Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista

Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista. 2020

Coordinación Xulio Ríos. Consello da Cultura Galega, 2020. 221 páxinas.

Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista

 

Coordinación Xulio Ríos. Autoría Montserrat Bascoy Lamelas, Xan Carballa, Emilio Xosé Insua López, Manuel Lombao, Carlos Méixome. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2020. 221 páxinas.


Lois Tobío Fernández (Viveiro, 1906- Madrid, 2003) é unha figura fundamental no galeguismo do século XX. Especialmente preocupado polo noso rexurdir colectivo e polas claves para nos enxergar no mundo sen por iso desdebuxar a nosa forma de ser, encarna como poucos a “Galicia, célula de universalidade” que axudou a conformar dende diferentes ámbitos, dende a política á cultura, na teoría e na praxe.   Este volume recolle diversos estudos que afondan na súa traxectoria en tres ámbitos esenciais para coñecer o seu armazón intelectual. Trátase da súa militancia no galeguismo, tanto na preguerra como na posguerra, e as súas vocacións de tradutor e xornalista que sempre o acompañaron. Os  relatores, profundos coñecedores de Tobío e a súa obra, achegan valiosas análises que representan un aporte singular para trazar as características esenciais da súa biografía.Tobío interesa á Galicia actual como destacado expoñente dun país culto, afable, confiado, aberto e sempre na vangarda, actitudes tan indispensables como necesarias para garantir o noso porvir como sociedade. O seu fondo humanismo e vontade de servizo ao común son valores determinantes dunha época á que sempre deberemos volver para poder imaxinar o que podería dar de si un desenvolvemento pleno e normal da nosa identidade. Incomprensiblemente esquecido nos anos da transición en Galicia, Lois Tobío soubo facer da honestidade e da coherencia sinais insubstituíbeis dun legado que co pasado do tempo gañará significación e relevancia.