Lourenzo Maroño e Elena Sherevera e Camiño Noia, Premios de Tradución Plácido Castro na súa undécima edición

O xurado da XI edición dos premios de tradución Plácido Castro reuniuse o pasado venres día 23 en Vilagarcía de Arousa, acordando conceder o galardón ex aequo aos tradutores Lourenzo Maroño e Elena Sherevera, pola Antoloxía da poesía rusa: de Pushkin a Evtushenko; e mais a Camiño Noia, pola súa tradución O gran Meaulnes.

O xurado, integrado por representantes da propia Fundación Plácido Castro, a Xunta de Galicia, o IGADI, a Real Academia Galega e a Asociación de Tradutores Galegos, sinala que na tradución da poesía rusa apréciase unha vontade de estilo moi ben conseguida, con expresións naturais e poeticamente cribles en galego. Trátase de composicións trabadas, sólidas, que concordan coas presentacións que se fan dos autores. Ademais incorpora voces poéticas diferentes con cadanseu interese, punto de vista e idiosincrasia expresiva, sempre cunha lectura fluída e doada.

Na tradución de Alain Fournier destácase o excelente manexo da lingua que consegue reproducir á perfección as distintas atmosferas nas que se desenvolve o argumento. Ofrecésenos aquí unha perfecta reconstrución en galego do heroe romántico que se lanza á persecución dos seus soños.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual BIVIR publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

A Fundación pretende con este premio reivindicar o importante labor dos nosos tradutores e tamén aquela dimensión literaria de Plácido Castro (1902-1967), quen se destacara como o máis universalista dos nosos galeguistas.

Os premiados nesta edición recibirán o diploma acreditativo e unha escultura alegórica da autoría de Xaquín Chaves o próximo día 1 de decembro ás 12 horas no Concello de Vilagarcía de Arousa.