Un novo mapa do Magreb ao Golfo Pérsico

Se a incerteza domina a dinámica sobre a vaga de cambios que actualmente acontece no mundo árabe, iniciada en Tunisia e Exipto e ampliada baixo unha perspectiva violenta coa guerra civil en Libia, algunhas pezas comezan a erixirse con maior nitidez dentro do complicado taboleiro xeopolítico entre o Magreb e Oriente Próximo.

Apartados xeográficos Oriente Médio
Idiomas Galego

Se a incerteza domina a dinámica sobre a vaga de cambios que actualmente acontece no mundo árabe, iniciada en Tunisia e Exipto e ampliada baixo unha perspectiva violenta coa guerra civil en Libia, algunhas pezas comezan a erixirse con maior nitidez dentro do complicado taboleiro xeopolítico entre o Magreb e Oriente Próximo.

Unha primeira aproximación aborda a súbita perda de influencia estratéxica por parte de EEUU, desconcertado ante unha dinámica de cambios que tivo o seu maior impacto coa caída da presidencia de Hosni Mubarak en Exipto. Ante o novo escenario, Washington observa un mapa de certos desequilibrios que, inevitablemente, alterarán os seus tradicionais parámetros de actuación na rexión.

No caso exipcio, cunha transición post-Mubarak tutelada polo seu estamento militar, o foco de interese céntrase na posibilidade de modificación da futura orientación xeopolítica do Cairo, en especial ante a posibilidade dunha alteración da súa estreita relación con EEUU e Israel.

O movemento do péndulo

Precisamente, o caso israelí denota un aspecto relevante tomando en conta o seu prudente silencio e falta de reacción ante os cambios no mundo árabe. Aínda que aparentemente amosa unha actitude de certa conformidade co actual escenario, a caída dun aliado estratéxico como Mubarak e a posibilidade de inestabilidade no marco contiguo israelí en torno a Xordania, Líbano ou Siria, incrementaría as tensións e preocupacións de Tel Aviv coa súa propia vecindade, igualmente determinadas polos seus temores a observar un Irán emerxente na rexión.

Por outra banda, a eventual desintegración libia en dúas entidades de facto como Tripolitania e Cirenaica alterará o equilibrio no Magreb, abordando as preocupacións sobre curso do subministro enerxético dese país. Pouco terá que ver co futuro político de Gadafi e do seu réxime, diluído nun mapa xeográfico fortemente deseñado polos pulsos e negociacións de poder por parte dos clans étnicos e familiares.

Con menor impacto aínda que presentando un caldo de cultivo socioeconómico similar aos de Tunisia ou Exipto, outros actores como Marrocos e Alxeria dificilmente veranse mergullados nunha espiral de caos e inestabilidade, sopesados por iniciativas de reformas en parte pouco cribles, así como polo peso e influencia de Occidente e dun estamento militar aparentemente cohesionados en lexitimar os poderes establecidos.

A diferenza, resulta unha incógnita prognosticar qué impacto terán estes cambios en escenarios específicos como Siria (cun goberno de partido único), Líbano e Iraq (fragmentados no mosaico étnico, relixioso e tribal) e Xordania. Os exemplos de transición pacífica e tutelada de Tunisia e Exipto, contrario ao violento escenario de Libia, servirán como referencias clave para dirimir o que pode suceder nos outros contextos de Oriente Próximo.

Tres actores clave: Turquía, Arabia Saudita e Irán

No apartado do novo mapa xeopolítico rexional, os cambios que actualmente acontecen no Magreb e Oriente Próximo ilustran escenarios estratexicamente importantes para dous países non árabes, como Turquía e Irán, tanto como incrementan o foco de atención cara un peón estratéxico occidental como Arabia Saudita.

O foco de atención cara estes países pode levemente alterar a influencia rexional da “troika” conformada entre EEUU, Israel e Exipto. O peso turco identifícase dende varias perspectivas que, ao mesmo tempo, aborda incógnitas sobre a súa real influencia. Turquía é un socio comercial cada vez mais implicado en Oriente Próximo, especificamente en mercados enerxéticos como Iraq, Irán e Libia, intensificando unha presenza rexional que está alterando a ata agora aparentemente inquebrantable orientación xeopolítica turca cara Occidente.

Afirmando un marcado distanciamento con EEUU e Israel, o goberno islamita de Erdogan iniciou un táctico achegamento diplomático con Irán e Siria, incluso implicando a actores externos como Brasil e Rusia, marcando unha nova dinámica de carácter multipolar orientada a diminuír a influencia estadounidense.

Erdogan expande igualmente a perspectiva dun modelo turco de “islamismo moderado” para o mundo árabe, a través de certas conexións do seu partido AKP con outros movementos islamitas na rexión, un movemento que contaría co aparente beneplácito de Washington. Non obstante, resulta unha incógnita verificar ata qué punto o modelo turco pode ser unha referencia viable e de consenso nunhas sociedades árabes determinados pola incerteza dos cambios en curso.

Sacudida tamén pola vaga de protestas e mobilizacións do mundo árabe, Irán observa con cautela o actual escenario, especialmente porque a contestación popular de mediados de 2009 en Teherán contra a polémica reelección do actual presidente Mahmud Ahmadíneyad pode ser considerado, igualmente, como unha referencia sobre o que actualmente está ocorrendo no mundo árabe.

Observando o alcance da súa potencialidade nuclear, Teherán deberá medir con cautela o impacto interno das rebelións árabes ao mesmo tempo que se presenta un escenario aberto de importancia ante a posible mobilización das comunidades xiítas en Iraq e o Golfo Pérsico (especialmente Bahrein), reconfigurando unha nova xeopolítica rexional para Irán.

Finalmente, outro foco de atención comezará a observarse cara Arabia Saudita e, paralelamente, no marco das monarquías petroleiras do Golfo Pérsico, atemorizadas entre o impacto da rebelión árabe e o fortalecemento nuclear iraniano.

A diferenza do que sucede no Magreb, onde tras tardar en reaccionar finalmente terminou apoiando as protestas e a rebelión contra as autocracias de Ben Alí e Mubarak, EEUU e Occidente medirán con outro raseiro a situación no Golfo Pérsico, tentando reforzar ao seu aliado estratéxico saudita incluso a través dunha serie de incertas reformas constitucionais que amortezan calquera demanda de cambios. Un escenario de inestabilidade en Arabia Saudita e no Golfo Pérsico significaría para Occidente un revés estratéxico máis contundente que a caída dun peón clave como Exipto.

O ascenso da sociedade civil

Outro actor menos visible pero que gaña peso coa actual riada de cambios enfócase cara o impulso dunha sociedade civil que demanda canais de apertura democrática, participación política e reformas transcendentais dentro das sociedades árabes. Unha perspectiva a longo prazo, no que as sociedades árabes ansían un proceso de modernización e democratización en todos os seus ámbitos públicos.

Cunha composición demográfica maioritariamente moza, identificada con elevados porcentaxes de poboación entre 15 e 35 anos provistos dun notable nivel cultural e profesional e activamente implicada nos resortes da globalización, a través das redes sociais e das novas tecnoloxías de información, as sociedades árabes confrontaranse progresivamente con escenarios conflitivos propiciados pola frustración socioeconómica e política cara sistemas políticos corruptos e ineficaces, desbordados por unha mobilización popular con forte conciencia dos seus problemas.

Estes incertos escenarios non exactamente traducirán un impulso político decisivo para os movementos islamitas, desbordados polo impacto desta marea revolucionaria. Aínda así, compre non perder de vista a posibilidade dun reforzamento de movementos como os Irmáns Musulmáns en Exipto ou doutros partidos islamitas en Xordania, Iemen e Oriente Próximo. Por tanto, o islamismo político no mundo árabe someterase a un importante reto, orientado a configurarse como actores capaces de interpretar e mobilizar estas demandas de cambios.