images igadi annual report 2018 2019 pages to jpg 00011

“Un mundo en rumbo de colisión”. Nova edición do IGADI Annual Report 2018-2019

 

images igadi annual report 2018 2019 pages to jpg 00011

 

Os EUA de Donald Trump, a Rusia de Vladimir Putin, a emerxente China de Xi Jinping. As tres grandes potencias do sistema internacional definen unha troika de intereses xeopolíticos moitas veces contrapostos, e de esferas de influencia en disputa a nivel global, que determinan un risco conflitivo cada vez máis in crescendo.

Baixo o título “En rumbo de colisión”, e por duodécimo ano consecutivo, o IGADI Annual Report 2018-2019 achéganos sobre as principais chaves da política internacional do pasado ano 2018 e as perspectivas para este convulso 2019. Baixo a dirección de Daniel González Palau (director do IGADI) e de Xulio Ríos (presidente de honra do IGADI) e coa coordinación editorial de Roberto Mansilla Blanco (analista do IGADI), esta edición do IGADI Annual Report conta como novidade coa firma convidada do noso analista e ex embaixador venezolano Alfredo Toro Hardy, na sección de Introdución deste informe.

Neste sentido, Toro Hardy reflexiona sobre a posibilidade dunha Terceira Guerra Mundial entre EUA e China, con Rusia na recámara. Amparándose no estudo de diversas teorías das relacións internacionais, Toro Hardy observa como China emerxe mentres EUA declina, factor que condiciona un conflito inevitable, aínda que preventivamente de carácter rexional. O eventual ingreso de Rusia, particularmente a favor de China, implicaría unha tanxente reactivación do sistema de alianzas e de seguridade existentes no sistema internacional, particularmente no caso asiático.

Na sección de “As chaves de 2018”, o IGADI Annual Report identifica entre elas ao malestar social e político en Europa; o retorno do medo nuclear (Irán, Corea do Norte, suspensión de Trump do Tratado INF con Rusia); a guerra comercial e tecnolóxica entre EUA e China; os desafíos políticos e demográficos das migracións internacionais; e a preocupación ante o quecemento global, traducida no cumio do COP24 celebrado en decembro pasado en Katowice (Polonia).

No apartado das “Perspectivas 2019” destacan as eleccións ao Parlamento europeo en tempos políticos turbulentos; as vicisitudes de Irán tras catro décadas de revolución islámica; a estratexia Indo-Pacífico de Trump, orientada a conter á emerxente China; o trinta aniversario da masacre de Tiananmen; e un 2019 electoral e politicamente decisivo para África.

A sección de “Reflexións por áreas xeográficas” contén as análises sobre  Tunicia no contexto da “post-Primavera árabe” (artigo de David Alvarado); as presidenciais de Ucraína de marzo próximo (Miriam González Francisco); a actualidade de Taiwán (Marola Padín Novás), as presidenciais arxentinas 2019 en chave feminista (Micaela Fernández Darriba); e os desafíos democráticos da África subsahariana (Pablo L. Orosa).

A continuación, a sección de “Reflexións Transversais” analiza o peso do nacionalismo nas grandes potencias, particularmente EUA, China e Rusia (Jared D. Larson); o poder xudicial utilizado como arma política (Frederico de Almeida); unha perspectiva da estratexia electoral da esquerda latinoamericana (Augusto Zamora); a axenda feminista en América Latina e o Caribe ante o avance “neoconservador” (María Xosé Porteiro); e a revitalización da “Gran Eurasia” como polo xeopolítico (Roberto Mansilla Blanco).

Finalmente, nas Personaxes do 2018, destacamos o furacán político suscitado polo presidente brasileiro Jair Bolsonaro; a elección presidencial de Sahlework Zerde en Etiopía, sendo a única muller actualmente na presidencia dun país africano; o polémico primeiro ministro italiano Matteo Salvini, perfil dunha ultradereita europea en ascenso; á directora da multinacional chinesa Huawei, Meng Wanzhou, detida baixo controvertidas causas en Canadá en decembro pasado; e a primeira ministra británica Theresa May, politicamente atribulada polos efectos do Brexit.

Como ven sendo habitual, esta nova edición do IGADI Annual Report conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Podes acceder á versión dixital do IGADI Annual Report a través do enlace: http://www.igadi.org/web/sites/all/arquivos/igadi-annual-report_2018-2019.pdf

 

Pontevedra. 4 de marzo de 2019.