Cambados acollerá a XV Conferencia Anual Plácido Castro

Versará sobre a obra plástica de Plácido Castro

Versará sobre a obra plástica de Plácido Castro

Unha análise da obra plástica de Plácido Castro contextualizada no panorama da arte galega do seu tempo centrará a XV edición da Conferencia Anual Plácido Castro que terá lugar en Cambados o próximo 27 de xaneiro.

A Conferencia é unha iniciativa da Fundación Plácido Castro que arredor de cada 25 de xaneiro, coincidindo co natalicio deste autor, quen fora tamén secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista, xornalista e tradutor, aborda algunha cuestión relacionada coa súa traxectoria ou o seu ideario.

Nesta ocasión realizarase unha primeira aproximación a unha faceta inédita da súa personalidade, abordando os contornos dunha obra pictórica na que se reflicte a súa “fascinación coa acuarela como recurso de captación da paisaxe, ao tempo que evidencia o seu coñecemento técnico deste medio de expresión plástico citando pigmentos pictóricos como o vermello alizarín, o verde viridiano ou o azul cianino”.

A conferencia será desenvolvida por Xosé Carlos López Bernárdez, Profesor de Lingua e Literatura Galegas, licenciado en Xeografía e Historia, sec. Hª da Arte, e ensaísta de temas literarios e artísticos. En anteriores edicións teñen participado Ramón Lugrís, Igor Ahedo, Fernando Pérez-Barreiro, Valentín Arias, Luís A. Pousa ou Ramón Villares, entre outros.

A Fundación, creada en 2001, está constituída polos concellos de Corcubión (onde naceu en 1902), Vilagarcía de Arousa (onde traballou trala súa segunda volta de Londres), e Cambados (onde faleceu en 1967), así como pola Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).

Plácido Castro foi unha figura poliédrica que se desenvolveu, principalmente, no campo do xornalismo (dende El Pueblo Gallego á BBC), da tradución (cunha versión excepcional de As Rubaiyat de Omar Kayyam, por exemplo) ou na política (formando parte da dirección do Partido Galeguista dende a súa creación ata 1936). Foi represaliado trala guerra civil e exiliouse en Londres ata 1956.

A iniciativa conta co apoio da concellería de cultura do Concello de Cambados.

DÍA: 27 de Xaneiro

HORA: 20,00 H.

LUGAR: Pazo de Torrado, Rúa do Príncipe, 10.

Tema: “Plácido Castro e a arte galega do seu tempo”

Relator: Xosé Carlos López Bernárdez.