¿Un Mario Conde en Rusia?

Pasaba demasiado tempo sen pequenas ou grandes convulsións. Mesmo para Vladimir Putin, imaxinar unha Rusia sen turbulencias políticas, sen desastres económicos ou sen catástrofes nacionais, semella imposible. Cando non é o Kursk, é a matanza nun teatro de Moscova. E se non hai, se inventa, axitando as augas da próxima secuencia electoral "lexislativas en decembro de 2003 e presidenciais en marzo de 2004- evidenciando ante todos que en Rusia está lonxe de normalizarse a situación.

As ambicións políticas de Jodorkovski eran o único perigo que podía ensombrecer unha victoria cantada para Putin. Nos dous últimos anos conseguira alterar o mapa político ruso ata acomodalo aos seus intereses. Primeiro, debilitando ao Partido Comunista (PCFR), principal competidor, cun 20% das intencións de voto. O Presidente da Duma, Guennadi Seleznev, comunista, creou a súa propia formación despois de retirarlle sete das nove presidencias de comisión que controlaba o PCFR no Parlamento. O Partido do Renacemento de Rusia pretende superar en decembro a barreira do 5% arrincando votos do mesmo electorado. O esforzo no debilitamento da oposición comunista, pese ás súas carencias, a única que de cando en vez expresa a oposición ás reformas máis liberais do gabinete, tivo unha sensible recompensa no funcionamento da Duma pero que se deberá medir electoralmente en decembro. Aínda sen influencia real nas decisións de Putin e no seu gabinete, o PCFR conserva un substancial capital electoral.

Segundo, reforzando ao bloque gobernamental. O movemento Patria-Toda Rusia, de Primakov e Luzhkov fusionouse co partido presidencial, Unidade, para crear unha nova agrupación, seica "centrista", Rusia Unida, se ben cunhas expectativas de voto que a sitúan aínda en segunda posición, cunha estimación do 18%, a pesar do inmenso labor desenvolvido polo seu fiel Gryzlov, quen compaxinou o proceso de consolidación da nova formación co seu mandato á fronte do ministerio do interior.

Nesa estratexia de consolidación e fortalecemento do partido do poder cómpre ubicar a persecución contra Jodorkovski, nada inocente. Os famosos dosieres, en Rusia chamados kompromaty, constitúen un pozo sen fondo na Lubianka, sede do Servicio Federal de Intelixencia, e un recurso fácil para frear a todos os rivais que poñan en perigo a estratexia presidencial. Gryzlov garante a Putin todo o apoio dos medios de comunicación e a imposición dun equilibrio imprescindible entre as esixencias do Kremlin, dos oligarcas e dos zares rexionais.

Con todo ese esquema en marcha, completado pola dereita cuns liberais (Unión de Forzas de Dereita e Iabloko) febles electoralmente, ata hai un mes toda tensión parecía reducirse ás liortas entre grupos de poder na propia Rusia Unida para facer sitio nas listas a tantos próceres, e garantir a estabilidade das novas elites burocráticas e empresariais, unidas na lealdade total e absoluta a Putin. A reencarnación dunha especie de PCUS, pero sen mais ideoloxía coñecida que o chamado "centrismo", sen programa sequera, emerxía así como o prometedor eixe da vida política rusa, equilibrando un sistema tripolar como evidencia dun pluralismo asentado.

Que todo isto pase na Rusia de Putin non é de estrañar. O lamentable é que no "mundo libre" medren as expresións de preocupación polo futuro da democracia en Rusia cando deteñen a Jodorkovski e sen embargo se corra un tupido velo cando o mesmo Putin viola os dereitos humanos, de forma reiterada, da poboación chechena. Como pouco, tan sucios son uns métodos coma os outros.