Unha democracia devaluada

Funcionou á perfección o xogo das fidelidades, pero os problemas están lonxe de rematar simplemente por evitar que Le Pen asuma a presidencia francesa. Mobilizouse o electorado galo, certamente, cunha significativa reducción da abstención en oito puntos na segunda volta e aguilloado polas numerosas manifestacións que percorreron o país; os votantes de Lutte Ouvrière, a única forza de esquerda que se desmarcou da votación plebiscitaria, tamén deixou oir a súa voz dobrando o número de votos nulos e en branco. Pero Chirac multiplicou por cinco o seu número de sufraxios, confirmando o obediente seguimento da consigna lanzada por toda a dereita republicana e a esquerda. Todo un récord difícil de igualar.

Tampouco Le Pen quedou tan mal. En primeiro lugar, foi quen de conservar o nivel de apoio da primeira volta. Facendo as gracias de quen acusou a Arlette Laguiller de estalinista, pese á presión "soviética" do tout la France medrou mesmo co auxilio do seu rival Mégret, do Mouvement National Républicain, que lle sumou o 2,34% obtido o 21 de abril. Os números son case exactos.

¿Trunfo da democracia? A victoria de Chirac non deixa de ser unha victoria triste. Todos nos alegramos, naturalmente, da contundente derrota de Le Pen, e quixeramos máis diferencia a favor do gañador, pero convertir a Chirac no salvador de Francia e dos valores republicanos e democráticos resulta excesivamente provocador a pouco que lembremos a multitude de escándalos nos que está involucrado. ¿Non resulta acaso un tanto devaluador e desesperante para quen profese unhas minimas conviccións cidadáns ter que apostar por un candidato baixo sospeita como santo remedio a todos os males? Probablemente, a escasa decencia democrática de individuos como Chirac inflúe tamén no descrédito do propio sistema ante a atónita mirada de quen pode experimentar dun día para outro unha mutación tan sorprendente: de villano a heroe. Na súa primeira comparecencia ante os medios, o Presidente electo asegurou que comprendera a mensaxe do electorado galo. Tanto como non dicir nada. Nas rúas de París non podia haber ese entusiasmo de quen celebra unha difícil victoria.

Poida que en xuño, nas lexislativas, se produza a tan agardada volta á normalidade, pero probablemente de xeito inesperado alguén atopou unha baza excelente, unha extrema dereita electoralmente importante (Le Pen é hoxe a segunda forza de Francia) pero longamente insuficiente para acceder ó poder, a fin de alentar unha simplificación brutal do mapa político. Unha resposta extrema, en fin, ante o auxe dos extremismos que pode alterar e desnaturalizar un debate democrático que, pola contra, non pode pasar por alto as causas de tan grave desencontro e que nos deberían levar á urxencia de recuperar o terreo do social para o centro do debate político e mesmo a valorar, no caso francés, a conveniencia de reformar a institución presidencial, debilitándoa deliberadamente para estimular a profundización democrática. ¿Sería esta a mensaxe que di entender Chirac?

Con sesgos particulares, o fenómeno francés está presente en varios países europeos, tanto comunitarios (vimolo tamén recentemente no Reino Unido aínda que a un nivel infinitamente menor) como non (de Chequia a Rusia), e supón sen dúbida un gran desafío para todos, pero en primeiro lugar para unhas forzas de esquerda que no vello continente navegan aínda no desconcerto da pósguerra fría e que necesitan recompoñer o seu movemento sobre ideas e valores, máis alá das siglas e das vías de cada quen.