images publicacions IgadiPaper95

IgadiPaper nº95

Eleccións presidenciais en EUA: entre a incerteza e a polarización

(19/2012)

Eleccións presidenciais en EUA:
entre a incerteza e a polarización

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper95

O próximo martes 6 de novembro, EUA celebrará as súas 57º eleccións presidenciais. O actual mandatario e candidato polo Partido Demócrata, Barack Obama, disputa a súa reelección ante o candidato do Partido Republicano e ex gobernador do estado de Massachusetts, Mitt Romney. Ese mesmo día elixiranse 33 senadores, a totalidade da Cámara de Representantes (435 deputados mais 4 delegados e un Comisionado Residente) e once gobernadores, así como varios lexisladores.

Os focos de atención destes comicios céntranse en medir o impacto da xestión presidencial de Obama no período 2009-2012, en especial no relativo ás súas políticas para encarar a crise económica. Non obstante, outras variables que gravitarán con notable influencia nestas eleccións 2012 teñen que ver coa evidente transformación sociolóxica estadounidense, en especial polo incremento do peso político e electoral das comunidades hispana, afroamericana e asiática; e igualmente ante o paulatino esvaecemento da influencia exterior de Washington, con marcado acento no avance de China e Asia-Pacífico no contexto global.

Tras unha mil millonaria campaña electoral de contido político bastante gris, con escaseza de iniciativas e alternativas de gran envergadura nos respectivos programas electorais, as diversas enquisas sinalan un empate técnico entre Obama e Romney a escasos días da elección, contexto que deixará a decisión chave en mans dos votantes indecisos, especialmente en colexios electorais estratéxicos como Florida, Ohio e Virxinia, entre outros. Para gañar a presidencia é necesario obter un mínimo de 270 delegados electorais. Este contexto ofrece unha situación similar á acaecida nos polémicos comicios de 2000, que deron a vitoria ao republicano George W. Bush fillo.

Así e todo, a próxima presidencia na Casa Branca que asumirá o seu cargo o vindeiro 20 de xaneiro de 2013 terá que afrontar importantes retos, principalmente derivados do impacto da crise económica pero, principalmente, ante a intensificación dun nivel de polarización social que pode definir o mapa político e electoral estadounidense para os próximos anos. Esta polarización non se identifica basicamente en postulados ideolóxicos e políticos senón pola inevitable transformación sociolóxica do país, á vista do ascenso social, político e económico das comunidades de orixe inmigrante, principalmente hispanos, afroamericanos e asiáticos, e da consecuente perda da tradicional preponderancia das elites brancas.

b)  En mans dos indecisos

Tal e como ocorrera nas eleccións presidenciais de 2000, que entón definiron unha intensa e finalmente polémica puxa electoral entre o demócrata Al Gore e o republicano George W. Bush fillo, o contexto electoral estadounidense de 2012 sinala unha marcada polarización entre o candidato á reelección, o demócrata Barack Obama, e o postulante republicano Mitt Romney. Moitos analistas consideran que os votos dos indecisos finalmente decidirán a balanza en determinados colexios electorais.

O sistema electoral estadounidense responde á tradicional concepción federal e descentralizada, onde os denominados “votos electorais” son os decisivos á hora de elixir ao próximo presidente por riba dos denominados “votos populares”. Se ben este sistema é criticado como obsoleto por manterse case intacto durante estes dous séculos de vida republicana estadounidense, o seu peso resulta indubidablemente decisivo. Velaí a intensificación das campañas electorais en determinados estados estratéxicos como California, Florida, Texas ou Virxinia.

No caso das eleccións de 2000, Gore obtivo máis “votos populares” que Bush fillo pero finalmente perdeu a presidencia nun polémico e prolongado reconto de sufraxios en determinados condados do norte de Florida, decidido in extremis pola Corte Suprema por 5 votos contra 4 a favor de Bush fillo. Con sonoras críticas de presunto fraude electoral, este precedente intensificou dende entón as demandas e presións por posibilitar unha ampla reforma electoral en EUA que outorgue o peso decisivo aos “votos populares”.

Mentres o tema da reforma electoral gravita con forza cada vez que se suceden comicios presidenciais en EUA, nestas eleccións 2012 os estados chave do pulso entre Obama e Romney parecen ser Florida, que conta con 29 votos electorais, Ohio (18 votos), Virxinia (13 votos), Wisconsin (10 votos), Colorado (9 votos), Nevada e Iowa (6 votos cada un) e New Hampshire (4 votos). Segundo o Censo Nacional de 2010, un total de oito estados incrementaron os seus respectivos números de votantes, sendo estes Arizona, Florida, Xeorxia, Nevada, Carolina do Sur, Texas, Utah e Washington.

Tras meses de campaña electoral e tres debates en directo, as diversas enquisas ofrecen unha marcada polarización electoral traducida nun empate técnico entre Obama e Romney, quizais cunha lixeira vantaxe para Obama non superior ao 1-2% dos votos. Por tanto, o voto indeciso, principalmente proveniente das clases medias baixas e particularmente do voto inmigrante, especialmente hispano e afroamericano, terminará por ser decisivo.

Así e todo, este contexto electoral 2012 reflicte tamén un debate de escaso nivel político e ideolóxico, mais ben virado cara a xestión presidencial de Obama desde 2009. A pesar de apreciarse un notable desencanto social coa súa acción de goberno, moi marcada polo impacto da crise económica, e de presentarse casos específicos de rebelión antisistémica (movemento Occupy Wall Street), Obama tenta preservar as bases esenciais do seu programa, en especial no referente ao peso estatal na economía (cun paquete de US$ 800.000 millóns para rescatar unha economía en recesión), da preservación da reforma sanitaria (nun país con 50 millóns de cidadáns sen seguro médico) e con diversas políticas igualitarias que permitan diminuír as desigualdades socioeconómicas e incluso raciais, ambas tradicionalmente existentes na sociedade estadounidense. Consciente do simbolismo que implica ser o primeiro presidente de orixe afroamericana, Obama tenta conservar as súas bazas electorais co eventual apoio das comunidades de orixe hispano, latino e afroamericano.

Se Obama tenta transmitir un discurso plural dirixido cara diversas capas sociais, o mesmo contrasta visiblemente co peso outorgado por Romney ás clases altas e medias, principalmente de orixe branca e protestante, presuntamente ameazadas polo ascendente peso da multiculturalidade e o avance dos inmigrantes. Romney simboliza a marcada “dereitización” do Partido Republicano, confirmada pola emerxencia da ultradereita representada polo movemento Tea Party, defendendo un programa visiblemente “neoconservador” e neoliberal: predominio do sector privado e diminución do papel estatal na economía e reforzamento da influencia mundial de EUA.

Cun Congreso dominado polos republicanos e unha crise económica por resolver, a próxima presidencia estadounidense deberá encarar un mapa político e social altamente polarizado. O informe oficial de comezos de outubro de 2012 sobre unha diminución do desemprego do 8,1 ao 7,8%, así como leves sinais de recuperación da recesión económica iniciada en 2008, deberían ser factores estimulantes para a reelección de Obama. Como factor inédito e imprevisto, a aceptación social da súa xestión ante o recente paso do furacán Sandy pola Costa Oeste estadounidense igualmente exercería unha influencia non menos relevante de cara ao proceso electoral. Con todo, a incerteza apunta a que serán mais ben os votos dos indecisos os que finalmente logren definir a balanza.

c) O polarizador cambio demográfico

Independentemente de quen sexa o candidato gañador e cal a súa axenda de goberno, as eleccións 2012 sinalan un momento histórico para o país, marcado por unha transformación sociolóxica que igualmente certifica unha polarización racial, social e política. Este panorama implicará inevitables cambios no mapa político e electoral estadounidense para as próximas décadas.

Esta polarización céntrase nun inevitable cambio demográfico. As elites brancas e protestantes deixarán de ser maioritarias a nivel nacional. O avance da inmigración de orixe hispana, con case 40 millóns de cidadáns conformando aproximadamente o 20% da poboación estadounidense, outórgalle un papel político e social cada vez máis importante, claramente evidenciado nesta campaña electoral de 2012. Para dentro de medio século se intúe que a metade da poboación estadounidense será de orixe hispana. Mentres Obama e Romney esfórzanse cada vez máis por utilizar o español nas súas respectivas mensaxes electorais, apréciase un ascenso político en diversas esferas de políticos de orixe hispana como o senador republicano Marco Rubio.

Esta diminución da tradicional hexemonía WASP (White, AngloSaxon and Protestant, branco, anglosaxón e protestante) determinará futuras tendencias sociais e políticas en EUA. A presidencia do afroamericano Obama expresa simbolicamente ese cambio demográfico mentres que o ascenso da ultradereita do Tea Party confirma igualmente a reacción e polarización por parte dunhas elites brancas cada vez mais en declive.

Esta polarización evidénciase a través dunha serie de estudos realizados polas universidades de Chicago, Michigan e Stanford sobre o aumento das tensións raciais e sociais en EUA. En 2008, as actitudes discriminatorias contra a poboación negra representaban aproximadamente un 48% das tendencias sociais no país([1]). Este índice incrementouse ata o 51% durante a presidencia de Obama, mentres que no caso da discriminación e actitudes contra as comunidades hispanas ou latinas non brancas cifrouse nun 52% en 2010([2]). Estes datos confirmarían o incremento das tendencias reaccionarias dentro da sociedade estadounidense contra o avance das comunidades hispanas e afroamericanas, xa anteriormente descritas polo investigador Samuel Huntington([3]).

d) O comezo do final da hexemonía estadounidense?

Outro aspecto primordial que gravita con notable impacto nas campañas electorais estadounidenses ten que ver co peso da política exterior, da imaxe internacional do país e da preservación da súa hexemonía a nivel global. No contexto 2012, este aspecto non menos polarizador ofrece sinuosos síntomas que poden certificar o largamente anunciado declive internacional de Washington.

Neste sentido, enumerando casos concretos de países considerados como “incómodos” ou “inimigos” para Washington como son China, Irán, Rusia, Venezuela ou Cuba, o candidato Romney esforzouse constantemente por acusar a Obama de presunta “debilidade” e “morneza” na concreción dunha política exterior que preserve a influencia estadounidense nos asuntos mundiais, así como de “afastarse” de aliados estratéxicos como Israel.

Non obstante, e se ben Obama tentou inicialmente imprimir unha visión máis multilateral á súa política exterior, o factor que definiu a súa xestión seguiu a preservar a tradicional unilateralidade de Washington nos asuntos internacionais, en especial en escenarios concretos como a polémica “guerra contra o terrorismo”. Por citar un exemplo, Obama finalmente non pechou o cárcere de Guantánamo (Cuba), cando esta foi unha promesa electoral da súa campaña en 2008. Se ben a política exterior de Obama obtivo determinados “éxitos” non menos polémicos (intervención inmediata en Libia, asasinato de Osama ben Laden en Paquistán), outros escenarios (Siria, Bahrein, Palestina) certifican unha notoria parálise, motivada pola preservación das tradicionais alianzas de Washington orientadas a manter os seus intereses exteriores.

Así e todo, a presidencia de Obama rexistrou o ascenso e predominio de potencias emerxentes como China, cun peso económico cada vez maior a nivel mundial; a irrupción de movementos antisistémicos e de novos actores multipolares (Brasil, India, Sudáfrica, Turquía); e o paulatino desprazamento do centro de poder global de Occidente cara Asia-Pacífico. Polo momento de forma mais ben simbólica, estes factores determinarán unha nova realidade para EUA, igualmente en xogo nos comicios do próximo 6 de novembro.

 

IGADI. 31 de outubro de 2012.


(1) Consultar o artigo de opinión de CAPEHART, Jonathan, “The Rise of Hate in the Age of Obama”, The Washington Post (EUA), 29 de outubro de 2012. Ver en: http://www.washingtonpost.com/blogs/post-partisan/post/the-rise-of-hate-in-the-age-of-obama/2012/10/29/2ed7c4c0-21ec-11e2-ac85-e669876c6a24_blog.html?hpid=z9

(2) Ibid

(3) Principalmente argumentados no seu célebre e non menos polémico libro Who Are We: The Challenges to America´s National Identity, Simon&Schuster, Nova York, 2004.