ucraina

Trump está máis perto do agresor que de Europa

O que está a ocorrer arredor de Ucraína nestes momentos non debería sorprender a ninguén, porque era completamente predicible; tanto a agresión aberta a gran escala de Putin como os ataques de Trump, ata agora verbais, contra toda a orde mundial. Todo o mundo podía ver o que realmente estaba a pasar, pero todos querían desesperadamente crer no mellor, mentres a curva da crise derivaba ao mundo real inevitablemente cara á solución de contenciosos por vía militar. Durante moito tempo, todos -os políticos e electores- evitaron resolver os problemas reais e esperaron -por enésima vez na historia- satisfacer a un depredador rabioso con vexetais.
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Guerras Ucraína

Medorentos de abordar seriamente cuestións candentes, os políticos prefiriron non escoitar a última chamada, cando, con voz temblorosa, o agresor do Kremlin anunciou o paso a unha acción militar aberta baixo a aparencia dunha «operación militar especial». A única resposta adecuada foi a negativa do presidente Zelenskyi a seguir demostrando de forma reiterada a súa falta de vontade para prepararse para a guerra e proceder a repeler a agresión. Por desgracia, a súa actuación como comandante en xefe supremo na organización da defensa e a mobilización da axuda internacional non foi suficientemente eficaz, non só pola súa falta de profesionalidade, senón tamén pola presenza inoportuna do desexo de parecer un líder político influínte.

Porén, non hai razón para declararlle responsable da guerra, como o fai D. Trump, nin para presentalo como un dictador (a pesar da súa inclinación polo autoritarismo e a persecución dos rivais políticos) debido á imposibilidade de celebrar eleccións baixo a lei marcial.

Ao actual presidente estadounidense élle completamente indiferente se os seus comentarios teñen unha base válida, por exemplo, a promesa de terminar a guerra en 24 horas e todas as outras, pero debería ser profundamente inquietante que aplique á vítima dunha agresión definicións que evidentemente son aplicables a Putin. Con todo, Trump non utilizou nin unha soa vez a palabra «agresión»; segundo el, esta guerra «sen sentido» ocorre polo «estúpido desexo de Zelenskyi de facer a guerra». O mundo de Trump é un mundo ao revés, onde a violación ocorre porque a vítima creou posibilidades para iso, onde é Putin quen quere a paz e Zelenskyi quen se resiste obstinadamente á instauración da paz. Un non pode evitar recordar cómo, trala partición de Polonia e a conclusión do tratado de amizade e fronteiras mutuas, Stalin e Hitler criticaron aos «incendiarios de guerra anglo-franceses» que non querían aceptar «as propostas de paz do Sr. Hitler», como decía o diario Pravda, o voceiro do Kremlin.

Esta posición do líder estadounidense serve a Putin de forma bastante satisfactoria como tapadeira para maximizar a consecución dos seus designios agresivos, e isto viuse no incremento da intensidade dos ataques das súas tropas contra Ucraína. As recentes declaracións de altos funcionarios estadounidenses, no sentido de que Ucraína non poderá ingresar na OTAN, que non poderá volver ás fronteiras anteriores a 2014, significan que Ucraína queda privada do apoio da administración de EE.UU., que outorga toda a súa comprensión claramente a Putin. As críticas destrutivas do equipo de Trump contra as organizacións internacionais, a Unión Europea, as sancións contra Rusia, a OTAN, etc. son extremadamente favorables para o país agresor.

Despois dun mes de goberno de Trump, dá a impresión que lle é polo menos igual se a paz promovida por el salvará a Ucraína, porque xa está a advertir ou ameazar a Zelenskyi de que pode perder o país. En calquera caso, o curso dos acontecementos suxire que Trump pretende negociar só con Putin, a quen considera un interlocutor válido e mesmo respecta como político forte.

Os líderes europeos, xunto con Zelensky, non se deben indignar en van polo feito de que Trump e Putin negocien sen a súa participación. No seu cinismo, Putin pregunta sinceramente: ¿para qué Ucraína querería estar presente nas negociacións? ¿Seica necesitamos que faga de intermediario para negociar entre EE.UU. e Rusia? Calquera debería darse conta de que os amos da Casa Branca e do Kremlin estarán a negociar a paz para si mesmos.

Trump quere ser o líder dunha América que volverá ser grande, é dicir, que deixará de ter en conta os intereses dos demais, e fixo que os seus votantes crean que, sen dúbida, sentiranse mellor como cidadáns dun país grande de novo.

Putin lavou o cerebro á súa poboación con contos de que lles irá mellor cunha esquirla do imperio de Stalin, en forma de Federación Rusa, como se se lle devolvese «por dereito» a suposta grandeza da URSS, baseada na súa participación na victoria sobre Hitler, que custou millóns de vidas, moitas das cales se perderon xustamente pоrque inicialmente Stalin había urdido un listo acordo co Führer contra todos os seus futuros aliados.

Pero iso é unha historia demasiado remota para Trump, o que lle gusta de Putin é que pola súa necesidade de facerse «respectar» non se detén ante nada, mesmo se atreve a empregar a forza militar destruíndo a paz en Europa, que se logrou a tan alto custo. Na súa quenda, Putin é tan comprensivo que se solidariza con Trump porque lle roubaron a victoria electoral.

O que une ou achega aós dous actores da política é que, na persecución dos seus intereses e desexos, que creen coincidentes cos dos seus estados e nacións, non pensan restrinxirse pola moral, a xustiza e o Estado de dereito. Para negociar entre eles non necesitan a participación de terceiros, nin sequera cando se trata decidir sobre o destino destes.

Os intereses de Ucraína están completamente ausentes deste diálogo. A seguridade de Europa, segundo Trump, debe ser responsabilidade dos europeos. Para a paz da América de Trump, a absorción de Ucraína pola Rusia de Putin non supón ningún dano. Trump verase completamente exitoso como reconstrutor da paz, se consegue que se deteñan as hostilidades, non importa en que condicións nin cán duradeiro sexa o armisticio. Tal paz eximirao de responsabilidade por non axudar a Ucraína, ademais mostrará a inutilidade da axuda prestada pola administración predecesora.

A estas alturas, en cuestións da guerra, EE.UU. afastouse de Kíiv e coa súa “comprensión” máis se achegou ao Kremlin, deixando a Ucraína sen a súa axuda, que sempre foi crucial, aínda que Zelenskyi e os seus altos cargos agora traten de animarse, dicindo que o seu volume era de “tan só” 20 ou 30 por cento e que a parte máis grande fornecíaa Europa, que segue decididamente ao seu lado.

Foi bastante dura a crítica que chega á administración norteamericana desde Alemaña, que é o principal provedor de axuda na Unión Europea. O presidente de Francia, E. Macron, celebra reunións de emerxencia cos países membros da OTAN sen EE.UU. e da Unión Europea sen Hungría nin Eslovaquia para pechar filas dos amigos de Ucraína concientes de que a guerra de Putin lles ameaza tamén.

Porén, a actitude xeral ante o perigo segue a mesma: como se o peor non se producise aínda. Neste sentido foi a declaración do mandatario francés en canto a que “temos o mesmo obxectivo que o presidente Trump, é dicir, acabar coa guerra agresiva de Rusia que dura xa tres anos”. Sen dúbida algunha, expresa o desexo de todos, dicindo que ” Ucraína debe estar presente e débense respectar os seus dereitos ” e que a paz debe ser duradeira e ir acompañada de garantías sólidas e creíbles, e que se deben ter en conta as preocupacións europeas en materia de seguridade, pero non queda claro se se sabe cómo acabar coa ominosa agresión rusa.

A actual situación crítica en Europa e no mundo desenvolveuse precisamente debido a xestos indecisos de disuasión contra o neoimperialista Putin, coa vana esperanza de que os dirixentes do Kremlin non se atrevan a dar o seguinte paso de escalada. Tras ter deixado pasar o tempo para pensar nun plan de prevención da agresión, e despois nun plan para derrotar o agresor, agora buscan entre as escasas oportunidades de negociar a paz despois de consumada a agresión.