Artigo orixinalmente publicado no Nós Diario, 12 de maio do 2026
Top view of roll of dollar bills on colorful flag of United Stated of America symbolizing pride and unity

Trump Vs China: A vaquiña polo que vale

Permanecer cegos ante o mercado chinés non é unha opción intelixente para as empresas do país. Se ben a primeira potencial mundial en termos de PIB continúa a ser EEUU, o país asiático avanza a ritmo constante no proceso de achegamento ao líder.

Con case 30 billóns de euros, EEUU continúa a manter o récord de valor da produción anual por país. En termos per capita, a cada estadounidense correspóndenlle case 80.000 €. Unha cifra nada despreciable. A certa distancia en canto a valor de produción sitúase China en segundo lugar, cunha cifra próxima aos 20 billóns de euros, uns 13.000 euros de PIB por habitante. Visto así, a distancia entre os dous países parece aínda grande, e en termos absolutos así é. Mais cómpre explicar algúns matices.

Mentres nos últimos 25 anos a economía norteamericana multiplicou por tres o seu PIB, a economía chinesa fíxoo por vinte. No mesmo período, o PIB per capita norteamericano máis que duplicou (algo máis de 2,5 veces), mentres o chinés multiplicou por doce. Iso si, en ambos os casos partindo de valores máis baixos o país asiático. Ademais, o nivel de prezos é diferente nos dous países. En termos de paridade adquisitiva (é dicir, reequilibrando o efecto dos prezos en cada país), a renda americana sería de 75.000 € e a chinesa sitúase arredor dos 25.000 €, non lonxe dalgunhas economías occidentais.

Outros factores tamén moderan a distancia e reequilibran as diferenzas entre estas dúas economías.  Mentres a inflación crece en EEUU por enriba do 3%, en China mantense en valores próximos ao 1%, segundo as estatísticas oficiais. Ademais, as taxas de crecemento económico son tamén diferentes, no caso norteamericano con valores próximos ao 3% (inestable durante os últimos anos), e no caso chinés superior, arredor do 5% (con crecemento estable). Gran parte da tendencia positiva na evolución económica chinesa asenta no éxito durante as últimas décadas do seu modelo de exportación, un modelo que nace froito da deslocalización industrial impulsada por occidente a partir dos anos oitenta na busca de menores custos de produción na costa asiática.

Por tanto, o proceso de achegamento chinés está a producirse e avanza a bo ritmo. Se a isto engadimos o control do país amarelo de materias prima clave -como as terras raras- na produción de bens tecnolóxicos e a aposta polas enerxías renovables, fronte ao estancamento norteamericano nun modelo económico baseado nos combustibles fósiles, as perspectivas futuras que se albiscan son tamén optimistas para China. Máxime nun contexto mundial marcado pola conflitividade axitada desde norteamérica, unha estratexia que podería converterse nun boomerang de regreso para Trump e os propios estadounidenses.

Pola súa parte, a Unión Europea, como boa alumna estadounidense, e con parte da produción tamén deslocalizada a China nalgúns sectores clave, foi nos últimos anos aplicando por imitación algunhas das medidas proteccionistas norteamericanas, como a regulamentación aprobada para frear o investimento estranxeiro directo de orixe chinés, ou algunhas medidas arancelarias. Sen embargo, a guerra da Ucraína primeiro -coa suba dos prezos do combustible como consecuencia da prohibición de abastecemento de gas ruso-, e a guerra de Irán despois, fixeron espertar do letargo a parte dos membros da UE, conscientes por fin de que a estratexia internacional do barro dos norteamericanos incluía mermar as capacidades europeas. O resultado desta nova consciencia foi a aceleración por parte da UE da aprobación de tratados de libre comercio, o Mercosur primeiro, o tratado coa India despois. E China?

Igual que a ninguén se lle escapa que o feito de non pechar a guerra de Irán antes da visita de Trump a China en maio non é casualidade, tampouco se nos debe escapar que a recente visita do presidente español a China durante o mes de abril foi algo máis que unha visita estatal. O evento, non exento de crítica dos seus rivais, terá a súa prolongación tamén a nivel empresarial. O obxectivo, mellorar a situación exportadora española e galega no país. Ninguén dubida xa da importancia de China como destino futuro de exportación. Iso si, a sociedade debe aínda vencer a falta de coñecemento, a distancia cultural e o argumentario reaccionario creado polos discursos pretéritos. Significa isto abrazar a inxenuidade? En absoluto. É positivo aproveitar as oportunidades, ou iso pensamos desde o posgrao de Economía e Política China da USC. Iso si, a vaquiña polo que vale.