Un “novo” PRI para un novo México

A indiscutible vitoria presidencial de Enrique Peña Nieto, abandeirado do Partido Revolucionario Institucional (PRI), deixa diversas lecturas abertas. A mais frecuente oriéntase en focalizar o retorno presidencial dun PRI “renovado” baixo o liderado de Peña Nieto, tras doce anos de goberno do conservador Partido da Acción Nacional (PAN).

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

A indiscutible vitoria presidencial de Enrique Peña Nieto, abandeirado do Partido Revolucionario Institucional (PRI), deixa diversas lecturas abertas. A mais frecuente oriéntase en focalizar o retorno presidencial dun PRI “renovado” baixo o liderado de Peña Nieto, tras doce anos de goberno do conservador Partido da Acción Nacional (PAN).

Un aspecto que recobra importancia por ser precisamente o PRI o partido hexemónico do panorama político mexicano nun prolongado período que vai entre 1929 a 2000, inserido dentro dun sistema político varias veces identificado coa corrupción electoral, a tal punto que o escritor e Premio Nóbel Mario Vargas Llosa chegou incluso a cualificar esta hexemonía do PRI como “a ditadura perfecta”.

Dentro do contexto actual, Peña Nieto aparecerá ante a historia como o primeiro candidato do PRI elixido a través dunha votación aberta e democrática, a diferenza das candidaturas anteriores esculpidas baixo o sistema do “dedazo” e da designación en cónclaves pechados. A frescura que outorga a súa imaxe xuvenil, así como dun líder aparentemente distanciado dos núcleos ortodoxos do PRI, lle confiren a Peña Nieto esa necesaria perspectiva de renovación xeracional e política.

Así e todo, as eleccións do domingo 1º de xullo ilustran un país polarizado: Peña Nieto obtivo case un 38% dos votos mentres o seu principal retador, o esquerdista Andrés Manuel López Obrador, do Partido da Revolución Democrática (PRD), alcanzou o 31%. Tras os primeiros resultados, AMLO (como popularmente coñecese a López Obrador) non recoñeceu de inmediato a vitoria do PRI aducindo a persistencia de irregularidades en diversas mesas electorais.

Pero todo apunta a que, nesta ocasión, AMLO e o PRD evitarán recrear o contexto de protestas e mobilizacións cidadás acaecido tralas eleccións de 2006, onde o estreito marxe de votos que finalmente deulle a vitoria ao actual mandatario Felipe Calderón (PAN) elevou no ambiente a perspectiva, por demais lexítima, dun posible  fraude electoral.

O pesado custe político desa polarización electoral de 2006 para AMLO e o PRD permite identificar un cambio político menos radical dentro do principal partido da esquerda mexicana, con notables perspectivas políticas e electorais a mediano prazo unha vez consolidado como a segunda forza parlamentaria tras o PRI. A influencia de “pesos pesados” dentro da esquerda mexicana, como Cuauhtémoc Cárdenas e Marcelo Ebrard, motivaron esta “moderación” de AMLO, igualmente manifestada ante os importantes avances electorais do PRD en estados como Tabasco, Morelos, Guerrero e o Distrito Federal.

Unha carreira de obstáculos

Resta observar se o PRI realmente cambiou politicamente en paralelo aos cambios presentados en México durante a transición post-priísta de 2000. Ninguén dubida da fiabilidade desta nova hexemonía do PRI “renovado” de Peña Nieto: este partido goberna en 20 dos 32 estados que conforman a república mexicana, así como conserva a maioría parlamentaria.

Por tanto, a “resurrección” do PRI nestas eleccións confirma o “voto castigo” contra o gobernante PAN tras doce anos no poder, unha pesada herdanza que finalmente superou a súa candidata Josefina Vázquez Mota, quen alcanzou un 25% dos votos, colocando ao PAN como a terceira forza parlamentaria. Este descalabro do PAN vese igualmente determinado polos dramáticos custes políticos e sociais derivados da “guerra contra o Narco” impulsada polo presidente Calderón e que, desde 2006, arroxa o lastre de case 40.000 civís mortos e de represión na espiral de violencia.

Precisamente, a violencia derivada do avance do narcotráfico identifica o principal reto para o novo goberno do PRI, así como para garantir a fortaleza das institucións estatais e a estabilidade social. O panorama actual mais ben descifra unha guerra dos carteis da droga polo control político e estatal que unha loita entre as forzas políticas estatais e un narcotráfico que practicamente infiltrouse en todas as estruturas do poder e da vida pública nacional. Tanto como as medidas punitivas contra o narcotráfico, a Peña Nieto se lle impón a delicada tarefa de conducir a reconciliación nacional derivada do espallamento da violencia.

Igualmente, o México post-PRI que espera á presidencia do PRI “renovado” é un país social e politicamente diferente. A súbita aparición do movemento estudantil “Yo soy 132” revela un nivel de indignación cidadá cara o sistema político e a reaparición dos seus perniciosos actores, apuntando precisamente contra o retorno do PRI ao poder.

Nestes últimos anos, a sociedade civil mexicana deu un paso importante na consolidación de espazos de representación e poder na vida pública, abordando temas tradicionalmente tabú nunha sociedade tan conservadora como a mexicana, en especial ante temáticas como o xénero, o aborto e o matrimonio homosexual. Non sen esquecer que a pobreza aséntase en aproximadamente un 45% dos mexicanos, con amplas desigualdades socioeconómicas, un reto ineludible para calquera que sexa o próximo inquilino presidencial.

Por tanto, este “hexemónico” retorno ao poder do PRI “renovado” deberá analizar con serenidade e apertura de consensos o alcance dos cambios acaecidos na sociedade mexicana. Un retorno aos canons políticos do pasado, plasmados na “ditadura perfecta” esgrimida poe Vargas Llosa, supón unha lectura errónea sobre a realidade actual, toda vez a violencia xerada pola “guerra do Narco” supoña un cancro que termine erosionando o piso institucional e a vida pública mexicana. Por estas e outras razóns, México inicia agora unha nova era.