Un ano de política exterior norteamericana

Está moi estendida a visión de que a política internacional obedece a criterios matinados, sopesados con tempo, incluso planificados con parsimonia. Cando menos esta é a imaxe que se proxecta en moitos medios especializados e que compartimos en maior ou menor medida case todos. Algo de verdade debe haber nesta sensación, ¡pero menos!. Por exemplo a política exterior da actual administración norteamericana dá a impresión de obedecer máis a impulsos do momento que a unha reflexión profunda sobre a situación mundial.

Vexamos. Os republicanos acadaron a victoria electoral, daquel xeito, cun programa centrado nas cuestións internas. Os eixes sobre os que se construía a política exterior eran basicamente os seguintes:

  • Aumento substancial das inversións no complexo militar-industrial para a posta en marcha do Sistema de Defensa Antimísiles que no futuro inmediato permitiría a recuperación económica a través da explotación privada dos avances tecnolóxicos. O que algúns denominan "keynesianismo militar", único aspecto que se mantén despois do 11-S.
  • Reducción importante dos gastos derivados da presencia militar en territorios de escaso interese enerxético ou xeoestratéxio, nomeadamente nos Balcáns. Este fora un dos puntos estrela da campaña electoral republicana. Como corolario a UE debería aumentar os gastos militares, non creando unha forza de intervención propia senón asumindo unha maior cota dos custes da OTAN.
  • As intervencións militares norteamericanas deben ser poucas, ben pensadas, breves, eficaces e, sobre todo, deben causar as menos baixas posibles. Era a doutrina Powell.

Naquela altura, mesmo Bush Júnior tiña a gala a súa ignorancia en cuestións internacionais. As primeiras decisións da administración republicana seguían estas pautas. Aos poucos días de iniciado o mandato o Secretario de Defensa confirmaba o proxecto do Sistema de Defensa Nacional Antimísiles ao tempo que consideraba o Tratado de Defensa Antimísiles (ABM) como unha reliquia da Guerra Fría e demandaba a integración da UE dentro do futuro sistema defensivo, co conseguinte aumento dos gastos militares.

Aos cen días da súa chegada á Casa Branca, Bush tiña bombardeado Iraq, expulsado a varios espías rusos, botado un pulso a China pola cuestión de Taiwan, desprezado o Tratado de Kioto, confirmado as explotacións petrolíferas en Alasca, abandonado en mans do goberno israelí o proceso de paz de Oriente Medio e mesmo premido sobre a UE para baixar os tipos de interese.

Así as cousas os sanguentos atentados do 11-S modificaron substancialmente a política exterior norteamericana. Por unha banda o inimigo personificouse en Ben Laden e os talibán, ao tempo que se difuminaba no termo "terrorismo internacional", que logo se concretaría no "eixo do mal" que, a súa vez, non quedaba exactamente definido, xa que os estados que o forman varían en función de circunstancias ou da opinión dos dirixentes. Mesmo algún conselleiro presidencial chegou a escribir que sería conveniente incluír ao Brasil na lista por si o líder do PT chegaba a gañar as presidenciais.

As prioridades internas tamén mudaron. Nos orzamentos do 2002 os gastos de Defensa aumentaron un 12% mentres que os de Seguridade Interior fixérono nun 111%. O aumento do gasto militar foi espectacular; en termos absolutos: 48.000 millóns de dólares. O historiador Paul Kennedy ten calculado que o orzamento actual do Pentágono é semellante ao dos nove ou dez estados que máis gastan en defensa.

A presencia de tropas no exterior non só non se reduciu senón que aumentou considerablemente e en consecuencia os gastos. Na actualidade hai soldados norteamericanos, dun xeito ou doutro, en 10 países europeos (Bélxica, Alemaña, Reino Unido, Macedonia, Serbia-Kosovo, Bosnia, Portugal, España, Italia e Islandia) en 9 estados de Oriente Próximo e Asia Central (Xeorxia, Uzbequistán, Paquistán, Afganistán, Kuwait, Arabia Saudita, Bahrein, Diego García, e Iemen) en tres do Extremo Oriente (Xapón, Corea do Sur e Filipinas) e en dous de América (Colombia e Cuba). Ademais de catro forzas navais estables, no Atlántico Norte, no Índico e no Pacífico, con preto de 150.000 soldados.

Os ataques do 11-S conmocionaron á sociedade norteamericana, por primeira vez na historia un ataque exterior provocaba víctimas e destruía infraestructuras en territorio norteamericano, e aumentou ás simpatías dos EE UU en moitos países. Nos meses posteriores a posibilidade de erguer unha ampla e sólida coalición internacional contra o terrorismo era evidente, facilitada ademais pola "dereitización" da sociedade europea, o silencio interesado de Rusia, a crise económica sudamericana, etc…

Pola contra a administración norteamericana optou pola "unipolaridade absoluta", por deixar patente que non necesita que ninguén a aconselle, que os aliados son convidados de pedra, por unha política exterior fundada na vella combinación da "diplomacia do dólar" e a do "pao" abandonando a da anterior administración demócrata que poderíamos denominar como a do "amigo americano".

Esta liña de actuación provocou en poucos meses as reticencias dos aliados no mundo árabe, a desconfianza entre a cidadanía europea e o cansazo na norteamericana polo recorte nas liberdades individuais, o aumento das críticas en círculos diplomáticos e intelectuais e mesmo a división entre "falcóns" e "pombas". Semella que os primeiros son os que deciden pero foi a "pomba" Powell quen tivo que escoitar pitos e increpacións en Johannesburgo que expresan o crecente malestar internacional coa política de Washington.