ucrania 1 5 1

Ucraína cambia Europa… e tamén o mundo?

Guerra de novo en Europa. Conforme pasan os días, pese á asimetría dos belixerantes, a expectativa dunha operación rápida e limitada no seu impacto está moi en dúbida. O nivel de destrución e as consecuencias humanitarias agrándanse co paso das horas e a hipótese dunha dramática evolución “á chechena” vai tomando corpo en paralelo ao incremento da resistencia ucraína ao invasor ruso.
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave China UE Rusia Guerra Ucraína
Idiomas Galego

Guerra de novo en Europa. Conforme pasan os días, pese á asimetría dos belixerantes, a expectativa dunha operación rápida e limitada no seu impacto está moi en dúbida. O nivel de destrución e as consecuencias humanitarias agrándanse co paso das horas e a hipótese dunha dramática evolución “á chechena” vai tomando corpo en paralelo ao incremento da resistencia ucraína ao invasor ruso.

Como chegamos a isto? Actuouse irresponsablemente de forma colectiva? Era tan difícil dar unha oportunidade á diplomacia para resolver equilibradamente as demandas de cada contendente? Forma isto parte dun contexto de transformación maior que alcanza á orde mundial da posguerra fría no seu conxunto?

Espazo había para satisfacer dalgún xeito as demandas de Rusia e evitar a súa condenable acción. A insistencia na expansión da OTAN cara o Leste cuestiona o enfoque dunha seguridade inclusiva que debe ser un principio básico para garantir a confianza estratéxica e a non confrontación. Que supón unha limitación da soberanía de Ucraína? Hai escasos meses, en Honduras, a presidenta electa Xiomara Castro anticipou a súa intención de establecer relacións diplomáticas coa China, cortando 80 anos de relación con Taiwán. Unha delegación de alto nivel dos Estados Unidos presentouse en Tegucigalpa para advertila das posibles consecuencias se o facía. A esposa de Manuel Zelaya, coa memoria na retina do que acontecera durante a derrubada presidencia do seu marido, desdíxose rapidamente. E unha cuestión se se quere “menor” en comparanza coa relativa á seguridade en xogo en Europa, pero sobran exemplos, resesos e frescos, de “soberanía limitada” aplicada por Occidente.

A Unión Europea, hoxe maioritariamente conservadora nas súas capitais, está irrecoñecible nesta guerra. Non sabemos se estariamos nesta situación con A. Merkel en Berlín. O xiro alemán, cun goberno socialdemócrata e verde, cancelando ipso facto o gasoduto Nord Stream 2 (como esixían dende os EUA) e revisando á alza a súa política militar e de defensa, rebenta un tabú. A “autonomía estratéxica” reivindicada con Trump é substituída agora pola vella submisión ás estratexias alén do Atlántico. Europa está máis unida ca nunca…aos EUA.

Nun cálculo frío, Washington é quen gaña. Rusia pode obter unha vitoria militar pero será cun alto custe. Globalmente, para moitos, xa perdeu. Despois da apresurada saída de Afganistán, co seu liderado moral, político e estratéxico en cuestión, sen disparar un só tiro, a Administración Biden recupera reputación ata no ámbito dos servizos de intelixencia.

De Ucraína a Taiwán

Pero ampliemos o foco: que está realmente en xogo? Arrisquemos na interpretación. É probable que nesta década tan perigosa que vivimos, se determine o signo da pugna pola hexemonía global. Os Estados Unidos e Occidente non aspiran a compartila encaixando os grandes cambios experimentados no mundo nos últimos corenta anos. Sabemos que o principal rival estratéxico é China, non Rusia. E levamos varios anos xa acumulando resentimentos de todo tipo contra Beijing. Esta tendencia, previsiblemente, vaise agravar.

O incremento da presión contra China é claramente perceptible. Aí están as guerras comerciais e tecnolóxica (non é premer nos aliados para que non adopten o 5G de Huawei unha limitación da súa soberanía?) pero tamén a presión política e a confrontación ideolóxica. Tamén a militar coa creación do AUKUS, o reflote do QUAD e o fortalecemento das alianzas anti-China de todo tipo.

A Ucraína de Europa, aquí é Taiwán. Tense comentado moito nestes días a relación entre un caso e outro. Haina e non. O ex secretario de Estado Mike Pompeo está estes días en Taipéi precedido dunha importante delegación dos EUA presidida polo ex xefe do Estado Maior Conxunto, Mike Mullen. A mensaxe é clara: “non imos desprazar o centro de gravidade da nosa preocupación principal, que está aquí”. Na guerra de Ucraína, a Casa Branca pilota na distancia. Aínda que haberá consecuencias para todos, é Europa, nós, quen asumirá gran parte da carga desta catástrofe.

Esa perspectiva de conxunto é importante. China e Rusia levan vinte anos dunha aproximación progresiva e constante. Comparten vínculos económicos (aínda que moi inferiores en volume aos mantidos pola China coa UE ou cos EUA) e, sobre todo, unha semellante visión do momento internacional marcado por unha denuncia da hostilidade occidental ante o temor de vérmonos desprazados. Esa complementariedade é relevante, tanto que moitos consideran un grave erro a actual política estadounidense na medida en que fortalece a conxunción entre ambos os dous grandes países. E o lóxico sería atraer a Rusia como hai cincuenta anos fixo Nixon, á inversa, coa China de Mao. Aínda así, a China esfórzase por marcar distancia coas formas do Kremlin nesta guerra se ben poda compartir o fondo das súas demandas.

En Washington, hoxe predomina a crenza de que é posible encarar a un tempo os dous retos. E “interesaríalle” que a guerra en Ucraína se alargue canto máis mellor. Para iso están as armas que seguiremos enviando, aínda que o risco de que acaben en mans rusas é alto.  Iso desgastará sensiblemente a Rusia, xunto coas represalias. E con este socio debilitado, facilitarase o seguinte paso, ir a por China, coa ameaza planeando dunha guerra por Taiwán. Sabido é que a recuperación desta illa é unha liña vermella para China e os EUA incrementarán nos próximos anos as políticas de afastamento do continente desdicíndose na práctica do recoñecemento de que Taiwán é parte de China, principio aceptado hoxe en todo o mundo menos por 14 pequenos estados. É o verdadeiro talón de Aquiles de Beijing. A actual estratexia chinesa, seguindo as ensinanzas de Sun Tzi, de “mellor ganar sen loitar”, podería fracasar.

As hipersancións aplicadas a Rusia son tamén unha mensaxe clara para China pois chegado o caso sufriría aínda máis dado que o seu nivel de integración na economía mundial é sensiblemente maior. Será quen China de exhibir a famosa paciencia oriental para non precipitarse? Ou mesmo renunciará a Taiwán para evitar enredarse nunha guerra que podería alterar o camiño trazado e ata facer fracasar a súa modernización?

Froito do noso pensamento eurocéntrico, damos por feito que a IIª Guerra Mundial xurdiu en Europa no 1939. En realidade, comezou na Asia en 1937 coa invasión da China por parte de Xapón. Sen pretender ser alarmista, esta non é só unha guerra en Europa, pode acabar sendo un macroconflito en dous tempos e con dous escenarios, como entón aconteceu.