O Partido Socialista (PS), liderado por José Sócrates, acadou o pasado domingo unha vitoria histórica en Portugal, obtendo a primeira maioría absoluta para a súa formación nunhas eleccións lexislativas. A magnitude da vitoria do PS foi proporcional á intensidade da derrota do Partido Socialdemócrata (PSD), de Santana Lopes. Un 45,04% fronte ao 28,7%, nivel de respaldo suficiente para calibrar as posibilidades de subsistencia política do ex alcalde de Lisboa, obrigado a convocar un congreso extraordinario que se celebrará nos próximos meses. O que conta xa non é o seu nivel de apoio, en por si reducido, senón o nivel de rexeitamento que suscita a súa figura e o seu rancio populismo. Luís Marques Mendes apunta como rival.
A onda expansiva desa catarse no epicentro da vida política portuguesa tivo outras manifestacións salientábeis. En primeiro lugar, o CDS-PP, da man de Paulo Portas, ministro de defensa, non puido evitar que a corrente de retroceso tamén o arrastrara, perdendo dous deputados e forzando a dimisión da súa figura máis representativa. Paulo Portas levaba sete anos liderando esta formación, en tempos testemuñal, e conseguira transformala nunha opción de goberno. Nesta ocasión, aspiraba a saltar a barreira dos dous díxitos e quedouse no 7,26%. Tivo, con todo, a coraxe e a decencia de excluír a súa continuidade, nun exemplo de coherencia, por certo, tan ausente na política que se desenvolve no outro estado da península. A fin de contas, soamente retrocedeu dous deputados.
En segundo lugar, a confirmación e ascenso da CDU. Jerónimo de Sousa, quen desenvolveu unha campaña tan esgotadora que no último debate fóiselle literalmente a voz, evitou a desfeita da formación que lidera o Partido Comunista, beneficiado pola elevada participación, do 65% e superior ás expectativas, recollendo boa parte do voto de castigo da dereita e afincándose nunha terceira posición moi honrosa, seguido moi de preto polo Bloco de Esquerda (BE) de Francisco Louçá, que competía por esa mesma posición. Jerónimo superou con creces as feblezas do seu antecesor no cargo, Carlos Carvalhas e inxectou ánimo, tan necesario, nas filas comunistas. En terceiro lugar, cabe destacar precisamente o forte aumento do Bloco, que pasa de 3 a 8 escanos, cun 6,38 % do sufraxio (7,57 % para a CDU). O BE cumpriu á vontade as previsións e mesmo pode dicirse que as superou cabalmente; fallou, non obstante, no obxectivo de impedir a maioría absoluta do PS, o que lle resta capacidade de influenza. Por último, en cuarto lugar, cabe destacar, no seu conxunto, o xiro á esquerda da política portuguesa, moi pronunciado, abrindo un novo ciclo político que deixa ó centrodereita en condicións moi ruinosas e unha esquerda na que os signos de renovación apuntan tempos de mudanza.
O PS poderá gobernar con toda tranquilidade pero a situación de Portugal non permite alegrías e as voces que reclaman cambios estruturais na economía portuguesa para pór fin aos tempos de incerteza son poderosas e influentes. ¿Como reducir o déficit público e facer da sanidade e a educación servizos eficientes? ¿Como facer máis livián o estado e aumentar o emprego? O ciclo de recesión provén de 2002 e reverter a situación non será doado.
Sócrates conseguiu o que nunca puido lograr nin Mario Soares nin Antonio Guterres, o seu mentor. Todo un éxito, maior do esperado. Social demócrata de centro esquerda de inspiración nórdica, ninguén sabe se buscará e dará atopado un modelo escandinavo para Portugal. "Que Deus o ajude", como salientaba o editorial do Diario de Noticias na segunda feira.