Vocacións e ideais de Plácido Castro

Vocacións e ideais de Plácido Castro. 2020

Coordinación: Xulio Ríos. Santiago de Compostela. Consello da Cultura Galega, 2020. 116 páxinas.

Vocacións e ideais de Plácido Castro

Coordinación: Xulio Ríos. Autoría: Luís Álvarez Pousa, Laura Linares, Rubén Lois, César Lorenzo Gil, María Xesús Lorenzo Modia, Xulio Ríos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2020. 116 páxinas.


Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902-Cambados, 1967) foi unha figura moi singular no galeguismo por varias razóns. Non era habitual neste movemento a presenza de persoas procedentes dunha clase social moi acomodada. Por outra banda, no seu compromiso galeguista influíu longamente a observación e coñecemento profundo da vida política británica e irlandesa, sen que iso o levara a ignorar ou desprezar o propio. Finalmente, desenvolveu, na teoría e na práctica e máis ca ninguén no seu tempo, a idea da inserción internacional de Galicia, definindo os eixes básicos dunha política exterior de vocación universalista. Na formulación dun progreso con identidade está a clave do seu pensamento. A defensa da identidade en Plácido Castro non o levaba a ser conservador, senón a promover unha idea de progreso que non destruíse aquelo que fai a Galicia e aos galegos diferentes dos demais. Esa preservación era concibida non como unha defensa numantina fronte a hipotéticos invasores externos senón como unha obriga cívica con toda a humanidade. A aceptación e defensa da diversidade (dende a lingua ao patrimonio natural), non como un problema, senón como un valor que a humanidade no seu conxunto debe preservar, forma parte desa concepción progresista de Plácido Castro.Plácido, por outra banda, concibía o nacionalismo, en primeiro lugar, como un movemento político que achega modernidade. Segundo, como a doutrina que mellor pode liberar a creatividade dos galegos. Terceiro, como un novo estilo de política, facendo da honestidade o principal valor cidadá. Cuarto, como una nova forma de unión e nunca de separación, base esencial dun futuro estable, apostando polas nacións pequenas porque nelas pódese fortalecer mellor os ideais de democracia e de paz, sen ceder a tentacións militaristas nin imperialistas. Quinto, as relacións entre as diferentes comunidades nun estado plurinacional deben asentar no recoñecemento do autogoberno e os poderes centrais deben promover a lealdade exaltando –e non negando e reprimindo- as identidades nacionais dos pobos que conforman unha determinada realidade estatal.