais ou opositoras.
Debemos recordar que a “clandestinización” e as estratexias de insurxencia conforman a idiosincrasia xerminal do grupo, dende o éxodo de muiaidíns trala invasión de Afganistán (2001) e o seu asentamento e contacto con estruturas locais no Iraq post-Saddam Hussein, medrando ata as dimensións acatadas en 2014. Polo que, ante o complexo panorama político e estratéxico futurible, podería representar unha opción de gran valor, tentando emular un escenario coñecido e dende o que obtiveron plausibles resultados, cun potencial perigo pola experiencia e tecnificación adquirida e a capacidade de difusión e proxección global actual, ao albor do ciberespazo.
Paralelamente ao escenario que estamos a tratar, existe a posibilidade dun intento por reconstruír o proxecto de califato en áreas polo presente máis favorables, cunha presenza consolidade de grupos afíns (Sahel, Cáucaso, Sueste asiático etc.), aínda que dadas as circunstancias sería difícil que se erixise dende a estrutura matriz xurdida en Iraq e Siria.
Xestión do “post-conflicto”: a iniciativa rusa e a cuestión kurda
Conforme o “inimigo común” perde presenza e capacidades ante o avance das coalicións maioritarias, e proliferan as zonas de distensión ao longo do país, comeza a enarborarse o discurso da solución política para Siria, dun proxecto de pacificación ou “reconciliación nacional”.
Pese ao significativo escepticismo que supón dita retórica, o que si parece claro é que o tempo de xestionar o panorama sociopolítico resultante desta longa guerra civil está por chegar, unha xestión na que a axenda local non semella ser o primordial.
Nesta carreira por dirimir o xogo de influencias, sen lugar a dúbidas, leva a iniciativa a Rusia de Vladimir Putin. O papel predominante, a través de conversacións e acordos de paz paralelos á ONU (Astaná), a conxuntura actual que parece escorar aos demais actores relevantes cara a órbita de Moscova, e a situación militar favorable ao eixo pro-gobernamental, supoñen a consolidación e triunfo da iniciativa posta en marcha en 2015.
A pasada cimeira de Sochi remarca esta nova realidade xeopolítica da rexión, con Irán e Turquía materializando un achegamento de posicións e reparto de influencias baixo o paraugas ruso, que parece ter desprazado o papel de EUA coma árbitro na rexión.
Por unha banda, Irán consolida o seu papel preponderante coma actor rexional e asegúrase o ansiado corredor Siria-Iraq-Irán; Turquía, valedor de grupos rebeldes e turcomanos do norte do país, parece agora máis preocupada pola presenza kurda nas súas fronteiras (ás que vincula co PKK); mentres que Rusia afianza a súa presenza en Oriente Medio (bases militares, acordos comerciais, etc.), revalídase coma actor internacional de primeiro nivel e redeseña o mapa da rexión.
Do mesmo modo, o factor económico e xeopolítico resulta esencial nesta reorientación de forzas, sobre todo tendo en conta os deseños do futurible mapa de explotacións e transporte de hidrocarburos, certamente favorable aos intereses de Moscova, Ankara e Teherán. Así como diversos factores coxunturais, como a recente decisión do presidente Donald Trump de recoñecer a Xerusalén coma capital do Estado de Israel, causando un crecente malestar no executivo turco, afondando a crecente brecha entre ámbolos países e reforzando ás posicións e o achegamento cara o eixo ruso.
E todo isto sucede ante a paulatina perda de influencia de Arabia Saudita no país, principal sustento de numerosos grupos opositores. Ben sexa pola conxuntura actual do reino, inmerso nunha purga e recomposición interna dos grupos de poder (auspiciada polo príncipe herdeiro Mohammed Bin Salman), ou polos continuos reveses na súa política exterior en Iemen e Líbano, o seu papel preponderante coma arbitro da oposición parece diluírse progresivamente. Do mesmo xeito, a influencia de Qatar en certos grupos do norte do país (principalmente Hay’t Tahrir al-Sham) viuse comprometida trala ruptura de relacións con reino saudita e o posterior bloqueo do país.
Finalmente atopámonos coa cuestión kurda, principal reduto da influencia norteamericana no país. As capacidades militares e políticas da coalición Syrian Democratic Forces (SDF), que dominan o territorio comprendido ao leste do Éufrates e a rexión fronteiriza con Turquía ao noroeste, unido ás aspiracións en materia sociopolítica, poderían fomentar un novo foco de conflito.
Se ben é certo que ata o de agora mantense unha política tácita de non agresión coas forzas pro-gobernamentais, salvo algúns incidentes puntuais, de feito existen certas áreas nas que ámbalas forzas coordinan as súas accións en presenza (Manjib).
Sen embargo, as aspiracións federalistas manifestadas polos representantes das SDF parecen ter difícil encaixe non proxecto do goberno de Al-Assad e, pese a que se ten falado moito sobre a posible “balcanización” de Siria, a tenor das circunstancias esta non parece que se vai a levar a cabo, ao menos de feito (máis ben coma áreas de influencia). É aquí onde poderían confrontar as posturas, tendo en conta tamén que amplas zonas petrolíferas de Deir Ezzor atópanse baixo o paraugas da coalición, algo que recentemente detonou un conflito no veciño Iraq (Kirkuk).
Tampouco parece que as forzas kurdas vaian a renunciar aos territorios controlados con tanta facilidade coma no escenario iraquí, ante a presión gobernamental, nin tampouco parece que os EUA (pese ao “illacionismo” enarborado polo seu presidente) vaian a renunciar a súa influencia na zona a través do grupo, sen obter nada a cambio polo menos.
Polo tanto, a cabida de ámbolos proxectos parece presentarse coma o principal escollo a encaixar no futuro sirio, tendo en conta a preponderancia dos dous bloques e a constancia de que a continuidade do réxime de Bashar al-Asad semella asegurada, ao menos no curto-medio prazo.
Por outra banda, a progresiva perda de apoios ou a confluencia de intereses na órbita rusa, sitúa a parte dos grupos opositores ante a perspectiva da aceptación forzosa do novo status quo, mais aínda tendo en conta o progresivo protagonismo e control territorial das forzas de carácter islamita e xihadista na provincia de Idlib (situación impulsada por actores externos), ultimo gran reduto da oposición siria.
Alexandre Rey Parrado
é licenciado en Historia (USC) e Master en Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais (USC e Centro de Estudos de Seguridade de Galicia).
Citas bibliográficas:
(1) A nivel macro EUA/Rusia; a nivel meso Arabia Saudí/Irán; a nivel micro goberno/oposición.
(2) De la Corte Ibáñez, Luis “Cuando el Estado Islámico perdió su Estado. Un análisis estimativo sobre los efectos más probables del fin del poder territorial del Daesh” Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE) Documento de Opinión (09/11/2017) http://www.ieee.es/Galerias/fichero/docs_opinion/2017/DIEEEO111-2017_EI_Raqqa_LuisdelaCorte.pdf