Un novo Atlas global

2009 deu indicios claros da configuración dunha nova contorna internacional. A transición iniciada coa disolución da URSS (1991) non rematou de todo, pero xa podemos atisbar con relativa nitidez e perspectiva a plasmación de certo perfil da nova época marcada pola aparición de novas potencias centrais e o progresivo traslado do centro de gravedade das relacións internacionais.

A crise económica, os problemas financeiros, o cambio climático, a proliferación de armas de destrución masiva, etc., premen a definición de actores e estruturas globais que catalicen os consensos mundiais. O ascenso de China é o dato máis revelador neste sentido, toda vez que o seu papel na formación deses consensos é cada vez máis destacado, incidindo tanto na conformación dos puntos de vista doutras potencias como tamén no contido das resolucións dos organismos multilaterais. China, pois, quizáis máis rápido do que podía preverse, hoxe forma parte do centro do sistema internacional, abandonando a periferia na que fora recluída polas potencias occidentais a mediados do século XIX.

Por outra banda, o Atlántico cede protagonismo ao Pacífico, o maior cambio dos rexistrados nos últimos catro séculos. Tamén en 2009, esta evidencia pudose constatar con máis nitidez. O status de Asia-Pacífico, rexión moito menos afectada pola crise que outras, gaña poder e influencia a marchas forzadas. O xiro rexistrado na orientación da política exterior estadounidense revela ese cambio, ao tempo que salienta un enorme desafío para os intereses europeos. A integración económica en Asia oriental, asumida con maior impetu dende a crise financeira de 1997, e a Comunidade do Este asiático alentada por Hatoyama abren outros horizontes. O comercio intrarrexional nesta parte do mundo representa o 58% do comercio exterior de cada país, case tres puntos por riba do nivel da Zona de Libre Comercio de América do Norte e inferior en apenas sete puntos á UE. En xaneiro de 2010 entra en vigor o acordo sobre a zona de libre comercio de China e os dez países da ANSEA. En 2010 e 2012 sumaranse, respectivamente, Xapón e Corea do Sur. Pequín, Tokio e Seúl suman o 85% da economía de Asia oriental.

Sen poder herdar o papel da extinta URSS, a decadencia rusa semella imparable, pese a que seguirá contando en certos dominios polas súas capacidades enerxéticas e militares. Europa figura tamén na lista inicial dos perdedores. Pese á súa forza económica, a incapacidade para traducila en influencia política uniforme pesa cada vez máis na súa operatividade no entorno global. Seguirán, seguiremos, contando, pero a súa significación, a salvo de iniciativas verdadeiramente revolucionarias,  irá decrecendo. Brasil, India, Sudáfrica, entre outras, emerxen con relativa forza no marco das respectivas rexións, pero é cedo para aventurar hipóteses.

Nada está consolidado, se ben a relativa estabilidade do marco internacional posibilita o fluido afondamento destas tendencias. Os coidados, especialmente en China, extremaranse nos próximos anos, un periodo en que todos os actores precisan dunha visión global e de longo prazo para estar realmente á altura dese novo equilibrio no que debe culminar o proceso, necesariamente guiado pola consecución dun mundo de máis paz, máis xustiza e progreso.