images publicacions IgadiPaper117

IgadiPaper nº117

Primarias electorais na Arxentina: un test chave para Cristina K

(20/2013)

Primarias electorais na Arxentina:
un test chave para Cristina K

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper117

O próximo 11 de agosto, mais de 30 millóns de arxentinos están convocados para as eleccións Primarias, Abertas, Simultáneas e Obrigatorias (PASO), establecidas desde 2011 como mecanismo de participación electoral dentro da reforma política iniciada nos últimos anos na Arxentina. Por tanto, o PASO ten como finalidade diminuír ou ben impedir a tradicional atomización do escenario electoral arxentino, definido pola dispersión e multiplicación de candidaturas de diverso signo político e ideolóxico.

A importancia destas primarias estriba na elección de 127 candidaturas que deberán competir nas eleccións lexislativas do próximo 27 de outubro, onde se elixirá a metade da Cámara Baixa arxentina (composta dun total de 257 membros), así como 24 candidaturas para o Senado (72 membros en total), que será renovado nun terzo nas eleccións de outubro. Tendo en conta o seu acrónimo PASO, a reforma política estipula que deben realizarse eleccións primarias, abertas para todo o censo electoral, de forma simultánea por parte de todos os partidos e forzas políticas e de carácter obrigatorio, debido a que na Arxentina o voto non é facultativo.

Estas primarias implican un test electoral preliminar sumamente estratéxico para a presidenta Cristina Fernández de Kirchner e o seu movemento, a Fronte para a Vitoria (FpV), plataforma de forzas políticas afiliadas ao “kirchnerismo”. Se ben a FpV xa ten a maioría dos seus candidatos designados, estas primarias servirán para calibrar o peso destas candidaturas de cara aos comicios lexislativos de outubro próximo. É de salientar que desde 2011, o “kirchnerismo” lidera tanto o Congreso como o Senado pero que no contexto 2013 manifesta división de candidaturas. Por parte da oposición, identifícase como principal variable a fragmentación das súas candidaturas e alianzas políticas, aínda que imponse as candidaturas da Proposta Republicana (PRO) de Mauricio Macri e a coalición UNEN liderada por Elisa Carrió.

No relativo ás perspectivas electorais, o “kirchnerismo” deberá competir en desvantaxe na intención de voto nas estratéxicas provincias de Bos Aires (que ocupa o 37% do censo electoral), Santa Fe, Tucumán ou Córdoba, imprescindibles para asegurarse un resultado óptimo tanto nas lexislativas de outubro como eventualmente nas presidenciais previstas para 2015. Precisamente, a carreira electoral presidencial 2015 ten dalgún xeito o seu punto de partida nestas primarias, xa que a presidenta Cristina K observará con atención a evolución electoral para eventualmente tentar abrir un proceso de reforma constitucional que lle permita concorrer a unha nova candidatura presidencial en 2015.

b) Polarización en Bos Aires

Arxentina iniciará o próximo 11 de agosto unha carreira electoral co horizonte fixado nos comicios presidenciais de 2015. Neste sentido, este test electoral das Primarias, Abertas, Simultáneas e Obrigatorias (PASO) implicará calibrar as diversas candidaturas políticas para os comicios lexislativos do próximo 27 de outubro, os cales definirán un novo mapa político na Arxentina con directa influencia nas expectativas e pretensións presidenciais para os comicios de 2015.

Establecido a partir de 2011 a razón dunha reforma política, a PASO supón un deseño electoral centrado na posibilidade de que cada forza política defina a súa fronte interna. Esta ten un carácter de obrigatoriedade á hora de presentar candidaturas en razón da normativa electoral, teñan ou non primarias os respectivos partidos e forzas políticas, e supón un proceso aberto de selección tanto para militantes como para independentes que desexen elixir candidaturas. Neste sentido, a gobernante Fronte para a Vitoria (FpV) da actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner, non presentará candidaturas primarias por ter xa designadas as súas candidaturas. Pola súa banda, a plataforma opositora UNEN, conformada por sete partidos e movementos de centroesquerda, si presentará candidaturas primarias o próximo 11 de agosto.

Por tanto, estes comicios elixirán as candidaturas para deputados da Cámara Baixa de cara aos comicios lexislativos do próximo 27 de outubro. En total serán 127 candidaturas no Congreso, que deberá renovar a súa metade en outubro próximo. Paralelamente, oito distritos electorais, sendo estes Tierra del Fuego, Entre Ríos, Salta, Neuquén, Chaco, Santiago del Estero, Río Negro e a Cidade Autónoma de Bos Aires, elixirán 24 senadores, correspondendo a un terzo dos senadores que deberán ser renovados en outubro próximo.

Con todo, o test electoral mais decisivo será a provincia de Bos Aires, que corresponde aproximadamente ao 37% do censo electoral a nivel nacional, e que elixirá tanto deputados como senadores. Aquí, o “kirchnerismo” da FpV ten unha contenda complicada, debido a que marcha por detrás doutras opcións, sexan opositoras ou incluso disidentes do “kirchnerismo” coloquialmente denominados “post-kirchneristas”.

Na provincia de Bos Aires, as enquisas están lideradas por Sergio Massa, ex xefe de Gabinete de Cristina K entre 2008 e 2009, quen se postula pola Fronte Renovador. Massa é observado dende a FpV como un disidente “de dereitas”. Pola súa banda, a FpV postula a Martín Insaurralde, con menos expectativas ao estar cinco puntos por debaixo de Massa. Outras candidaturas na provincia de Bos Aires son as do empresario peronista “antikirchnerista” Francisco de Narváez e o sindicalista Hugo Moyano, apoiado pola centrodereita Unión Cívica Radical (UCR) e movementos progresistas.

Pola súa banda, no distrito de Bos Aires a puxa electoral é máis atomizada. O favoritismo apunta á centrodereita Proposta Republicana (PRO) do actual alcalde Mauricio Macri, quen espera potenciar nestas primarias e nas próximas lexislativas (a través de hipotéticas maiorías tanto no Congreso como no Senado) as súas eventuais opcións presidenciais para 2015. En segundo lugar marcha a coalición UNEN, liderada pola ex candidata presidencial Elisa Carrió e conformada por partidarios da UCR, progresistas, a Coalición Cívica e o Proxecto Sur. Así e todo, UNEN, que ven manifestando fortes discrepancias nas últimas semanas entre Carrió e outros líderes políticos, deberá definir candidaturas nestas primarias de cara aos comicios lexislativos, debaténdose en torno ao cineasta de esquerdas Pino Solanas, o radical Rodolfo Terragno e o ex executivo da consultora JP Morgan, Alfonso Prat-Garay.

Paralelo a Bos Aires, outras prazas estratexicamente electorais son as provincias de Córdoba, Santa Fe, Mendoza e Tucumán. En Córdoba lidera as enquisas o peronismo antikirchnerista nas mans do actual gobernador José Manuel de la Sota, seguido dos candidatos da UCR, da FpV e da PRO. En Santa Fe, o gobernador socialista Hermes Binner, en alianza coa UCR, ten as expectativas ao seu favor por riba do “kirchnerismo” e da PRO. Pola súa banda, en Mendoza si lidera o “kirchnerismo” da man do ex vicepresidente Julio Cobos mentres en Tucumán, tanto a FpV como a PRO irán a primarias, cunha lixeira vantaxe para os segundos.

c) Un PASO cara 2015

Sen menoscabar a importancia destas primarias e tendo en conta o panorama electoral e político actualmente existente na Arxentina, este proceso non diminúe o elevado grao de atomización e polarización política. Por tanto, é igualmente notable o tradicional traspase de votos e incluso de alianzas políticas entre as primarias e as próximas lexislativas. Así, o efecto destas primarias se centra claramente no terreo das expectativas electorais de cara a futuros comicios.

Baixo este prisma, as cartas electorais que batallarán con maior forza serán as da presidenta Cristina K, en especial á hora de consolidarse como abandeirada do “kirchnerismo”. Non obstante, algúns detractores acúsana de imprimir un estilo personalista “cristinista”, con claras expectativas en renovar a maioría da FpV no Congreso e no Senado para eventualmente poder iniciar un debate lexislativo sobre unha reforma constitucional que lle permita postularse como candidata presidencial en 2015.

Para estas primarias, as expectativas do “kirchnerismo” se resumen en alcanzar un mínimo do 30% dos votos. Non obstante, as disidencias dentro do “kirchnerismo”, en especial no caso de Sergio Massa e da súa Fronte Renovadora, advirten sobre a preponderancia do grupo “La Cámpora” á hora de elixir candidaturas e políticos de confianza para a FpV. “La Cámpora” foi creado en 2003 e identificado como a escola de militantes do “kirchnerismo” actualmente dirixido polo fillo de Cristina K, Máximo Kirchner. Especúlase que ante as dificultades de Cristina K para consolidar a hexemonía da FpV de cara aos próximos comicios lexislativos e, principalmente, a imposibilidade constitucional para postularse nas presidenciais de 2015, estaría eventualmente abrindo unha etapa “post-kirchnerista”, onde Massa semella ter un papel relevante.

Se ben o panorama hexemónico para o “kirchnerismo” semella complexo e polarizado, non menos expectativas ten outro líder político con varias cartas en xogo nestas primarias: é o caso de Maurico Macri e o seu partido PRO. Afianzando as súas posibilidades en Bos Aires, Macri tentará facer do PRO un partido con maior proxección nacional con fortes expectativas de cara ás lexislativas de outubro próximo e ante a eventualidade de constituírse no principal candidato da oposición ao “kirchnerismo”, con ou sen Cristina K, nos comicios presidenciais de 2015.

Con menos posibilidades electorais pero non menos expectativas políticas cabe facer mención de Elisa Carrió e da incógnita unitaria de UNEN, así como dos candidatos “post-kirchneristas” e “antikirchneristas” identificados en torno a Sergio Massa e Francisco de Narváez, cuns resultados nestas primarias que lles permitirán analizar se eventualmente teñen opcións presidenciais para 2015.

d) Corrupción, inseguridade e economía

Se a polarización política e electoral arxentina xa supón un escollo sumamente complicado para albiscar as expectativas electorais, outros temas mais importantes para a cidadanía, como a economía, o aumento da inseguridade cidadá e as acusacións de corrupción no entorno de Cristina K, poden incorporar efectos electorais e políticos de gran consideración.

Tendo en conta a escasa profundidade dos debates políticos, o evidente esgotamento da popularidade do goberno de Cristina K e a complexidade de candidaturas das primarias, o electorado arxentino amosa unha posición distante e ata confusa sobre este proceso electoral. Un aspecto chave ten que ver coa persistencia nas denuncias de presunta corrupción e de enriquecemento ilícito no entorno “dos Kirchner”, realizadas nos últimos meses polo xornalista Jorge Lanata.

Paralelamente, a finais de xullo, o xefe do Exército, César Milani, foi imputado xudicialmente por presunto enriquecemento ilícito e incluso por desaparición de persoas durante a denominada Operación Independencia contra o Exército Revolucionario do Pobo (ERP). Milani foi ascendido a xefe do Exército en xuño pasado pola presidenta Cristina K, aínda que falta a súa confirmación por parte do Senado.

No apartado económico existen claroscuros. A mediados de xullo, a presidenta Cristina K decretou unha alza do salario mínimo do 25% (US$ 658) mentres a taxa de desemprego está nun índice controlable (7,9%). Para mediados de 2013, o Instituto Nacional de Estatística e de Censos (INDEC) anunciou un superávit da balanza comercial arxentina dun 26% superior ao 2012, ascendendo a US$ 1.155 millóns. Non obstante,  algúns analistas estiman a posibilidade dunha moderación do crecemento económico para 2013 así como un índice de inflación do 34,6% para finais de ano, segundo un informe do Centro de Investigación de Finanzas da Universidade Torcuato di Tella(1).

IGADI. 1 de agosto de 2013.


(1) “Argentinos esperan inflación del 34,6%”, Infolatam (España), 18 de xullo de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/07/19/argentinos-esperan-inflacion-del-346-por-ciento/