20060504puerto iguazu kirchner evo lula chavez

Triángulo do Gas

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego
 Néstor Kirchner, Evo Morales, Lula da Sliva e Hugo Chávez, clic para aumentar
Brasil, Venezuela e Bolivia, son algúns dos novos rostros do cambio que avanza no continente. Evo Morales, Hugo Chávez e Lula da Silva comandan proxectos de cambio nos que se podían entoar melodías diferentes, pero emitían na mesma onda transformadora. Este sólido triángulo xeopolítico comeza a deixar visibles algunhas gretas que están a abrirse por lexítimos intereses nacionais. (Foto: Puerto Iguazú Argentina, 04/05/2006. Presidentes Néstor Kirchner, Arxentina; Evo Morales, Bolívia; Lula da Sliva, Brasil; e Hugo Chávez, Venezuela. ©Ricardo Stuckert/PR).
 

Brasil, Venezuela e Bolivia, son algúns dos novos rostros do cambio que avanza no continente. Evo Morales, Hugo Chávez e Lula da Silva comandan proxectos de cambio nos que se podían entoar melodías diferentes, pero emitían na mesma onda transformadora.

Este sólido triángulo xeopolítico comeza a deixar visibles algunhas gretas que están a abrirse por lexítimos intereses nacionais.

A ninguén colleu de sorpresa que o presidente Boliviano anunciase a nacionalización dos recursos en hidrocarburos. Quizais puido desconcertar a escenografía mediática, perfectamente coidada para facer público, o que Evo Morales levaba como proposta estrela no seu programa electoral. Mais o país andino, que figura nos últimos lugares en todos os índices desenvolvemento rexional, tiña poucas posibilidades de retomar as rendas do seu futuro sen votar man da súa principal riqueza: O gas. Cousa que xa comezara a facer, de forma incipiente, durante a etapa do anterior goberno de García Mesa. No referendo de 14 de xullo de 2004, o pobo boliviano se decantaba claramente por nacionalizar e retomar o control dos recursos naturais. Empresas como Repsol xa tiñan desviado investimentos cara a Perú nos últimos anos.

A decisión de Bolivia está a provocar as primeiras fisuras entre países que decidiran camiñar por sendas diverxentes a aquel Consenso de Washington, que coas súas propostas neoliberais deixara máis pobreza no continente, especialmente no último lustro do pasado século.

O país máis afectado pola decisión do Goberno boliviano é Brasil, país que dende o ano 1996, data da última privatización que baleirou YPFB (Xacementos Petrolíferos Fiscais Bolivianos) promovida polo presidente Gonzalo Sánchez de Lozada, investira 1.500 millóns de dólares nos pozos bolivianos e outros 2.000 en infraestruturas para transportar o gas ata o seus grandes centros fabriles.

O decreto 28.701, polo que se decidía nacionalizar as accións necesarias das empresas privadas estranxeiras, para que YPFB controle como mínimo o 50% nas empresas Chaco SA (British Petroleum), Andina SA (Repsol), Transredes SA (Shell), Petrobrás Bolivia Refinación SA e a Compañía Loxística de Hidrocarburos de Bolivia SA, non só colleu co pé cambiado ás empresas europeas que estaban no accionariado, senón que tamén deixou descolados a gobernos amigos como Brasil ou Arxentina.

A recomposición do mapa enerxético zonal está a experimentar grandes mutacións aceleradas, nas que os intereses nacionais prevalecen sobre alianzas politico-ideolóxicas zonais. Conciliar boas relacións cos veciños amigos e defender vías de desenvolvemento autóctonas non vai ser tarefa doada. Con Chávez e Kirchner ou Lula, o goberno boliviano ten as maiores afinidades, pero dáse a fatal coincidencia que son precisamente estes países os maiores clientes netos do país do altiplano, que posúe as segundas reservas continentais de gas. Aos seus irmáns maiores, así os nomeou no discurso presidencial, hai pouco máis de cen días, dirixiuse Evo Morales para solicitarlles que non o exclúan das arterias da distribución do gas continental que trazaron Chávez, Lula e Kirchner, no último cumio do Mercosur no proxecto de gasoducto Venezuela-Brasil-Arxentina.

Ao seu maior cliente, Arxentina, quere triplicarlle o prezo do gas. Con Brasil, país que explota o 45% dos recursos gasíferos bolivianos, a través da empresa pública Petrobras, que dirixe o Petista José Sergio Gabrielli, vai ter que afrontar a negociación máis dura de cantas se fagan coas empresas de capital estranxeiro.

Con esta decisión o Goberno boliviano pasa a páxina as espoliacións históricas feitas en carne viva polas que aínda sangra en forma da pobreza crónica máis aguda de Sudamérica. Comeza un novo tempo no que atrás quedan os saqueos da prata, do salitre, do caucho ou do estaño.É o tempo do Gas.

Coa nacionalización do 1º de maio, o goberno calcula recadar un 69% máis anualmente. Aproximadamente uns 320 millóns de dólares adicionais, aos 460 que entran cada exercicio en concepto de hidrocarburos.

Os custes nas relacións cos amigables veciños están por contabilizarse nos próximos meses.