Vinte anos do IGADI (II)

  • O Igadi leva 20 anos achegando aos galegos a actualidade internacional. Quizais sexan as dúas décadas nas que máis teña cambiado o mundo e o fixese a máis velocidade…

Sen dúbida vivimos un momento de inflexión histórica, un cambio de época que está transitando quizais pola súa etapa final. O IGADI xurdiu como un intento de comprensión e análise daqueles cambios que tiveron a perestroika como punto de arranque, moi consciente de que chegara o tempo das mudanzas nas economías planificadas. Ese segue a ser un principal centro de atención, focalizado hoxe principalmente no acompañamento das transicións en países como China e Cuba. Pero no seu conxunto, o valor da análise internacional revalorizouse e iso reforzou a visibilidade global do noso labor, completado coa preocupación por identificar as oportunidades que eses cambios abrían a Galicia.

  • Tamén nese tempo o instituto tratou de dar a coñecer Galicia no resto do mundo. Como cambiou a percepción que se ten fóra desta comunidade?

É un período moi frutífero aínda que non sempre nos deixa satisfeitos. Unha das consecuencias de todos estes cambios que estamos vivindo é a pluralización dos actores internacionais con ese valor punteiro e innovador da diplomacia pública. Galicia deixou de ser unha autonomía en España para converterse nunha autonomía no mundo, facendo da acción exterior unha política pública clave, cousa que non sempre se comprende doadamente ata porque, ás veces, os que a executan non cren moito nela ou autolimitanse por temores un tanto irracionais. Nin sequera podemos desenvolver as nosas competencias como comunidade se prescindimos do factor exterior. Sen internacionalización non hai futuro. E iso require actuar no mundo, non só desde a economía, senón desde a política ou a cultura, con doses iguais de lealdade e de ambición. Estar no mundo é un imperativo desta época. Cómprenos moita pedagoxía, consenso, e perseverancia.

  • De que xeito está a contribuír o Igadi á internacionalización das empresas galegas?

O IGADI traballa estreitamente coas institucións públicas e privadas na definición de estratexias de inserción internacional que teñan en conta as nosas singularidades xeopolíticas e sociais, tratando de tirar proveito das nosas vantaxes comparativas. No seu día alentamos apostas por países e mercados (desde Polonia a China) que hoxe  están á orde do día e destacamos variables e procesos que poderían transformar positivamente a nosa cultura e dimensión empresarial. O noso papel tense centrado esencialmente na prospectiva e na xeración de consensos, pero tamén no diagnóstico cotián e no impulso de dinámicas que asocien a economía e a empresa a outros factores de desenvolvemento (desde a diáspora ata a cultura).  Non é posible funcionar en compartimentos estancos. Algunhas empresas en Galicia enténdeno ben e apoian o noso labor.

  • Galicia sae gañando coa mundialización?

A mundialización é un proceso que presenta claroscuros evidentes. Non obstante, en termos xerais, considero que abre importantes oportunidades que cómpre aproveitar. De entrada, estimo que non nos pon as cousas máis complicadas. Para iso é fundamental abandonar pesimismos e ter confianza nas nosas posibilidades desenvolvendo unha mentalidade proactiva que faga da nosa identidade un factor de progreso. Existe moita enerxía en Galicia, pero estragamos boa parte dela con liortas internas incomprensibles que deberamos reconducir para fomentar a nosa internacionalidade, non para deixar de ser nós, senón para ser nós no mundo. E pódese facer a plenitude xestionando intelixentemente un valor clave, a diferenza.

  • O ano comeza cunhas revoltas populares que acabaron cos mandatos de presidentes que levaban anos no cargo, como en Exipto e Tunisia. Como percibe a comunidade internacional estes cambios e que consecuencias poden ter?

Indícanos con clareza a volatilidade de determinadas situacións aparentemente inamovibles e a importancia de integrar a cohesión social como un factor de desenvolvemento, á par que o tecnolóxico ou o ambiental, poñamos por caso. O acontecido pode contribuír a configurar sociedades máis estables sempre e cando derive nunha transformación das estruturas tradicionais de poder  e modifique a orientación de determinadas políticas. Non está claro que isto vaia ser así pero sexa como for, pasa páxina dun período e abre unha nova etapa que a comunidade internacional debe acompañar con respecto e apoio.

  • É previsible que estes movementos se estendan a países con réximes islámicos, como é o caso de Irán?

O efecto dominó non é descartable, sobre todo tendo en conta a delicada situación que atravesan algunhas sociedades da rexión. No caso de Irán, existen factores endóxenos que apuntan a certos impulsos de cambio, anteriores mesmo ás convulsións que comentamos, pero probablemente a situación non estea madura de todo aínda.

  • E a China, país polo que vostede sinte certa debilidade e que pronto será a primeira economía do mundo?

China, confirmada xa como segunda economía do mundo, é un país moi complexo e diverso. Vive unha etapa crucial do seu proceso. Esta década, na que podería superar a EEUU en termos absolutos, vai ser decisiva para culminar a súa modernización. Os desafíos que ten por diante son enormes. As ambicións son grandes, pero os desequilibrios e as desigualdades poden tamén pasar factura de non abordarse a súa superación con máis empeño. Sen dúbida, será a gran protagonista do século XXI.

  • Como está a ser a presenza galega naquel país?

Polo momento é moi marxinal e dispersa. Penso que Galicia podería tirar máis proveito do bo nivel de relación existente entre España e China, tanto para fomentar as relacións comerciais como para rendabilizar as oportunidades de investimento recíproco. Pero con China non se pode improvisar. Debemos prepararnos adecuadamente e trazar estratexias integrais e perseverar nelas. So así podemos agardar resultados substanciosos. E deberamos facelo sen perder máis tempo.