Trescentos millóns

Apartados xeográficos Oriente Médio ARQUIVO
Idiomas Galego

Non hai dúbida de que poucos nos gañan en fachenda: aportamos para a chamada reconstrucción de Iraq trescentos millóns de dólares. E, por exemplo, a Unión Europea só douscentos cincuenta mil. Algo que lembra aquel chauvinismo salazarista, que nas alfándegas de Portugal poñía o mapa de Angola superposto ó de Europa para que se vise aquel "na súa verdadeira dimensâo".

Pero o problema aquí é máis grave. Porque os alemáns e os franceses, que tanto esforzo fixeron para que a nosa economía puidese converxer coa europea, con achegas que non sempre se empregaron cunha mínima ortodoxia, empezarán a preguntarse que raro país é este que, sendo perceptor de fondos de cohesión, pode doar trescentos millóns de dólares.

É difícil facer unha política menos hábil respecto de Europa. Como se nada tivésemos que ver con ela. E iso é o que, "sen complexos", pensa a dereita que nos goberna, como sempre o pensaron tódalas dereitas de tódolos tempos que aquí teña habido. Tocante a Europa, a dereita foi sempre arredista.