IgadiPaper nº166 - O Sáhara trala morte de Mohammed Abdelaziz

IgadiPaper nº166

O Sáhara trala morte de Mohammed Abdelaziz

(3/2016)

O Sáhara trala morte de Mohammed Abdelaziz

a) Introdución
IgadiPaper nº166 - O Sáhara trala morte de Mohammed Abdelaziz

O súbito pasamento o 31 de maio do presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) e da Fronte Polisario, Mohammed Abdelaziz (68 anos), abre un período de incerteza no relativo á sucesión presidencial e política no movemento saharauí así como ante as expectativas dunha eventual resolución internacional do problema saharauí. Cunha presidencia transitoria en mans de Khatri Addouh, actual presidente do parlamento saharauí, a RASD e a Fronte Polisario abriron un período de 40 días para decidir a nova dirección central post-Abdelaziz.

Diversos aspectos e perspectivas complican a resolución negociada do problema saharauí. Á paralización da mediación internacional impulsada pola ONU, particularmente por mor do bloqueo diplomático marroquí, deben engadirse os esforzos de Rabat por acadar unha solución política unilateral a través dun plan de rexionalización claramente deseñado coa finalidade de abortar as tentativas soberanistas saharauís.

Igualmente, debe verificarse en qué medida a morte de Abdelaziz así como o contexto rexional e internacional exercerán unha eventual e decisiva influencia non só de cara á sucesión presidencial e a dirección da RASD e da Fronte Polisario senón na cada vez mais evidente polarización política existente na sociedade saharauí, particularmente nas novas xeracións dos campos de refuxiados saharauís de Tinduf (Alxeria).

Nesta polarización interna xogan as súas cartas diversos factores e intereses, entre os que se inclúen a presunta influencia do goberno alxerino dentro da RASD; as confrontacións das bases da Fronte Polisario ante as acusacións de presunto inmobilismo político por parte da dirección central; e a cada vez mais notoria confrontación interna entre aqueles que apostan por retornar á loita armada ante o fracaso das negociacións da ONU e o bloqueo marroquí ao referendo soberanista, e aqueles que prefiren desvincularse da proposta independentista para, mais ben, integrarse no statu quo ofrecido por Rabat.

b) Unha nova etapa

Resulta evidente que a RASD, a Fronte Polisario e a causa saharauí encaran unha nova era trala morte do seu histórico presidente Mohammed Abdelaziz. Este contexto coincide co 40º aniversario da declaración da independencia saharauí (febreiro de 1976), marcado polos constantes obstáculos impulsados por Marrocos para evitar a celebración do lexítimo referendo soberanista saharauí estipulado nos acordos de cese ao fogo de 1991 baixo o amparo da misión da ONU no Sáhara Occidental (MINURSO).

Este complicado panorama para a causa saharauí vese igualmente condicionado pola ascendente polarización interna dentro da sociedade saharauí, particularmente condicionada por tres factores:

  • primeiro, polas presumibles tensións sucesorias post-Abdelaziz, que poden carrexar loitas intestinas polo poder onde aparezan, igualmente, as confrontacións de carácter sectario e tribal;
  • segundo, polo aparente ascenso dun clima de descontento, principalmente impulsado polas novas xeracións saharauís, en especial das provenientes dos campamentos de refuxiados de Tinduf (Alxeria), ante a denominada “xeración histórica” da RASD, acusada de propiciar o  inmobilismo e o autoritarismo político;
  • e finalmente polos pulsos entre diversos sectores da Fronte Polisario e das bases sociais saharauís sobre a posibilidade de retornar á loita armada contra Marrocos, ou ben por tentar evitar esta confrontación, acolléndose ao statu quo ofrecido por Rabat, vía rexionalización e descentralización administrativa.

Neste apartado non se debe menosprezar o papel de Alxeria como eventual foco de influencia política dentro da RASD e da Fronte Polisario, aspecto que pode  afianzarse no actual contexto post-Abdelaziz. Pouco despois da morte de Abdelaziz, Bachir Edhil, intelectual saharauí e un dos fundadores da Fronte Polisario, declarou a medios europeos que o contexto actual post-Abdelaziz indica dificultades para a dirección política saharauí, sinalando a presunta falta de autonomía e a aparente complicidade existente dentro da RASD, cuxas decisións estarían politicamente monopolizadas por Alxer([1]).

Esta influencia alxerina nos asuntos saharauís viría historicamente sostida polo seu tradicional apoio á Fronte Polisario e á RASD, no marco das igualmente históricas rivalidades políticas e fronteirizas existentes entre Alxer e Rabat. Outro factor que reforza esta eventual influencia alxerina dentro da RASD ven principalmente posibilitada polo feito de que Alxeria é o país que acolle as estruturas políticas, institucionais, burocráticas e militares saharauís, con aproximadamente 100.000 refuxiados saharauís asentados desde hai mais de tres décadas no campo de refuxiados da provincia de Tinduf, ao suroeste da capital alxerina.

Neste sentido, nas cábalas sucesorias post-Abdelaziz vense nomeando recentemente con forza a figura de Brahim Ghali (67 anos), un dos fundadores da Fronte Polisario e actual embaixador da RASD en Alxer. Pero a figura de Ghali é observada con receo en diversas bases populares saharauís á vista da súa condición de histórico na dirección da RASD e polo feito de ser representante diplomático ante o goberno alxerino, levantando todo tipo de suspicacias sobre a presunta influencia alxerina na dirección saharauí. O incremento dos focos de contestación e de rebelión por parte das novas xeracións de refuxiados de Tinduf contra a histórica dirección central da Fronte Polisario, evidencia un conflito xeracional que vese igualmente polarizado pola recente revitalización dos conflitos sectarios e tribais tradicionalmente existentes no seo da sociedade saharauí.

Así, a sucesión post-Abdelaziz semella alertar dunha crítica confrontación interna dentro da RASD e da Fronte Polisario que complicará e incluso podería socavar a necesaria unidade e fortaleza política e institucional saharauí  nun contexto regresión e de paralización dos apoios exteriores necesarios á hora de revitalizar e impulsar as súas demandas soberanistas.

c) Marrocos non cede

Pola contra, Marrocos continúa exercendo unha posición unilateral e intransixente con respecto á controversia saharauí, obstaculizando as tentativas da ONU de retornar aos principios estipulados no Acordo de 1991, en particular ante a negativa a realizar o referendo soberanista saharauí. O contexto de sucesión post-Abdelaziz favorece paralelamente esta posición marroquí, cunha activa diplomacia que nos últimos meses confire a Rabat dunha vantaxosa iniciativa no terreo diplomático.

Así, Marrocos desestima calquera denuncia internacional sobre o seu tratamento dos asuntos saharauís, tal e como manifestaron recentemente o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon e a Corte de Xustiza da Unión Europea, quen acusaron de ser a “forza de ocupación” do Sáhara Occidental([2]). A declaración de Ban Ki-moon produciuse durante unha visita en marzo pasado ao campamento de refuxiados saharauís de Tinduf. Rabat suspendeu inmediatamente os seus contactos coa UE tras realizarse a correspondente declaración xudicial europea([3]).

A intransixente actitude marroquí amplíase incluso de cara á consolidación da Misión da ONU para o Referendo do Sáhara Occidental (MINURSO), cuxa recente ampliación por un ano máis de duración (ata abril de 2017) foi respondida por Rabat cun recorte financeiro de máis de tres millóns de euros([4]) e a consecuente expulsión de 73 membros da MINURSO da poboación de Al Aaiún, na capital saharauí.

A posición marroquí vese igualmente fortalecida por unha activa diplomacia global, principalmente orientada cara os países membro permanentes do Consello de Seguridade da ONU, onde Rabat ten acadado importantes avances, amosando así unha actitude claramente reactiva e desafiante coa visita de Ban Ki-moon a Tinduf en marzo pasado.

Neste sentido, as visitas do Rei Mohammed VI a Rusia (marzo) e China (maio) permitiron a Rabat afianzar determinados apoios por parte de Moscova e Beijing, a través de acordos de diverso signo (entre os que destacan a Asociación Estratéxica asinada con China que recibe de Rabat unha adhesión absoluta nos seus litixios territoriais, Taiwan incluido), investimentos en materia de construción e incluso en áreas de cooperación militar (Rusia).  

Igualmente, Rabat xoga cos equilibrios estratéxicos internacionais ante a volátil e por veces ambigua posición de Washington sobre o tema saharauí. Neste sentido, EUA tradicionalmente amosa unha posición mais inclinada a soster a MINURSO como elemento primordial de resolución do conflito saharauí. Pero esta postura non semella estritamente inalterable e nos últimos anos ten amosado certas alteracións, principalmente por razóns de seguridade antiterrorista.

Con maior énfase nos últimos meses, Rabat ten acusado a Washington de presuntamente manter unha posición “anti-marroquí”, a raíz da acollida en abril pasado no Congreso estadounidense dunha xuntanza do Western Sáhara Caucus, un lobby saharauí en EUA.

Paralelamente, Marrocos tamén xoga coas ambiguas posicións de España e Francia con respecto á problemática saharauí, á vista de que son importantes socios comerciais e que, no caso español, historicamente mantén fortes lazos de solidariedade coa causa saharauí. Tampouco se debe desestimar o apoio da Organización de Cooperación do Golfo (OCG), baixo o impulso de Arabia Saudita, cuxa recente xuntanza en Riad en abril pasado amosou unha decidida posición de apoio a Marrocos na súa controversia coa ONU.   

d) A rexionalización do Sáhara

O monarca marroquí a partir de 2008 defende unha posición absolutamente unilateral ao propor un plan de rexionalización que contempla prerrogativas de certa autonomía e descentralización administrativa para o Sáhara Occidental. Con este plan, Rabat pretende desactivar as pretensións soberanistas da RASD e da Fronte Polisario, así como establecer un marco de contención contra a MINURSO.

Este plan foi revitalizado en febreiro pasado, coa visita de Mohammed VI a Al Aaiún e o anuncio de investimentos no Sáhara por valor de 7.000 millóns de euros e 120.000 postos de traballo([5]). Esta visita provocou airadas protestas por parte da RASD e a activación dunha campaña internacional demandando o referendo soberanista para 2017. O plan de rexionalización de Mohammed VI vai claramente dirixido a unha xuventude saharauí asentada en Al Aaiún e outras provincias, azoutada pola crise socioeconómica, aspecto que permite persuadir e polarizar politicamente a sociedade saharauí ante as perspectivas de retorno da loita armada.

Pero outros factores son igualmente contemplados por Rabat para afianzar os seus intereses. O contexto de revitalización das células terroristas xihadistas tanto no Magreb como no Sahel (Malí, Mauritania), así como os focos de inestabilidade rexional (Libia), o aumento do crime organizado e incluso das riadas de refuxiados que van dende Oriente Medio e África cara Europa, son utilizados por Marrocos para erixirse nun estratéxico aliado da seguridade occidental.

A súbita morte de Abdelaziz e a polarización interna na RASD permite igualmente a Rabat conxelar temporalmente a misión da MINURSO, gañando tempo para acelerar a súa ofensiva diplomática de contención das pretensións soberanistas saharauís.

IGADI. 15 de xuño de 2016.