![]() | |
![]() | |
A publicación en Galicia dun Libro Branco da Acción Exterior non é froito da casualidade. Resulta da converxencia, alomenos, de dous elementos: a existencia dunha Administración comprometida con este tema e que dende hai anos asume a necesidade de orientar unha reflexión para a acción no eido internacional; e a existencia, no seo da sociedade civil, de entidades como o IGADI que dende hai quince anos ven traballando, dende a independencia, no fortalecemento do compromiso exterior de Galicia nunha perspectiva universalista.
O Libro é pioneiro en España, pero tamén en Europa, pola súa temática, polos seus contidos, polo seu formato. É un texto concibido para durar, pois tenta fuxir da conxuntura inmediata e agora mesmo tan cambiante; e é un libro para permanecer aberto, enriquecéndoo cunha xestión posterior en contacto coa sociedade civil, sometido a unha actualización constante.
Parte da asunción da transcendencia do exterior nunha sociedade globalizada, cousa que xa ninguén discute, salientando a necesidade de promover dinámicas activas que nos eviten quedar asolagados e orientar converxencias que nos permitan tirar proveito das novas oportunidades. En suma, sensibilizar, convencer e mobilizar a nosa sociedade para que o noso país progrese e mellore neste novo tempo que se está a iniciar.
A estrutura do libro é moi clara e sinxela. Na diagnose abúndase nos fundamentos da nosa acción exterior, nos actores, nos contidos, nas fases. Na prospectiva, sinálanse as estratexias (xeográficas e sectoriais), as dimensións e os instrumentos (medios e principios de actuación), cun estilo preciso, condensado, áxil, combinando descrición e análise e evitando derivar cara a formulación dun tratado sobre paradiplomacia que pouco diría aos seus principais destinatarios.
Tres son as ideas esenciais que o inspiran. Primeira, somos unha autonomía no mundo, e iso implica dúas cousas: debemos aproveitar as oportunidades que nos brinda a descentralización, e debemos desenvolver as nosas singularidades (lingua, diáspora, por exemplo) ata facer de Galicia unha célula de universalidade, como soñaban os galeguistas dos anos trinta do século pasado. Segunda, precisamos un impulso exterior, afincado no feito ata hoxe, pero que impregne agora a toda a sociedade galega para que todos poidamos aprehender a importancia de estar aquí e fóra. Terceiro, precisamos unha ampla alianza cívica que evite estragar enerxías. O libro non é soamente un texto para a Administración, quere comprometer a todos.
Aos redactores preocupounos a participación. Non queriamos un produto de gabinete. Abrimos unha páxina web específica, contactamos con bolseiros do Igape, cos lectorados de galego en todo o mundo, coa nosa diáspora relevante, cos nosos representantes en Bruxelas, con xentes da cultura e da empresa, da universidade e das ongds e outros movementos sociais, procuramos integrar as opinións e suxestións de cantos nolas fixeron chegar, esforzo que agradecemos sinceramente. E por iso mesmo o Libro resultante é un traballo colectivo, feito por persoas que non o comparten todo, pero que si asumen un texto que pode ser compartido por todos os galegos.