images publicacions IgadiPaper108

IgadiPaper nº108

Novas realidades para Obama en América Latina

(11/2013)

Novas realidades para Obama en América Latina

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper108

Oficialmente centrada en temas de interese comercial e económico, o presidente estadounidense Barack Obama realizará os próximos 2 a 4 de maio a súa segunda xira latinoamericana desde que chegou á Casa Branca en 2009. Nesta ocasión visitará México e Costa Rica, onde participará no cumio do Sistema de Integración Centroamericano (SICA).

Lixeiramente diferente das anteriores xiras hemisféricas realizadas por anteriores mandatarios, nesta ocasión Obama, cunha economía estancada, unha recuperación feble e con urxente necesidade de incrementar o comercio exterior, prima unha perspectiva orientada a salientar con maior optimismo as oportunidades de negocio que se presentan nunha rexión con notables índices de crecemento económico. A axenda común plenamente centroamericana estará determinada por temas de interese como a integración rexional e os acordos de libre comercio, sen menoscabar as problemáticas de seguridade como a inmigración ilegal e o actuar das bandas criminais e do narcotráfico.

Así e todo, cabe destacar desta “mini-xira” a ausencia de países estratexicamente importantes para Washington como Brasil, Colombia ou Arxentina e, con menor intensidade, a eventual toma de contacto ante crises políticas rexionais como a que actualmente vive Venezuela, cuns resultados electorais do pasado 14 de abril que deron a vitoria ao oficialista Nicolás Maduro, e que non foron ata agora recoñecidos polo goberno de Obama, feito que causa irritación na rexión.

O comercio de EUA coa rexión centroamericana vense mantendo e ata experimenta un lixeiro medre. A aposta centroamericana explicita a intención de Washington de tomar iniciativas ante a crecente presenza comercial e económica de China como actor fundamental de investimentos e de políticas de desenvolvemento nesta rexión. Países como Perú, Bolivia, Ecuador ou Venezuela están mirando cara outros mercados como destino para as súas importacións e exportacións. Neste sentido, Obama impulsará o debate no cumio do SICA sobre a eventual construción dunha Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP polas súas siglas en inglés), actualmente en negociación entre EUA e a Unión Europea e da que países como México desexan formar parte.

Paralelamente, Obama observará con atención o alcance da Alianza do Pacífico, iniciativa creada como bloque comercial en xuño de 2012 por Colombia, Perú, Chile e México, e o seu eventual impacto na concreción de tratados de libre comercio e de integración hemisférica. En perspectiva, o interese estratéxico de Washington remítese a seguir de perto a capacidade de actuación e o incremento da influencia de China a través desta alianza.

b) Pulsando un novo contexto

A próxima xira de Obama por América Latina traslada unha sensación de notoria modestia. Só dous países formarán parte desta viaxe, México e Costa Rica, e neste último o motivo derívase basicamente da participación nun foro rexional, o cumio do Sistema de Integración Centroamericano (SICA). Aquí, Obama reunirase con diversos presidentes centroamericanos, en especial daqueles países relevantes para Washington en materia de libre comercio, inmigración e seguridade como son os casos de El Salvador, Guatemala e Honduras.

Obama aspira a que desta viaxe resulten algo mais que xestos e declaracións, pero non será doado. A visita a México servirá para departir co seu presidente Enrique Peña Nieto sobre aspectos relevantes de cara aos tratados de libre comercio, á recente reforma migratoria en EUA (país onde habitan aproximadamente sete millóns de mexicanos indocumentados) e o peso do narcotráfico na fronteira entre ambos países e no Golfo de México. Con esta visita, Washington consolida a México como o seu principal aliado hemisférico, tratamento igualmente extensible a Colombia, ao tempo que pulsa o proceso de transición democrática nese país tralo retorno ao poder do outrora hexemónico Partido Revolucionario Institucional (PRI).

Paralelamente, Obama observa o país azteca como unha economía emerxente con cada vez maior iniciativa nos foros internacionais, en especial de cara a inserirse nos novos marcos de integración. Un referente esencial neste aspecto é a Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP, polas súas siglas en inglés) que Washington negocia na actualidade coa Unión Europea. Durante unha visita a Washington realizada en decembro pasado con carácter previo á súa asunción presidencial, Peña Nieto xa amosou a intención mexicana de ingresar no TTIP, coa finalidade de integrarse no que Washington e Bruxelas aspiran a converter no maior bloque mundial de libre comercio e de investimentos.

En calquera caso, o goberno mexicano adiantou que solicitará a EUA un trato igualitario como socio tanto na loita contra o tráfico de drogas, contra a inseguridade, na batalla contra o tráfico de armas e contra a inmigración ilegal cara o país do Norte.

No marco do cumio do SICA en Costa Rica, as perspectivas de Obama poden  centrarse en dous escenarios. O primeiro, consolidar este proceso de integración centroamericano con especial énfase no libre comercio e nos investimentos, oportunidades de negocio para empresas estadounidenses e a potenciación de políticas comúns para o combate do crime organizado (con especial atención á actividade transnacional de bandas como a Mara Salvatrucha), do narcotráfico e da inmigración ilegal. Este asunto resulta prioritario para Washington tendo en conta os elevados índices de inseguridade da rexión centroamericana (44 asasinatos por cada 10.000 habitantes segundo a ONU) e da súa repercusión en EUA a través da inmigración ilegal.

A reforma migratoria en EUA é de grande interese en Centroamérica. O proceso de regularización dos 11 millóns de inmigrantes ilegais podería descarrilar pese aos esforzos demócratas.

Na recámara da xira estará o acompañamento do avance de China como actor económico de importancia a nivel hemisférico, en especial en América Central, o Caribe e América do Sur. Se ben non existe unha política de confrontación comercial ou de carácter xeopolítico entre Washington e Pequín na rexión, si é cada vez maior o avance económico chinés en países como Costa Rica, Panamá, El Salvador ou Nicaragua, nestes tres últimos casos a pesares de seguir mantendo o recoñecemento diplomático de Taiwán.

c) Os “esquecidos” da xira

Outra dimensión de relevancia da xira de Obama ten que ver, igualmente, con aspectos de carácter político que semellan obviados neste contexto. A limitación cara o ámbito centroamericano pode levar a Washington a manter certo distanciamento cos cambios políticos en América do Sur, en particular ante a complexidade do ascenso de Brasil como actor global, a polarización e as crises políticas na Venezuela post-Chávez, a tendencia rexional cara unha integración plenamente autóctona (UNASUR, ALBA, CELAC) fóra da participación e esfera de influencia de EUA, e as vicisitudes do novo contexto político e electoral na rexión andina e no Cono Sur.

Na súa primeira xira latinoamericana en marzo de 2011, Obama incluíu a Brasil, El Salvador e Chile. Pero nesta ocasión, o radio de acción plenamente centroamericano evidencia unha perspectiva diferente na dinámica das relacións entre EUA e América Latina. Moi probablemente, Washington toma nota de que América do Sur transita por un vieiro político e económico propiamente autóctono, onde o peso e influencia estadounidense é cada vez menor. Ante esta visita, en México, deputados dos partidos de esquerda impulsaron un principio de acordo para condenar as declaracións formuladas o 17 de abril polo Secretario de Estado John Kerry, quen dixo que América Latina seguía sendo o “patio traseiro” de EUA, concepto moi afastado daquel “socios para o desenvolvemento” ao que ven aludindo Obama dende o cumio de Cartaxena de Indias de hai un ano.

Paralelamente, e no caso da relación de Washington con países tradicionalmente aliados como Colombia, Perú e Chile, así como aqueles que son politicamente estratéxicos pero non necesariamente aliados incondicionais (Brasil, Uruguai ou Arxentina), Obama semella interpretar que as súas relacións bilaterais con estes países atravesan momentos de maior estabilidade e entendemento, basicamente dinamizadas polos canais diplomáticos e oficiais.

Así e todo, existen outros escenarios onde a presenza de Washington podería resultar mais irritante. O caso venezolano é sintomático precisamente pola polarización e tensión emanada durante a etapa de goberno (1999-2013) do recentemente falecido presidente Hugo Chávez, agora contextualizado coa tensión e polarización postelectoral tralos comicios celebrados o pasado 14 de abril, e que lle deron unha axustada vitoria ao candidato “chavista” Nicolás Maduro.

Ata o momento, e a diferenza da maioría dos países latinoamericanos, nin Washington nin a oposición venezolana recoñeceron a elección de Maduro, aspecto que intensifica aínda máis a tensión e convulsión así como unha sostida política encamiñada a cuestionar a lexitimidade presidencial de Maduro nun contexto traducido pola asunción do “chavismo sen Chávez”.

Obama mantén un marcado distanciamento co denominado “eixe da ALBA”, basicamente en torno a Venezuela, Cuba, Bolivia, Ecuador e incluso Nicaragua, países cos que Washington ten vivido tensos momentos políticos e diplomáticos nos últimos anos, en particular pola oposición deses gobernos ao ALCA e ás políticas de integración emanadas do anteriormente coñecido como “Consenso de Washington” de comezos da década de 1990.

Noutros contextos, a recente vitoria conservadora en Paraguai, co retorno do Partido Colorado da man de Horacio Cartes, pode ser interpretado dende Washington como un proceso político e electoral encamiñado ao retorno de partidos e movementos de carácter conservador e liberal, menos reticentes á influencia hemisférica estadounidense.

d) Unha Alianza cara o Pacífico

Un elemento adicional desta breve xira hemisférica de Obama céntrase  indirectamente en calibrar o avance da iniciativa da Alianza do Pacífico, concibida a partir de 2011 durante o cumio de Lima e que veu finalmente a luz en xuño de 2012. Esta alianza conta cun activo bloque comercial conformado por Colombia, Chile, México e Perú, e eventualmente podería ampliarse cara Panamá e outros países centroamericanos a curto ou medio prazo.

Este bloque agrupa actualmente un 35% do PIB global hemisférico. Inclúe como países observadores a Costa Rica e Panamá (que buscan ser membros plenos) así como a Portugal, Uruguai, Canadá, Xapón, Australia, Guatemala, España, Nova Zelandia e Paraguai, ampliando así un radio de actuación plenamente global. Paralelamente, esta alianza propicia iniciativas e mecanismos de integración inéditos, evidenciados coa creación do Mercado Integrado Latinoamericano (MILA), que agrupa aos Mercados de Valores de Bogotá, Lima e Santiago de Chile.

A Alianza do Pacífico igualmente concreta a perspectiva de Washington de afianzar os mecanismos bilaterais de libre comercio en América Latina así como en concentrar a súa atención no polo de crecemento que significa Asia-Pacífico. Esta estratexia é igualmente promovida por Obama a través da Alianza Transpacífica (TPP polas súas siglas en inglés), concibida a finais de 2011 como o escenario de maior interese estratéxico e prioritario para EUA nos próximos anos.

A TPP ubica o seu radio de actuación cara o Foro de Cooperación Económica de Asia Pacífico (APEC), que inclúe a Australia, Brunei, Chile, Malaisia, Nova Zelandia, Perú, Singapur, EUA e Vietnam e cunha esfera de influencia que ben podería achegarse cara a Alianza do Pacífico creada a mediados de 2012.

De novo, o interese fundamental de Washington circunscríbese en amortecer a influencia e capacidade competitiva que poda ter China nestes escenarios estratexicamente prioritarios. En abril de 2013, o presidente chileno Sebastián Piñera visitou China para auscultar a posibilidade de concretar acordos de cooperación entre Beijing e a Alianza do Pacífico. China xa solicitara a finais de 2012 a súa inclusión como membro observador desta alianza.

IGADI. 2 de maio de 2013