images publicacions IgadiPaper57

IgadiPaper nº57

Primavera anticipada no mundo árabe?
Consecuencias das rebelións en Tunisia e Exipto

(03/2011)

Primavera anticipada no mundo árabe?
Consecuencias das rebelións en Tunisia e Exipto

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper57A perspectiva dunha revolución política no Magreb e no mundo árabe está alargando o seu radio de acción trala rebelión popular acaecida a comezos de 2011 en Tunisia, que acabou co autocrático presidente Zine El Abidine Ben Alí, e os actuais acontecementos en Exipto, cunha riada interminable de protestas e mobilizacións populares contra o presidente Hosni Mubarak, no poder desde 1981. Especúlase así coa posibilidade de expansión das revoltas populares cara outros países árabes como Alxeria, Xordania, Iemen e Marrocos.

Con este panorama, a posibilidade dunha caída de Mubarak e, incluso, dunha incerta transición en Exipto, suporía un cambio transcendente dentro do taboleiro xeopolítico do Magreb e de Oriente Próximo, por constituír este país un aliado estratéxico clave para EEUU, Europa e Israel, así como un mercado financeiro emerxente e un paso comercial xeoestratéxico a través da Canle de Suez.

Non obstante, e se ben estas mobilizacións supoñen a maior contestación social e a peor crise política para Mubarak, as mesmas non clarifican de todo a posibilidade de caída do seu réxime, como sucedeu co veciño tunecino Ben Alí. A actual rebelión exipcia semella reproducir un escenario similar ao de Irán a mediados de 2009, con fortes mobilizacións populares tras unhas eleccións presidenciais consideradas como presuntamente fraudulentas pola oposición iraniana e Occidente.

A falta de definir a posición do poderoso estamento militar exipcio, aparentemente condescendente coas demandas das protestas, Mubarak tenta gañar tempo manobrando unha transición “tutelada”. Mentres, a inicial cautela de EEUU e Europa comeza a decantarse a favor dunha transición pacífica, unha posición que verifica a súa falta de previsión e reacción de cara aos acontecementos que están sacudindo ao Magreb e o mundo árabe.

Cos seus incertos escenarios a curto e medio prazo en canto á transición democrática e a estabilidade, as rebelións tunecina e exipcia dirimirán unha necesaria transformación dos seus sistemas e actores políticos, onde os partidos islamitas poden xogar un papel decisivo non só nas respectivas transicións senón na ampliación de marcos de participación popular e democrática, un factor que Occidente deberá inevitablemente tomar en conta nas súas relacións co mundo árabe.

b) Unha revolución á espreita

Desde o pasado 25 de xaneiro, Exipto vive un convulso escenario de político e social contra o goberno de Hosni Mubarak (82 anos) que, de forma preliminar, reproduce os acontecementos presentados dúas semanas atrás en Tunisia, e que levaron á caída da autocrática presidencia de Zine El Abidine Ben Alí.

Tunisia percorre unha etapa de transición con incertas consecuencias, onde o primeiro ministro Mohammed Ganuchi tenta moderar unha evolución que se presume complexa. Diversos actores e grupos de poder provenientes do Reagrupamento Constitucional Democrático (RCD), o partido hexemónico do réxime de Ben Alí, seguen presentes no actual goberno tunecino, mentres as masas populares demandan activamente unha ruptura política co pasado, ante a expectante mirada do estamento militar.

Ademais da rebelión popular, a caída de Ben Alí moi probablemente impulsouse a través dunha especie de “golpe palaciano”, onde diversos líderes e elites do RCD preferiron a caída do ex presidente para garantir a súa supervivencia política nunha Tunisia post-Ben Alí. Esta circunstancia pode derivar en novos episodios de convulsión, especialmente ante a perspectiva de iniciar un necesario proceso constituínte.

Cun escenario moi similar ao presentado anteriormente en países da Europa do Leste e do espazo ex soviético, o mundo árabe semella estar carburando unha revolución política popular e democrática. Trala caída de Ben Alí en Tunisia e á espera do que finalmente poida suceder en Exipto, o escenario actual suxire un inédito mapa xeopolítico no Magreb, na zona mediterránea e en Oriente Próximo, impulsado por un explosivo cóctel de crise económica, frustración social ante a falta de perspectivas profesionais e demandas de apertura política e democrática.

Os casos tunecino e exipcio non son os únicos: Albania viviu fortes protestas pola alza dos prezos dos alimentos, colocando nunha delicada posición ao goberno de Alí Berisha. Outros países como Alxeria, Iemen, Xordania e Líbano presentaron protestas nas rúas, aínda que no caso libanés baixo parámetros de carácter político interno.

Mentres Exipto protestaba masivamente contra Mubarak, o monarca xordano Abdalá IIveuse na obriga de destituír ao seu goberno e nomear un novo primeiro ministro co fin de desactivar unha serie de protestas polas medidas económicas.  Paralelamente, o presidente de Iemen anunciou que non se presentaría á reelección. Deste modo, a faísca contestataria pode igualmente espallarse tanto no Magreb como no Golfo Pérsico e, incluso, ata Paquistán, escenarios sumamente estratéxicos para os intereses europeos e estadounidenses.

A perspectiva dunha “primavera democrática árabe” comeza a cobrar forma en diversos países. Resulta evidente que a crise económica e a necesidade dunha apertura política en réximes sumamente autocráticos e represivos, algúns deles estratéxicos aliados occidentais, son factores que persuaden á rebelión popular en diversos países árabes.

O exemplo tunecino convértese nunha referencia ata agora impensable para o resto do Magreb e do mundo árabe, así como un enigma aparentemente indescifrable para EEUU e a Unión Europea, incapaces de reaccionar cun peso político decisivo e, incluso, adoptando contraditorias posicións sobre os cambios que están acontecendo no Magreb: mantendo a cautela, probablemente para non perder aliados imprescindibles como Mubarak, mentres que instan á “comprensión” coas protestas e demandas populares. 

c) A importancia de Exipto

Se a rebelión exipcia finalmente acaba co réxime de Mubarak como sucedera en Tunisia con Ben Alí, a súa caída suporía un golpe estratéxico para Occidente e Israel, que observan a Exipto como un aliado xeopolítico e militar de gran importancia dentro do mundo árabe, así como un actor clave para repeler o ascenso político e electoral do islamismo.

Tras Israel, Exipto é o segundo país en recibir maior asistencia exterior por parte de EEUU, en total US$ 3.000 millóns en cooperación militar e económica, factores que potencian o seu peso político como aliado occidental e un liderado importante dentro do mundo árabe.

En todo caso, o descontento social contra Mubarak vense manifestando a través de rebelións populares nos últimos anos. En 2005 e 2008, o réxime exipcio reprimiu con forza unha serie de revoltas a raíz do aumento da pobreza e da fame. En 2009 e 2010, igualmente observáronse fortes protestas de cara á posible sucesión política en mans do seu fillo Gamal Mubarak (47 anos), así como polas constantes prohibicións de participación electoral do ilegalizado movemento dos Irmáns Musulmáns.

Ante o levantamento popular actual, onde os manifestantes lanzaron un ultimato a Mubarak para que renunciara antes do venres 4 de febreiro, o presidente exipcio vese obrigado a dar curso a un inédito e necesario proceso de reformas e de inmediata apertura política, que podería obstaculizar o proxecto de renovación do seu réxime a instancias do seu fillo Gamal, especialmente de cara ás próximas eleccións presidenciais previstas para setembro.

A eventual transición exipcia asómase complexa e incerta, moi similar á que actualmente está acontecendo en Tunisia. Non obstante, Mubarak semella ter marxe de manobra, especialmente á vista da falta de liderado político unificado por parte das masas populares e das clases medias que se mobilizan de forma espontánea nas protestas. Neste sentido, poucos observan con claridade a posibilidade de que o ex Premio Nobel e director da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), Mohammed ElBaradei, poida liderar unha eventual transición post-Mubarak.

Outros sectores inclínanse a considerar ao xeneral Sami Enan, xefe do Estado Maior, como o eventual líder da transición exipcia, o cal atribúe ao estamento militar un papel clave para garantir a estabilidade institucional. A presión política dos militares cara Mubarak (incluso baixo instigación de EEUU), podería influír nos contactos que o presidente exipcio anunciaría con novos actores políticos opositores, así como ante un eventual adianto electoral. En todo caso, Mubarak tenta gañar tempo para negociar unha transición “tutelada” polos sectores militares e as elites do oficialista Partido Nacional Democrático (PND), mentres aposta polo debilitamento das protestas.

Neste sentido, o escenario exipcio tería similitudes co acaecido en Irán tralas eleccións presidenciais de xuño de 2009, onde a reelección do actual mandatario Mahmud Ahmadíneyad deu paso a unha prolongada riada de protestas en Teherán e noutras cidades, apoiadas dende Occidente, ante un presunto fraude electoral. A pretendida rebelión contra o réxime teocrático entón esvaeceuse ante a represión oficial, a falta de unidade da oposición iraniana e a ineficacia das multitudinarias manifestacións.

d) A xeopolítica da rebelión árabe

Os cambios en Tunisia e Exipto traducirán importantes consecuencias xeopolíticas e estratéxicas para o Magreb, Oriente Próximo e o arco mediterráneo, un escenario que inevitablemente obrigará a Europa e EEUU a modificar as súas pautas de relación con estes países e diversos réximes aliados de corte autoritario.

Un eventual Exipto post-Mubarak sacudido por unha rebelión popular con demandas de apertura democrática suporía unha referencia importante noutros países da rexión, especialmente en Alxeria, aínda que con posible menor impacto en países como Libia e Marrocos. Con escenarios similares ao tunecino e exipcio en canto a crise económica e frustración social, a riada de rebelións populares podería afectar seriamente ao presidente alxerino Abdelaziz Bouteflika pero resultaría pouco clara a súa reprodución nos contextos libio e marroquí, ante os sólidos niveis de lexitimidade e control político por parte dos seus respectivos gobernantes, o libio Muammar Gadafi e o monarca marroquí Mohammed VI.

Pero é en Oriente Próximo onde se observarían os maiores efectos dunha eventual transición política en Exipto. Baixo diversos parámetros, Xordania e os territorios  palestinos podería presenciar importantes protestas populares. Pola súa banda, Israel perdería en Mubarak a un aliado estratéxico dentro do mundo árabe (non se debe esquecer que Exipto foi o primeiro país árabe en recoñecer en 1978 a existencia do Estado israelí), mentres o aliñamento entre Tel Aviv e O Cairo permite unha contención xeopolítica clave ante a eventual influencia iraniana en Oriente Próximo, así como de cara a repeler aos movementos islamitas, en especial o palestino Hamas.

Sorprendidos pola axitación popular en Tunisia e Exipto, EEUU e Europa tentan subitamente desmarcarse de Mubarak, incluso tentando moderar unha eventual transición política en mans do anteriormente mencionado ElBaradei, con consecuencias incertas sobre a fortaleza destes novos actores e liderados opositores.

Pola contra, son os movementos e partidos políticos islamitas os que poden recoller importantes ganancias políticas, especialmente no eventual escenario dunha caída de Mubarak. En Xordania, Turquía, Líbano, Exipto, Alxeria e Marrocos, os diversos movementos islamitas manifestan unha forza política esencial para a estabilidade dos seus respectivos gobernos, ao mesmo tempo que reclaman maiores posibilidades de participación política. Compre igualmente observar o ascendente protagonismo do primeiro ministro turco, o islamita moderado Recep Tayyip Erdogan, pedindo unha “transición pacífica” en Exipto, un aspecto que pode revitalizar as perspectivas de Turquía por converterse nun influente actor rexional.

Deste modo, Occidente e Israel deberán analizar con maior pragmatismo e celeridade a perspectiva dunha transformación política no mundo árabe onde os partidos islamitas convértanse en actores políticos esenciais, xunto a estamentos de clases medias e populares que reclaman un modelo político mais democrático e aperturista.

Tal e como ocorrera coa infrutuosa rebelión iraniana de 2009, as actuais revolucións tunecina e exipcia permiten igualmente ilustrar a influencia das redes sociais (Twitter e Facebook) e de telefonía móbil á hora de dinamizar as protestas, un aspecto evidente tanto polo seu importante papel mobilizador como pola inmediata represión oficial de Internet.

Resta observar se Tunisia e, eventualmente, Exipto continuarán a vaga de rebelións populares que anteriormente acabaron con réximes autoritarios en Serbia (2000), Xeorxia (2003), Ucraína (2004) e Quirguicistán (2005 e 2009), se ben o realmente importante estriba en comprender se as sociedades árabes que hoxe se mobilizan están en verdade comprometidas cunha necesaria reforma política que achegue máis dereitos e máis benestar ao conxunto da cidadanía.

IGADI. 02 de febreiro de 2011