¿Un governo sen acción exterior propia?

"Eu son fillo dunha Patria descoñecida
porque ninguén soupo dar sona e creto
internacional ás nosas reivindicacións patrióticas".
(Castelao. Sempre en Galiza.)

Os primeiros abafos do verán facían arder unha nova polémica. Beiras e Fraga liábanse nunha nova disputa, esta vez sobre a utilidade e o significado político das respectivas viaxes a varios países sudamericanos (Arxentina, Uruguai e Brasil) nos que a presencia da nosa emigración é especialmente importante. A proximidade dos comicios autonómicos deixaba entrever unha certa clave electoral no debate, se ben compre lembrar que as críticas da oposición ás viaxes do Presidente da Xunta teñen sido unha tónica tan constante nos últimos anos coma os seus periplos. A coincidencia desta polémica coa presentación do Programa de Governo do Benegá espertou a curiosidade por coñecer a posición da fronte nacionalista arredor da acción exterior dun governo galego no que poderían chegar a participar e ainda de non ser asi, que iniciativas adiantaban para mellorar a cualidade e o control parlamentario desta notoriamente exhibida faceta da xestión da Xunta (ver Galicia en feitos).

Pero velaí a maior das decepcións posibles.Doblemente triste nun ano coma este no que se cumplen tres décadas da desaparición de Plácido Castro, aquel home grande e xeneroso, secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista, que levara a nosa voz ó Congreso de Berna de 1933 para proclamar que Galiza tamén era unha nación europea. Flaco favor á nosa memoria histórica.No programa de governo do Benegá nin un só epigrafe adicase á acción exterior.

Para escurrir o bulto e negar o evidente, poderá alguén atreverse a asegurar que esta afirmación é demasiado rotunda e debe ser matizada. Certamente ó longo das case duascentas páxinas do devandito Programa poden atoparse varias alusións á Unión Europea.  Efectivamente, en diferentes apartados, formulanse demandas de participación ou reivindicacións de natureza diversa e dispersa enfocadas todas a través dun prisma fundamentalmente económico. Fora da relación Galicia-Estado-Unión Europea non parece haber máis mundo, nin este pode concretarse en clave distinta que a estrictamente económica. As medidas apuntadas non forman parte en modo algún dun programa de acción exterior senón unha medida máis da política agraria, pesqueira, ou industrial, a reivindicar por un governo coherente cos intereses do país. Medidas correctas, dito sea de paso. Pero aínda así, ¿cómo non dicir nada da cooperación transfronteiriza?… Falta o animus evidente dunha consideración seria desta importantísima faceta da acción de calquera governo.

¿Considerará o Benegá que a acción exterior non ten a suficiente entidade como para adicarlle unha sección especifica como por exemplo á protección civil ou ó deporte? Non creo que a estas alturas do proceso político haxa algún nacionalista que realmente pense que Galicia como comunidade autónoma e no vixente marco constitucional -no que debería viabilizarse este programa- non dispón de poder nin de capacidade real para levar adiante unha acción exterior propia, de seu. Semellante valoración, ademais de implicar unha lectura extremadamente atravesada, simplista e retrógada do texto constitucional, suporía unha negación taxativa dunha realidade que nos indica teimosamente como as Comunidades Autónomas mesmo rexionais progresivamente asumen papeis e funcións de aberta proxección internacional, aspectos que gozan dun amparo cada vez maior no ordenamento vixente. Outra explicación nos remite a un lapsus do inconsciente: quizáis como agora son as eleccións autonómicas, o programa debería limitarse ás cuestións "internas" deixando para as eleccións estatais ou europeas a cuestión da acción exterior. Pero, en fin, este absurdo razoamento non é de recibo para ninguén. É nestes comicios cando debemos expresar a Galicia queremos e á configuración de que mundo vai a contribuir porque, por mínima que sexa, será desde esta instancia desde a que máis influencia poderemos exercer.

Lamentablemente a explicación mais probable é a de que o tema da acción exterior está demasiado lonxe das preocupacións e prioridades, da sensibilidade en definitiva, do corpo dirixente do Benegá. Existe unha visión reduccionista (UE), instrumental e oportunista, cando non dogmática e inadaptada da acción exterior, vituperada e en boa medida desacreditada socialmente por unha identificación case cómica coas inagotables viaxes do Presidente Fraga no que, conste tamén,  non todo é descabellado.

Reducida, en fin, ó case protocolario, a oportunidade para deseñar os perfis básicos para o exercicio dunha acción exterior digna non semellaba especialmente complexo. Pero nin tan siquera se avanzan propostas de mecanismos de control e de avaliación, de demandas de participación fora das comúns e reiteradas nos últimos anos, nin se propón a de habilitación de infraestructuras institucionais, científicas e democráticas que doten de rigor e continuidade unha acción exterior que responda ós intereses da nosa sociedade (Centro de Información e Documentación, Observatorio Exterior, etc). En definitiva, son múltiples as propostas de reestructuración de organismos da Xunta pero ninguén se lembrou da Fundación Galicia-Europa…

Someramente, a  importancia da consideración da acción exterior por un governo no que participen os nacionalistas é doble. En primeiro lugar, porque vivimos nunha sociedade internacionalizada na que é preciso estar presente con voz propia e aproveitar as ocasións históricas que se nos brindan para salvar a eiva que denunciara Castelao e proxectar no mundo a nosa realidade diferenciada. En segundo lugar, porque ó nacionalismo como movemento social integrado por forzas políticas, pero tamén sindicais do campo e da industria, poder local, etc, comprelle unha orientación unívoca que faga confluir esforzos que hoxe están adquirindo certa magnitude nunha mesma e idéntica dirección.

Unha acción exterior non protocolaria debería xirar arredor da definición de dous grandes bloques de obxectivos: un de cáracter táctico, outro estratéxico. O primeiro, implica sobre todo e en primeiro lugar a demanda de participación na definición da política exterior do Estado en todo aquelo que afecte ós intereses do noso país. O caso mais evidente, ainda que non necesariamente o único, é o comunitario porque numerosas materias que son de competencia autonómica hoxe vense manifestamente afectadas polo ordenamento que emana de Bruselas. Esto esixe, como se solicita xa, a participación ddirecta dos representantes galegos en determinadas delegacións negociadoras de certos temas, pero podería igualmente incluir a emisión preceptiva de informes e a realización de consultas obrigatorias noutras materias, e mesmo a fiscalización da política exterior do Estado en determinados asuntos. Tamén no táctico, ademais do estrictamente supranacional (Unión Europea) está igualmente o internacional. E neste segundo sentido compre definir posicionamentos claros arredor de temas socialmente vitais como as políticas de solidariedade e de cooperación internacional; a realización de convenios que melloren a situación da nosa emigración; a proxección continental e internacional ligada á satisfacción dos intereses inmediatos de cáracter primordialmente económico e comercial, etc.

No ámbito estratéxico, resulta obvio que as liñas orientativas principais deberán definirse en función de cales sexan os obxectivos e principios do noso actuar no esceario internacional, é dicir, e moi especialmente:  a consolidación do rexurdir de Galicia mediante unha política activa e de contidos reais; o gañar espacios para exercer un maior grado de autogoverno; a mellora das nosas posicións en materias concretas que afecten a sectores de importancia vital no campo socioeconómico pero igualmente cultural; a defensa do europeismo social fronte ó atlantismo ou occidentalismo; un novo equilibrio no achegamento a América latina. Todo iso a través do establecemento dunha tupida malla que acompase as relacións económicas e comerciais, sociais, culturais, coas estrictamente políticas e institucionais e observando unha serie de principios inexcusables: a loita por unha orde internacional  xusta; a protección dos dereitos humanos; o respecto ós principios das Nacións Unidas; a defensa dun universalismo enriquecedor da humanidade e susceptible de satisfacer as demandas de liberdade das pequenas nacións; a defensa dos nosos intereses vitais. Os mecanismos concretos sofrerán algunha limitación no marco constitucional vixente pero ainda asi quedan grandes e importantes espacios por encher: dende relacións informais ata a asinatura de acordos de amistade e de colaboración (non tratados) dos que xa existen precedentes no ámbito comunitario.

En definitiva, a participación de Galicia na sociedade internacional forma parte inseparable do bloque de esixencias dunha maior democratización do Estado, unha reivindicación cargada de razón que seriamente exercida gañará espacios e adeptos. Resulta evidente que o proceso histórico no que estamos inmersos impón severas limitacións pero tamén presente numerosas oportunidades. Para aproveitalas debemos apuntarnos á locomotora de cabeza e non ó furgón de cola. Que se chegue máis ou menos lonxe vai depender da firmeza, claridade e convicción de nós mesmos. Podemos máis do que pensamos. Non renunciemos ó elemental.