A historia deste mozo é a de moitos outros palestinos. Como tantos deles, gústalle saber que é protagonista dunha historia; con todo, prefire non dar o nome pois, sentencia, quere acabar a súa carreira, traballar, ter unha familia e vivir en paz. Igual que moitos outros da súa idade, a súa infancia transcorreu xogando a ser adulto e a súa adolescencia é unha maraña de idades que aflora por momentos. Pasou dous anos en cárceres israelís, e a ese período agradécelle a posibilidade que se lle concedeu de coñecer a israelís e saber que tamén de aquel lado pode ter amigos.
O servizo de intelixencia israelí tiña noticias de que era un activista e provocador dentro da masa estudantil, polo que foi condenado. Emporiso, non había probas, polo que pasou seis meses no cárcere no 2003, e acaba de saír hai pouco despois dun ano e medio máis. Conta que dentro da prisión hai diferentes tendas de campaña onde se agrupan os distintos grupos palestinos. El, como membro de Yihad, compartía o seu espazo con doutores, profesores e outras persoas afíns aos pensamentos desta corrente ideolóxica. Todos os días tiñan algunha clase sobre historia de Palestina e de Yihad, amais de xogar ao fútbol, sempre vixiados polo exército israelí, que se mantén fóra do cadrado destinado a eles. As visitas eran esporádicas e nelas a visión non era clara, xa que un muro de cristal separábaos dos poucos visitantes que acadaban o permiso. Con todo, a experiencia non foi tan negativa pois, cando menos, deulle a oportunidade de reflexionar.
Entrou en Yihad Islámica, o grupo militar palestino que se declarou responsable da bomba do centro comercial en Netania, cando tiña trece anos. Agora, preto de dez anos despois, segue a descoñecer as bases ideolóxicas dun movemento no que entrou sen estar inducido por ningún tipo de ideoloxía. Afirma que todos os seus veciños eran integrantes de Yihad e mesmo o seu pai alentouno a formar parte del. Reuníanse na mesquita e o mestre explicaba os pensamentos, así como historias sobre Mahoma e o Corán. Entre esas ideas, lembra, o básico era o odio a Israel mentres non se devolvese toda Palestina, dende Xordania ata o mar Mediterráneo. Así, consideran calquera tipo de negociación como negativo, pois isto representaría certo lazo amizoso co inimigo.
Este antigo membro de Yihad, que se enche de orgullo ao falar do seu pasado, confesa non ter ningún problema cos xudeus, senón cos sionistas. Afirma que el mesmo ten amigos dentro de Israel e que non os considera rivais. Admite que o pensamento do grupo islámico ao que pertenceu é que os xudeus deben marchar por onde viñeron; xa que chegaron de todas partes do mundo, teñen todas esas partes do mundo para vivir. Con todo, respéctanse aos xudeus palestinos, eses que naceron antes da creación do estado de Israel e anima a eses a quedarse unha vez Palestina sexa declarada libre.
Ao preguntarlle polo tema dos suicidas, enseguida corrixe a pregunta e matiza que estes non son inmoladores, senón mártires. Mentres foi membro de Yihad aceptou a idea, sen diferenciar civís e soldados. Agora é contrario ao martirio e opina que é inxusto, pois non distingue entre soldados e nenos, como no atentado do luns. Amais, apunta que esa loita non é parte da súa relixión, que é pura misericordia. E seguindo estas palabras, cita ao profeta Mahoma cando pediu que non se loitase a non ser en defensa propia. A el nunca se lle preguntou se quería ser un mártir, mais sabe que o proceso de elección é o segredo mellor gardado; só dúas ou tres persoas coñecen quen levará a cabo a misión. Si coñeceu xente que decidiu martirizarse pero non entende os motivos que levaron a esas persoas ata ese punto. Sabe que algúns deles perderan familia e amigos, mais el non pode deixar de pensar na xente que deixan atrás e non acha que esta sexa a forma de acadar nada. Ao mesmo tempo, critica o último atentado e roga por que non comece outra escalada de violencia.
Ao expoñerlle a idea de que un destes mártires significa a vida dun palestino menos, a resposta é contundente: Yihad considera que non hai ningunha perda, posto que a persoa que leva a cabo a acción consegue o ceo. Aínda máis, "cando matas israelís Deus respéctate e gañas o ceo xunto con outros mártires e profetas". Por último, engade que é certa a idea de que o mártir chega ao ceo conseguindo moitas mulleres virxes para el só. Así mesmo, a persoa non sente nada á hora de facer estoupar a bomba, non sofre, posto que Deus estará ao seu carón no momento.
Vivir dentro dun muro que rodea a cidade, privado da liberdade de desprazamento, non só provoca ira. Esa furia aumenta e gaña poder ata apoderarse das mentes de nenos que confunden xogos de mesa con carreiras tras duns tanques, e a inocencia se transforma en consciencia destrutiva. Daquela, o que pode ser o inofensivo lanzamento dunha pedra, por imitación, pode significar máis adiante un fundamento en defensa de. É entón cando as avalanchas de cólera se citan e se confunden, e as bágoas do que foi un neno comezan a caer por primeira vez, no momento no que a sociedade obriga a crer que os homes non choran, teñen que pelexar.