images publicacions IgadiPaper122

IgadiPaper nº122

Europa trala reelección de Merkel

(25/2013)

Europa trala reelección de Merkel

images publicacions IgadiPaper122a) Introdución

A contundente vitoria da chanceler Merkel nas eleccións lexislativas alemás celebradas o 22 de setembro, rozando unha histórica maioría absoluta, confirmou a hexemonía política do partido demócrata cristiá CDU e as elevadas expectativas das súas políticas cara unha Europa sumida na crise e na recesión. A falta de definir os seus socios gobernamentais, os próximos catro anos de Merkel na chancelería alemá definirán con case total probabilidade, o curso político e económico dunha Europa politicamente desconcertada e notoriamente dependente do centro de decisión de Berlín.

Cunha vitoria practicamente anticipada, Merkel veu lexitimada a súa política cunha maioría CDU/CSU  do 41,5% dos votos escrutados, superando incluso en oito puntos porcentuais os resultados alcanzados nas anteriores eleccións de 2009. Por tanto, quedou a só cinco escanos dos 311 que lle darían a maioría absoluta nun Bundestag (Parlamento) de 630 escanos. Pola súa banda, o seu principal rival, o socialdemócrata SPD, alcanzou o 25,7% dos votos, subindo a penas tres puntos porcentuais con respecto aos comicios de 2009.

O éxito electoral de Merkel contrasta coa abrupta caída dos liberais do FPD, ata agora o seu socio de goberno que quedou fóra do Bundestag ao non superar o limiar do 5% que require toda formación política para acceder ao Parlamento federal. Caso similar ao de Alternativa para Alemaña (AFD), un partido euroescéptico que se presentaba por vez primeira e que estivo a punto estivo de entrar no Parlamento, incluso superando en votos ao FPD. O Bundestag resta conformado cos partido A Esquerda (Die Linke) e Os Verdes, ambos superando o 8% dos votos, confirmando a primeira a ambicionada terceira posición do escenario político alemán. Outras formacións políticas minoritarias sumaron o restante 11% dos votos.

Non cabe esperar un cambio de modelo económico para Europa impulsado por Merkel dende Berlín. As políticas de austeridade seguirán definindo un modelo cuns riscos que se centran na intensificación dunha crise social cada vez mais latente. Mentres Merkel condiciona os equilibrios políticos na UE, non sería descartable a conformación dunha “fronte alternativa” fortemente contrarias ás súas políticas, e que prema pola preservación do estado social do benestar, se ben cunha influencia limitada.

b) Cambios no mapa político alemá

Sen socio de goberno claro tras estas eleccións, Merkel debe barallar diversas opcións para ofrecer un gabinete de consensos ata o 2017, cando remate o actual período gobernamental. O primeiro contacto dirixiuse ao SPD, a segunda forza parlamentaria, coa eventualidade de reproducir a “Gran Coalición” que xa gobernara con Merkel no período 2005-2009. Non obstante, as xestións non serán fáciles para Merkel debido a que o candidato do SPD, Peer Steinbrück, declarou tralos resultados que non aceptaría gobernar en coalición coa actual chanceler.

É de salientar que o panorama político 2013 é diametralmente distinto ao de 2005, cando Merkel debeu formalizar unha coalición cos socialdemócratas para gobernar con garantías. A sensación de inestabilidade gobernamental acaecida no 2005 non se reproduce neste escenario de 2013 onde Merkel exhibe unha hexemonía indiscutible e aparentemente non necesita con urxencia da conformación dunha Gran Coalición. Paralelamente, tampouco o SPD semella estritamente convencido de aliarse a Merkel nun Bundestag visiblemente menos polarizado. 

Tampouco está clara a situación con respecto ás outras forzas parlamentarias, A Esquerda (Die Linke) e Os Verdes, ambas formacións con liderados visiblemente renovados pero con perspectivas distintas a propósito das políticas de Merkel. Neste sentido, a decisión de Merkel de pechar as centrais nucleares alemás parece constituír unha concesión política aos Verdes con miras a achegar posicións. De feito, o partido ecoloxista, que con anterioridade incluso chegou ata a aprobar no Bundestag as políticas europeas de Merkel, anunciou tras estas eleccións que estaría disposto a negociar coa chanceler alemá a súa eventual entrada na coalición gobernamental. Naturalmente, cabe agardar de Die Linke, que superou aos Verdes, unha oposición frontal.

O baile de contactos para eventualmente conformar alianzas afronta un mapa político inédito en Alemaña. En principio, Merkel ansía unha Gran Coalición para garantir un maior consenso e amosar cara o exterior unha fortaleza gobernamental decisiva para impulsar a súa visión cara Europa. Pola súa banda, reproducir alianzas con partidos minoritarios como Os Verdes podería non ser doado ante o risco asumido polo FPD durante o período 2009-2013 e as funestas consecuencias do seu compromiso.

Merkel ansía garantir unha maioría case absoluta a través de consensos e alianzas que non lle obstaculice notoriamente levar a cabo as súas políticas, sen depender de socios fortes nin excesivamente débiles.

c) O espello europeo

Impulsando un estilo pragmático e firme, Merkel trazou un programa electoral finalmente lexitimado pola maioría dos alemáns nas urnas. Así, e desde que comezou a crise económica en 2008, Merkel constituíuse na única líder europea que logrou a reelección, por riba de 20 xefes de goberno que deixaron de selo neste período, entre eles Berlusconi, Zapatero ou Sarkozy, electoral e politicamente superados.

Non obstante, Merkel deberá medir agora o peso da fortaleza económica alemá en comparación co resto de Europa e a súa firmeza á hora de impoñer aos demais membros da UE unhas políticas de austeridade que, indirectamente, poden conlevar un perigoso custe político e social nos próximos anos.

A economía alemá depende excesivamente das súas exportacións, sendo Europa o seu mercado principal. En 2012, o 52% do PIB alemán correspondíase co valor das exportacións, razón pola que calquera goberno en Berlín terá a súa estabilidade comprometida coa estabilidade económica dos seus socios europeos, especialmente dos membros da zona Euro. Este peso alemán é aínda maior no marco global da economía da UE: no 2012, o 30% das exportacións europeas a EUA (segundo socio comercial alemán) foron exportacións alemás([1]).

Pero esta fortaleza económica alemá ten os seus riscos. O FMI estima unha contracción do 0,3% no crecemento económico alemá para finais de 2013([2]). Caso contrario, se a economía alemá retoma un período de crecemento que leve, como prometeu Merkel, a unha alza salarial, o aumento do custe das súas exportacións pode desequilibrar a súa balanza comercial con respecto a Europa, favorecendo así as exportacións máis baratas e competitivas, en particular ante o crecemento exportador de Asia ou incluso no caso dunha eventual recuperación económica estadounidense.

Observando os equilibrios económicos, Merkel busca consolidar a súa indubidable hexemonía política no concerto europeo, asegurando ao mesmo tempo o papel preponderante de Berlín como principal poder dentro de Europa. No que atinxe ás políticas de austeridade, Merkel tenta moderar os impactos sociais da crise no seu país impulsando promesas electorais como os fondos de 30.000 millóns de euros para programas sociais e a conxelación do aumento do aluguer nas grandes cidades.

¿Estenderanse estas medidas de Merkel en Alemaña  ao resto de Europa?. A crise do Euro e unha recesión prolongada están provocando unha forte crise social dentro da Unión Europa, con fortes presións á hora de manter o estado social do benestar. Europa pode verse politicamente aínda máis dividida entre partidarios e detractores das políticas de Merkel. A división pode intensificarse en canto á ampliación das axudas a países financeiramente insolventes ou en rescate, como é o caso de Grecia, e das reticencias doutros países (principalmente Holanda, Finlandia ou Austria) a aumentar estas axudas.

Para a chanceler alemá, a estabilidade da zona Euro é unha prioridade indiscutible xa que constitúe o marco de preservación do modelo de proxecto europeo actualmente hexemónico e garante a preponderancia económica alemá en Europa. Por iso, o reto principal para Merkel en canto ás políticas europeas será o de asentar esa estabilidade monetaria e fiscal que evite maiores turbulencias.

O mantemento da zona Euro constitúe un asunto estratéxico para Berlín. Segundo publicou o think tank alemá CESifo, unha creba da Eurozona así como a insolvencia financeira dos países sometidos a rescate (Grecia, Portugal, Irlanda, Chipre), significaría para Alemaña a perda de 530 mil millóns de euros([3]).

d) Unha fronte “anti-Merkel”?

No plano político, pouco pode mudar na relación de Merkel con países con gobernos socialdemócratas como son os casos da Francia de François Hollande ou a Italia da coalición gobernamental liderada por Enrico Letta. Se ben Merkel preservará a vixencia do eixe franco-alemán como garante da integración europea, Berlín non teme a formación dunha especie de “Fronte Sur” crítico coas súas políticas, eventualmente liderada por Francia e Italia. Si pode medrar a coordinación des formacións políticas claramente contrarias ás políticas auspiciadas por Berlín. 

O aumento da extrema dereita, no caso grego identificada no partido Amencer Dourado, que implique unha reprodución desta tendencia noutras latitudes como Italia, España ou Europa Central, pode derivar nunha crise política de lexitimidade do proxecto europeísta. Un momento chave que definirá os contornos do mapa político europeo e o eco das estratexias de Merkel serán as eleccións ao Parlamento europeo previstas para maio de 2014.

Merkel deberá calibrar a significación desa eventual tendencia “anti-alemá” aparentemente presente en varios países europeos, principalmente nos localizados na ribeira mediterránea, sometidos a políticas de rescate e de tutela económica, como é o caso grego. E non só. Deste modo, de prolongarse a sensación de impopularidade das políticas de Merkel, Berlín asumiría un eventual custe político no caso dunha viraxe electoral a favor de partidos progresistas, de esquerda e incluso dos “euroescépticos” (especialmente en Gran Bretaña pero igualmente presentes en Alemaña), fortemente críticos co actual rumbo do proxecto europeísta.

Este aspecto infire igualmente un efecto transversal no relativo ás políticas migratorias alemás, país que está recibindo un cada vez maior fluxo de emigrantes provenientes de países europeos en recesión, cun custe social  que pode determinar a adopción de políticas mais restritivas e selectivas cara a inmigración.

De igual modo, Merkel veríase persuadida a asentar unha estratexia enerxética chave para Alemaña que lle permita, dalgún modo, diminuír a súa dependencia en petróleo e gas, principalmente de Rusia, un socio bilateral tradicionalmente inquietante nas relacións bilaterais con Europa. O anuncio de Merkel do peche das centrais nucleares alemás podería definir unha nova política enerxética onde Alemaña intente apostar por “enerxías limpas” con maior entusiasmo, de maior custe tecnolóxico e momentaneamente menos competitivas con respecto ao petróleo.

 

IGADI. 25 de setembro de 2013.


([1]) “Europe: What to Expect After Germany´s Elections”, Stratfor, 18 de setembro de 2013.

([2]) “World Economic Outlook April 2013. Hope, Realities, Risks”, International Monetary Fund, World Economic and Financial Surveys, Abril de 2013. Ver en: http://www.imf.org/external/pubs/ft/weo/2013/01/pdf/text.pdf

([3]) “German Economy Recovery- Long Term Approach Needed to Economic Policy”, CESifo Group Munich (Alemaña), Joint Economy Forecast Spring 2013. Ver en: http://www.cesifo-group.de/ifoHome/presse/Pressemitteilungen/Pressemitteilungen-Archiv/2013/Q2/pm-20130418-Gemeinschaftsdiagnose.html