images publicacions IgadiPaper102

IgadiPaper nº102

China ultima o Gran Salto: Adiante?

(05/2013)

China ultima o Gran Salto: Adiante?

 

images publicacions IgadiPaper102

Os resultados das sesións parlamentarias anuais celebradas en China entre o 3 e o 17 de Marzo, incluíndo tanto a Conferencia Consultiva Política como a Asemblea Popular Nacional (APN), evocan a clara sensación dun novo impulso á política de reforma e apertura iniciada en 1978. Trala defenestración de Bo Xilai e o descarte absoluto de calquera posibilidade de marcha atrás durante a celebración do XVIII Congreso do Partido Comunista de China (PCCh) en novembro de 2012, tocaba agora lexitimar universalmente (tanto no plano subxectivo como no discurso) as decisións tomadas.  

a) Liderados estatais

Xi Jinping, secretario xeral do PCCh, foi confirmado como Presidente de China e da Comisión Militar Central do Estado (con idéntica composición á comisión militar central do PCCh). Li Keqiang, primeiro ministro. Zhang Dejiang, presidente da APN. Yu Zhengsheng, presidente da Conferencia Consultiva Política. A única novidade foi a elección como vicepresidente de Li Yuanchao, membro do Buró Político, quen se barallara no congreso de novembro como posible integrante do Comité Permanente, máximo órgano de poder en China. Habitualmente, o vicepresidente, un cargo esencialmente honorífico, é o quinto na xerarquía que coincide co reitor da Escola Central do PCCh (neste caso, Liu Yunshan). Así veu acontecendo nos últimos anos co propio Xi Jinping, Hu Jintao, Zeng Qinghong e ata Hu Yaobang. Li Yuanchao é un afín a Hu Jintao e recoñecido reformista dentro do sistema. A súa elección ratifica o esforzo da nova dirixencia chinesa por redobrar o consenso no cume para afrontar unha etapa clave do seu proceso de modernización.  

b) A despedida de Wen Jiabao

No seu informe da acción de goberno, o primeiro ministro saínte, Wen Jiabao (2003-2013), fixo fincapé nos importantes logros da última década, en especial no último lustro, realizados en condicións especialmente difíciles por mor do estoupido da crise financeira internacional que fixo abalar os piares do crecemento chinés afectando de forma significativa ás súas exportacións ao mundo desenvolvido. O balance dos últimos cinco anos recoñece a persistencia de moitas contradicións na economía chinesa: desequilibrio e insostibilidade, baixa produtividade e escasa innovación, déficits orzamentarios avultados especialmente no eido local, baixas taxas de benestar social, ambiente en estado pésimo, agravamento das diferenzas dos mundos rural e -urbano, ingresos á alza pero aínda insuficientes para imaxinar unha sociedade de consumo… Nada, en fin, que non estea no vocabulario habitual pero que constitúen poderosas sombras sobre a economía chinesa confrontada ao reto de duplicar en 2020 o PIB e o ingreso per cápita correspondentes a 2010.

Entre os anuncios para 2013 cabe sinalar o obxectivo de crecemento do 7,5%, cunha inflación por baixo do 3,5% e unha taxa de desemprego do 4,6%. O gasto en defensa medrará un 10,7%. Wen Jiabao anunciou unha reforma gradual do hukou ou permiso de residencia e o mantemento da política de planificación familiar, temas obxecto de discusión nos últimos tempos. Tamén haberá continuidade na política en materia de nacionalidades minoritarias, a propósito de Taiwán ou na política exterior. A sensibilidade en relación aos problemas ambientais debera aumentar. Por último, cabe salientar o anuncio dun aumento do déficit público por importe de 400.000 millóns de renminbi, fondos que serán destinados en boa parte á mellora do benestar social (vivenda, pensións, sistema sanitario, educación…). A segunda potencia económica do mundo sitúase en termos de Índice de Desenvolvemento Humano na posición 101 (IDH 2012).

Fronte ás críticas de “década perdida” en alusión á parálise do proceso reformista, Wen Jiabao salientou un balance globalmente positivo, defendendo as políticas adoptadas dun maior investimento público e un maior intervencionismo para corrixir os efectos da crise global. Certamente, na pasada década fóronse sentando as bases dun maior equilibrio na axenda dunha reforma exitosa no eido económico pero claramente fracasada no eido social, ambiental, tecnolóxico ou político, factores todos que agora, unha vez clarexado o rumbo a seguir, formarán parte indispensable da axenda.

c) Decisións para un novo xiro

A reestruturación do Consello de Estado ou gabinete constitúe unha das referencias esenciais destas sesións parlamentarias e símbolo dun novo xiro na política chinesa. Formalmente, trátase de avanzar na diferenciación das funcións estritamente gobernamentais e económicas, eludindo a implicación directa nestas últimas do aparato administrativo. O goberno apartaríase así progresivamente da xestión empresarial directa. Na práctica, suporá unha redución moi considerable do aparato burocrático, a reorientación do labor gobernamental a tarefas de coordinación e estratexia, menor intervencionismo público e maior respecto ás leis do mercado e a apertura dun horizonte de desmonopolización e de maior presenza do sector privado en sectores onde antes tiña unha presenza testemuñal e ata inexistente. Estímase que o proceso de transformación, a sétima en trinta anos, que obedece a unha folla de ruta trazada nos últimos anos, levará un lustro. De entrada, o número de ministerios pasou dos 27 actuais a 25.

A elección do Ministerio de Ferrocarrís como botón de mostra do cambio de orientación non é inocente. Este Ministerio, agora suprimido, constitúe todo un mini-estado, con dous millóns de empregados, policía e ata tribunais propios. Os asuntos administrativos dos ferrocarrís dependerán dun Buró mentres que a xestión económica pasará a ser exercida por unha Corporación. Este modelo podería estenderse a outros sectores.

Outros ámbitos afectados polas decisións refírense a ámbitos como a enerxía (a enerxía eléctrica, que funcionaba de xeito autónomo, queda agrupada nunha mesma axencia). Tamén a seguridade alimentaria, sacudida por numerosos escándalos nos últimos tempos. Ou a unificación da temática da planificación familiar con saúde.

A Comisión Nacional de Desenvolvemento e Reforma, referencia esencial da transición económica chinesa, perde peso nesta remodelación, de xeito que as súas competencias en materia de aprobación de proxectos e concesión de licencias vanse reducindo en tanto que a función estratéxica e de coordinación gaña substancia.

Outro aspecto ten que ver coa participación das organizacións populares na prestación de servizos sociais, médicos, sanitarios, etcétera. Na xestión social aquelas gañarán recoñecemento e dinamismo deixando en mans da colectividade boa parte da xestión das políticas activas nesta materia.

d) Os novos rumbos

Haberá continuísmo nos próximos anos na política chinesa pero, sobre todo, asistiremos a unha aceleración das reformas, especialmente no eido económico con vistas a configurar o novo modelo de desenvolvemento baseado no fomento da demanda interna, a innovación científica e os impulsos social e ambiental. Este proceso coexistirá cos experimentos no eido político dun reformismo inter-sistémico que exclúe calquera evolución cara unha democracia de estilo occidental. Dende a tribuna foron varias as voces que apostaron por alargar o espazo da democracia consultiva para reforzar as bases e a credibilidade do sistema, non para desmontalo. Oficialmente, todo canto se mude debe preservar a inmutabilidade da hexemonía do PCCh.

En materia de dereitos humanos, pese á anunciada reforma dos laojiao, os campos de traballo, ningún cambio substancial asoma no horizonte. Ningún eco nas sesións parlamentarias do chamamento efectuado o pasado 26 de febreiro por numerosos intelectuais para que China ratifique o Pacto internacional de dereitos civís e políticos, asinado en 1998, hai quince anos.

Na política exterior, agora con Wang Yi á súa fronte mantendo o rumbo do desenvolvemento pacífico, cabe agardar a afirmación dun ton máis reivindicativo. China asumirá unha diplomacia máis rica e complexa e menos acomplexada, amosando os seus intereses tanto en relación ao diálogo con EUA como á súa dimensión participativa nas principais instancias do sistema internacional onde os cambios fanse demorar (os acordos adoptados en 2010 para unha reforma do FMI que lle procuraría máis peso seguen á espera de aplicación). A coordinación coas economías emerxentes, especialmente no grupo dos BRICS, gozará de atención. Non cabe esperar de China que desempeñe un papel global que contribúa a corrixir os excesos do capital financeiro internacional.

e) O estilo de Xi Jinping

Acumulando desde o inicio do seu mandato os tres cargos de maior significación (secretaría xeral do PCCh, presidencia do Estado e da Comisión Militar Central), Xi Jinping estará en condicións de acelerar os cambios precisos. A sociedade chinesa agarda con impaciencia que os froitos do desenvolvemento se traduzan en expectativas concretas que melloren o seu nivel de vida, mentres datos oficiais revelan que o 1% da poboación controla ata o 41% da riqueza do país.

Nos seus primeiros pasos, Xi Jinping amosou a súa disposición a intensificar a loita contra corrupción e o abuso de poder, manifestando igualmente preocupación polo incremento da independencia da xustiza. Estas tomas de postura, xunto ao seu falar directo e franco, bríndanlle certa simpatía inicial, pero terá que demostrar nos feitos que non se trata de simples declaracións. 

As evocacións dun maior respecto á lei e á Constitución contrastan cunha realidade que choca co muro dun sistema vocacionado para facer letra morta dos seus preceptos.

f) Conclusión

China encara unha etapa crucial do seu proceso de modernización. Os apremos centraranse na innovación, no ambiente, na cuestión social, na reestruturación económica. O obxectivo é deixar de ser o taller do mundo para converterse nunha potencia moderna e desenvolvida no horizonte de dez anos. Pasar do Made in China ao Created by China. Nese proceso seguirá pensando a incógnita do modelo futuro, especialmente no que atinxe á capacidade do PCCh para manter a excepcionalidade dun sistema que pese ás transformacións da sociedade chinesa mantense no substancial coas coordenadas de 1949. O desmantelamento dos monopolios públicos e o ritmo e características dunha nova onda de privatizacións que podería enfraquecer o poder económico do Partido-Estado pode indicarnos a natureza esencial desa China que en poucos anos confirmarase como a primeira potencia económica do mundo.

Noutro plano, a necesidade de equilibrar o obxectivo dunha maior eficiencia económica con iguais doses de xustiza ven gañando peso no discurso oficial dende que Hu Jintao promoveu a creación dunha sociedade harmoniosa. Pero a realidade desmente a harmonía. China segue a ser un dos países máis desiguais e inxustos do mundo.

A democratización seguirá no debate, sen mais atrevemento que a aposta por osixenar o sistema político mediante o aumento das consultas e outras fórmulas sucedáneas que permitan alargar a base das decisións pero sen cuestionar en ningún caso o actual sistema de co-participación sen alternancia.

Pode derrapar? A magnitude das contradicións que habitan no proceso chinés e a acumulación de expectativas de difícil satisfacción ofrecen un caldo de cultivo nada desprezable para fundamentar a hipótese dun derrape. O apelo ao nacionalismo, á realización dese soño colectivo do pobo chinés de recuperación da grandeza do pasado, constitúe un bálsamo moderador que as autoridades modelarán en función das expectativas, pero non é un remedio eterno e infalible. Sen máis xustiza, a China poderosa segue a ser un xigante con pes de barro.

18 de Marzo de 2013