images publicacions IGADI Libro homenaxe a Xulio Rios Paredes

Unha vida de compromiso para unha Galicia universal. Libro homenaxe a Xulio Ríos Paredes. 2021

 

images publicacions IGADI Libro homenaxe a Xulio Rios Paredes


As persoas que decidimos impulsar este libro sentímonos agradecidas co Xulio. A súa vida de compromiso con Galicia, o mundo e o coñecemento, debuxa unha traxectoria que impactou en nós e na familia do IGADI de maneira directa e mellorándonos. A obra que deixa a súa traxectoria coma intelectual e xestor condénsase na matrioska do IGADI, que vai da reivindicación dunha análise internacional propia desde Galicia, en galego e conectada aos intereses do país, ás políticas públicas de paradiplomacia, acción exterior e cooperación internacional, á promoción da figura de Plácido Castro ou a creación dun Observatorio arredor de China e Asia, que gañou recoñecemento global desde un recanto que é centro do Atlántico. Impactou en nós retratando unha maneira de entender Galicia e unha maneira de entender o mundo desde Galicia. Aínda máis, impactou alén dos seu colaboradores, amigos e admiradores, influíndo no propio sistema institucional galego ou na maneira de entender as relacións Oriente-Occidente no desacougante S.XXI, fillo do final da Guerra Fría que viu nacer ao IGADI.A matriz que une a esta familia que foi creando é a crenza en que Galicia é célula de universalidade, unha irmandade que pensa alén do visible e o invisible na procura dunha sociedade internacional pacífica, con oportunidades para todos e todas e cunha Galicia recoñecible no mundo das nacións.Como poderán ver desde o índice, son moitas e plurais as persoas que neste Libro Homenaxe trazan con palabras textos arredor da figura de Xulio, as súas teimas e a necesidade de entender a relación do local co global, do nacional ao estatal e o internacional, das culturas ás linguas, do vello co novo. Son amigos e amigas, compañeiros de ilusións, camaradas de todas as cores e unha boa parte de colaboradores, antigos traballadores ou persoas que realizaron as súas prácticas no IGADI. Sen embargo, sabemos con certeza que faltan moitas persoas relevantes na vida do IGADI e de Xulio, e que serían moitas máis as que quererían participar desta homenaxe. Tan só o sentido do realismo e os tempos animounos a acoutar a obra e os convites a participar, dun volume que non parou de medrar incesantemente desde as primeiras ideas. Para as persoas ausentes as nosas desculpas, entendemos moi ben que vos gustase participar desta tan merecida homenaxe colectiva. O libro atópase organizado en catro patas, híbridas, nas que se combinan textos de carácter máis persoal con textos de carácter máis académico. A primeira -Unha vida de compromiso e moitos mundos, recolle os textos de corte máis biográficos arredor da figura e traxectoria de Xulio. A segunda, -Nós No Mundo, céntrase no papel e os esforzos do IGADI por construír unha política internacional para Galicia. A terceira, -O Mundo Desde Aquí, apunta escenarios xeográficos e temas recorrentes das relacións internacionais e da propia vida do IGADI. O libro-homenaxe péchase finalmente cun Álbum fotográfico, que tamén, podería ser ben máis extenso. Ademais, a matrioska do IGADI obrigounos a xerar un libro irmán do que tedes entre as mans “De Galicia a China: Donde hay voluntad, hay un camino” para destacar o traballo específico do Observatorio de la Política China e concretamente de Xulio coma sinólogo de referencia e de traxectoria internacional, traducido nos Premios Cátedra China no 2018 e Casa Asia no 2020.Así e todo despois de tres décadas de traballo sen desacougo pódese dicir que Xulio, e o IGADI, sentaron as bases dunha política exterior para Galicia, así coma as bases dunha ollada universal que permita un diálogo internacional e especificamente europeo, que desde os principios de Nacións Unidas, traballe para o desenvolvemento colectivo e unha sociedade internacional en paz.Para as persoas máis novas do IGADI que erguemos estes libros, velos medrar, foi unha experiencia de orgullo e responsabilidade. Agardamos que as dúas obras sexan do gusto do noso mestre e que permitan sumar neste incesable regato de esforzos para ser nós no mundo. 
  • Coordinación e edición: Raquel Isamara León de la Rosa, Vera Ríos Carrillo, Marola Padín Novas, Iago González Pascual e Daniel González Palau
  • Deseño e diagramación: BREO.gal 
  • Foto de capa: Miguel Muñiz
  • Impresión: Tórculo
  • Edición non venal
  • DL: C 1395-2021