20050206uzbekistan base aerea karshi khanabad007a

Usbequistán: US go home


 Kabul, reconto votos, clic para aumentar
Karimov pediu ás autoridades norteamericanas que se retirasen da base de Karshi-Hanabad. (…) EEUU deu agora o paso de denunciar ante a OSCE a falla de respecto aos Dereitos Humanos en Usbequistán. Antes eran primeiro as bases que as persoas. (Foto: Soldados americanos na base aérea de Karshi-Hanabad).
 

Estados Unidos anunciou que íase retirar definitivamente da base usbeca, despois de que tanto o propio país como a Organización de Cooperación de Shangai (OCS) instaran ós norteamericanos a abandonar a base. Semella que o diálogo mantido entre as autoridades estadounidenses e o presidente de Usbequistán, Islam Karimov, non deu os froitos desexados.

A base aérea volverá a estar en mans usbecas a finais de ano despois de catro exercicios en mans estadounidenses por mor das labores de “pacificación” de Afganistán. Sen embargo, as relacións entre os dous países fóronse facendo máis ásperas ata o episodio de Andixán, cidade usbeca, onde a policía autóctona reprimiu duramente unha manifestación, matando a varios centos de persoas.

Estados Unidos entón solicitou unha investigación internacional para aclarar os feitos, xa que dicía non fiarse dos métodos policiais locais. O presidente, sen embargo, dixo ter probas de que funcionarios da embaixada norteamericana estaban relacionados coa revolta de Andixán e vetou esa investigación (agora a Unión Europea impuso sancións e un embargo de armas a Usbequistán por non permitila). Pouco despois, Karimov pediu ás autoridades norteamericanas que se retirasen da base de Karshi-Hanabad.

Por outra banda, a retirada da base usbeca deixa aos Estados Unidos con outra base en Asia Central: a situada en Kirguisistán. Estas bases aéreas teñen como obxectivo principal a de servir de apoio para o tránsito aéreo cara Afganistán e a provisión de víveres. Segundo varios medios, a base kirguisa non vai poder absorber este fluxo que asimilaba Usbequistán xa que neste momento está sobrecargada do punto de vista loxístico.

A posibilidade de instalar unha base en Afganistán semella unha opción remota, non só pola orografía senón tamén pola “inestabilidade militar”, a mesma razón pola que o exército non pode usar como base aérea os aeroportos de Candahar ou Herat. Este último ten a circunstancia engadida de que a poboación veciña goza duns vínculos bastante fortes coa poboación iraniana (anque non compartan fronteira). Polo tanto, a retirada estadounidense da base aérea usbeca pode imprimir bastante presión sobre o seu exército.

A crecente tensión entre Usbequistán e Estados Unidos vai parella a unha crecente amizade entre Rusia e Usbequistán, xa non só no entorno da OCS senón tamén nas relacións bilaterais. Hai varios días, os dous países comezaron unha serie de exercicios militares conxuntos, os primeiros nos que participan os dous Estados post-soviéticos. Estas manobras conxuntas, que teñen como pretexto a coordinación na loita antiterrorista, poden ser un sinal dun cambio da política exterior usbeca, mais volcada cara o veciño ruso.

Lémbrese que en Usbequistán, no val do Ferghana, sitúanse campos de adestramento e bases do terrorismo de cariz islámica, que está a ter un auxe progresivo na zona, azuzado pola pobreza que leva a un sector da poboación a acollerse a esta perspectiva como forma desesperada de rebelión. Ferghana está próxima a Andixán, e por iso moitos viron a man islamista na revolta de maio.

EEUU deu agora o paso de denunciar ante a OSCE a falla de respecto aos Dereitos Humanos en Usbequistán. Antes eran primeiro as bases que as persoas.