images publicacions IgadiPaper114

IgadiPaper nº114

Xapón: as reformas de Shinzō Abe

(17/2013)

Xapón: as reformas de Shinzō Abe

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper114

Xapón está experimentando un programa de reformas de carácter estrutural, impulsado polo seu primeiro ministro Shinzō Abe, do Partido Liberal Democrático  (PLD, de tendencia conservadora). Inicialmente, estas reformas oriéntanse a reactivar o parque industrial nipón a través de incentivos centrados na liberalización de sectores estratéxicos (principalmente a enerxía, as infraestruturas e a industria farmacéutica) pero eventualmente implicarían reestruturar o sistema público estatal e ofrecer unha visión mais “normalizada” en materia de política exterior.

Considerada a terceira economía mundial tras EUA e China, con estas reformas Abe tenta deixar atrás un prolongado período de ralentización económica, en boa medida derivado do longo período de deflación iniciado en 1997, do imparable ascenso de China e das secuelas causadas polo terremoto de comezos de 2011. A pesar do seu acento marcadamente económico, Abe non descarta amplialas cara a reestruturación do sistema político xaponés, acentuando paralelamente unha política exterior máis “nacionalista” cunha apertura a escenarios anteriormente “menores” para a diplomacia nipona, como África e América Latina, deixando de circunscribirse ao contexto de Asia-Pacífico e o Sueste asiático onde tamén libra unha pugna non disimulada con China.

Amparado no respaldo do presidente do Banco Central de Xapón (BCX), Haruhiko Kuroda, os piares destas reformas baséanse en tres iniciativas específicas: maiores estímulos fiscais, unha política monetaria expansiva e reformas estruturais([1]). Neste sentido, os obxectivos se concentran en manexar un índice de inflación do 2% para finais de 2015, así como elevar a base monetaria cara aproximadamente 575 millóns de euros([2]). Recibidas con optimismo no exterior, as reformas de Abe terán un test importante a medio prazo no relativo á aprobación parlamentaria. Así e todo, o gobernante PLD posúe a maioría dos escanos na Cámara de Representantes, alcanzada tralos comicios lexislativos de decembro de 2012, o cal implicaría superar o escollo  parlamentario.

Así mesmo, a ofensiva en materia de política exterior está igualmente condicionada polo contexto rexional, con especial atención ás tradicionalmente tensas relacións con China (contencioso de soberanía polas illas Diayou/Senkaku, nova política nuclear de Abe, eventual remilitarización xaponesa, etc.), así como de cara a socios comerciais como Taiwán e Corea do Sur, en especial ante a eventualidade dunha depreciación do ien xaponés que permita abaratar as exportacións niponas.

b) As incertezas dunha reforma “estrutural”

Tras obter unha cómoda vitoria electoral nos comicios lexislativos de mediados de decembro de 2012, o actual primeiro ministro Shinzō Abe centra as bases da súa xestión gobernamental a través dun programa de reformas cunhas arestas principais: reestruturación do aparato produtivo, dotación de incentivos para o crecemento económico, ampliación destas perspectivas cara a potenciación de Xapón como un actor relevante no contexto internacional.

Neste sentido, Abe, quen xa anteriormente ocupara o cargo de primeiro ministro durante o período 2006-2007, busca con estas reformas (coloquialmente denominadas Abenomics) reconducir unha economía afectada por dúas décadas de procesos de deflación e perda de competitividade, en particular tendo en conta os efectos dos “20 anos perdidos” dende 1991, o ascenso global de China como competidor comercial e económico (confirmado co desprazamento chinés de Xapón en 2011 como a segunda economía mundial), e de desastres naturais como o terremoto de comezos de 2011, que tivo unha forte repercusión internacional principalmente pola crise da central nuclear de Fukushima.

Principalmente, as reformas de Abe presentadas o pasado 14 de xuño ante a Cámara de Representantes céntrase no apartado económico que, a medio prazo, vaticina notorias e incertas perspectivas con respecto á eventual reestruturación do forte aparato burocrático estatal, a necesidade dunha reforma das políticas agrarias así como a apertura de canles de mobilización e participación social e política que permitan reformar o tradicionalmente xerárquico sistema político e empresarial xaponés.

Neste apartado, o do sistema político e a necesidade de afrontar reformas que permitan unha maior mobilidade e horizontalidade na participación política e electoral, Abe semella considerar as recentes evolucións na dinámica política xaponesa, motivada polo proceso de descentralización iniciado a comezos da década de 1990 e que, eventualmente, permitiu reducir a transcendencia de problemas crónicos como o clientelismo político. Neste sentido, as eleccións locais de 2011 definiron un novo mapa político para Xapón, significándose a aparición de novos partidos políticos  de carácter local ou rexional, aínda que algúns deles ligados a liderados políticos persoais([3]).

Paulatinamente, esta dinámica está minando e incluso contestando o tradicional “uni-bipartidismo” xaponés de posguerra, caracterizado pola hexemonía do Partido Liberal Democrático (PLD), formación conservadora que gobernou entre 1955 e 2009 ata regresar ao poder con Abe o pasado mes de decembro; e o breve “interregno” do opositor Partido Democrático de Xapón (PDX), entre 2009 e 2012, con escasa capacidade para afondar aínda mais o proceso de descentralización política e propiciar unha reforma dos distritos electorais, principalmente no sector rural, tradicionalmente a base de apoio electoral do PDX([4]).

c) A “terceira frecha” de Abe

Durante a súa alocución parlamentaria, Abe denominou esta fase como a “terceira frecha” marcada pola concreción de maiores incentivos fiscais para potenciar o aparato produtivo, un maior investimento público en materia de innovación industrial (considerado un dos trazos distintivos do denominado “milagre xaponés” da posguerra) e, incluso, medidas como unha maior inclusión feminina no sector laboral. Dentro desta estratexia de reformas, as dúas primeiras “frechas” establecían unha maior flexibilidade da política monetaria e o impulso do gasto público.

Outro apartado de importancia ten que ver coa política enerxética, á vista do importante efecto da crise da central nuclear de Fukushima durante o terremoto de 2011. Dende entón, Xapón perdeu un terzo da súa capacidade de produción enerxética debido á suspensión da maioría das plantas de xeración nucleoeléctricas. Neste sentido, as reformas de Abe definen unha aposta polas enerxías renovables con capacidade de xeración de electricidade. O primeiro ministro xaponés considerou impulsar investimentos valorados en 230.000 millóns de euros ata 2015 na industria enerxética, coa intención de liberalizar o sector e acabar co monopolio establecido polas dez principais empresas eléctricas rexionais.

Paralelamente, Abe explicou un plan de investimentos públicos e privados en materia de infraestruturas severamente danadas polo terremoto de 2011 (estradas, aeroportos, obras hidráulicas, etc.) para os próximos dez anos e por valor de 91.000 millóns de euros, así como a intención de duplicar os investimentos estranxeiros en Xapón por valor de 260.000 millóns de euros ata o 2020.

Para potenciar as súas reformas, Abe confía na maioría parlamentaria alcanzada polo PLD nas pasadas eleccións lexislativas de decembro. O PLD obtivo entón 294 dos 480 escanos da Dieta ou Cámara de Representantes do Parlamento xaponés, así como 83 dos 242 escanos da Cámara de Conselleiros ou Senado. A súa alianza parlamentaria co partido de centrodereita Novo Kōmeitō asegúralle ao PLD os 320 escanos necesarios para evitar o veto parlamentario a calquera das súas iniciativas, razón pola que as reformas de Abe, en principio, salvarían o tradicionalmente difícil obstáculo de aprobación parlamentaria.

c) A política exterior

Un obxectivo importante das reformas ten que ver cunha nova visión da política exterior xaponesa, coa perspectiva de recolocar a Xapón como un actor relevante no concerto internacional, acorde coa súa condición de terceira economía mundial. Abe e os integrantes do seu gabinete realizaron visitas a perto de trinta países dos arredores de China. Por outra banda, Tokio invitou a líderes de máis de dez países, incluíndo a India e Myanmar, a visitar Xapón. No fondo, o chamado “Arco de Liberdade e Prosperidade” ou tamén “Diamante de Seguridade” co que trata de enganchar a algúns países para conter a China aspira a restablecer a posición dominante en Asia.

A preocupación inmediata de Xapón radica en que as relacións económicas e comerciais de China cos seus veciños desenvolvéronse moi rapidamente, deixándoo atrás. Un exemplo é a ASEAN (Asociación de Nacións do Sueste Asiático, siglas en inglés). Xapón é o seu segundo socio comercial e China o primeiro. Dende o establecemento dunha zona de libre comercio entre China e a ASEAN (2010), o comercio bilateral e os investimentos de ambas partes aumentaron enormemente. O comercio bilateral acadou un nivel histórico de 400.000 millóns de dólares en 2012, o investimento foi de 100.000 millóns de dólares e o intercambio de persoas sumou 15 millóns.

Se ben China esperta suspicacias nalgúns países da rexión, os intentos de Xapón de desafiar a orde da posguerra suxire igualmente temores ante o seu militarismo á vista de que moitos países da zona foron vítimas da súa agresión durante a Segunda Guerra Mundial. Pequín, Seúl e Pyongyang acusan a Abe de promover unha “política agresiva” sumamente nacionalista que afecta ao equilibrio militar e xeopolítico rexional. Estas acusacións veñen directamente fundamentadas pola aposta de Abe por manter inalterable a alianza militar de Xapón con EUA e, especialmente, polos seus esforzos de reforma do artigo 9º da Constitución xaponesa, o cal desautoriza operacións militares no exterior. Os países asiáticos recean da eventualidade de que Abe promova unha remilitarización de Xapón, a partir da conformación dunha Forzas Armadas efectivas, co conseguinte relanzamento dunha carreira militar no Sueste asiático.

Tamén, a fin de contrarrestar o denominado “neocolonialismo chinés” en África, Xapón comeza a observar a este continente como unha prioridade enerxética e comercial. Tokio mantén 32 embaixadas en África e mais de 600 empresas instaladas nese continente, mentres o seu comercio bilateral alcanzou os US$ 30.000 millóns en 2012, visiblemente inferior aos mais de US$ 200.000 millóns de intercambios comerciais de China en África e das 2.000 empresas chinesas asentadas alí. En 2009, China foi considerado o principal socio comercial africano([5]).

No contexto latinoamericano, a xira en abril pasado do ministro xaponés de Exteriores Fumio Kishida por México, Perú e Panamá, concretou a aspiración do goberno de Abe de impulsar neste continente unha “diplomacia económica” que permita afianzar os investimentos xaponeses na rexión e achegarse a países que forman parte da iniciativa da TPP (Acordo de Asociación Transpacífico, siglas en inglés). O epicentro desta estratexia en América Latina é México, país co que Xapón ten unha Asociación de Libre Comercio desde 2005 e onde están asentadas 540 empresas xaponesas([6]).

IGADI. 17 de xuño de 2013.


([1]) “El gran experimento de Shinzō Abe”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 845, 10 de xuño de 2013.

([2]) “Nouvelle politique monétaire au Japan”, Eurasianfinance, 5 de abril de 2013. Ver en: http://eurasianfinance.com/2013/04/nouvelle-politique-monetaire-au-japon/

([3]) LEONARD HIJINO, Ken Victor; “Delinking National and Local Party System: New Parties in Japanese Local Elections”, Journal of East Asian Studies, Nº 13, Number 1, Xaneiro-Abril de 2013, pp. 107-135.

([4]) SCHNEIER, Ethan; “Japan Under the PDJ: The Paradox of Political Change Without Political Change”, Journal of East Asian Studies, Volume 12, Nº 3, Setembro-Decembro de 2012, pp. 311-322.

([5]) GINÉ DAVÍ, Jaume, “Japón también apuesta por África”, IGADI, 9 de xuño de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/japon-tambien-apuesta-por-africa

([6]) “Japón lanza estrategia de ‘diplomacia económica´ en América Latina”, Dinero (Colombia) 26 de abril de 2013. Ver en: http://www.dinero.com/actualidad/noticias/articulo/japon-lanza-estrategia-diplomacia-economica-america-latina/174403