1. Presentación: Multipolaridade, Policrise e mudanzas na gobernanza global
A primeira edición histórica do IGADI Annual Report (IAR), no 2007-2008, levou por título «Transitando cara unha estabilidade multipolar», caracterizando un planeta que avanzaba cara unha nova orde mundial. Se os Xogos Olímpicos de Beijing no 2008 e a crise económica global 2008-2009, identificaban postais da época de cambio que comezaba, os acontecemento desde a pandemia e o primeiro trimestre do ano 2025 certifican que a multipolaridade é líquida e imprevisible.
Desta maneira, trala toma de pose de Donald Trump nos Estados Unidos o 20 de xaneiro do 2025, as primeiras ameazas a países como Dinamarca, Panamá, México ou Canadá, así como a saída dos Estados Unidos da Organización Mundial da Saúde e do Tratado de París, constatan a chegada dunha nova era que leva case dúas décadas cociñándose, que a evolución do IGADI Annual Report acompañou desde Galicia.
Así, superado o terceiro aniversario da invasión rusa de Ucraína e nun contexto de deterioro total das normas internacionais establecidas desde a fundación de Nacións Unidas no 1945, traxicamente ilustrado no proceso de limpeza étnica en Palestina, a perigosa década dos anos 20 ameaza con máis acontecementos catastróficos. Xa é parte do sentido común colectivo que estamos nun tempo definido pola sucesión constante de crises de distinta natureza, que interaccionan ameazando con futuros distópicos, a Policrise.
Neste marco histórico, polarizado e lonxe de hexemonías radicais, tanto no interior dos Estados como nas relacións entre eles, o 2025 acepta xa unha nova normalidade multipolar, caracterizada pola incerteza, onde a carreira armamentística xa non é cousa de especialistas, se non parte do sentido común colectivo. O tamaño dos desafíos aumenta sen descanso.
No núcleo desta transformación radica o novo reparto de poder no planeta e as distintas estratexias para fortalecerse diante desta nova era, xunto aos problemas estruturais dos límites planetarios, da crise medioambiental á enerxía, así como a desigualdade ou os conflitos de identidades. Ao mesmo tempo, o desenvolvemento da dixitalización, exponencialmente crecente desde os confinamentos globais de 2020-2021, os algoritmos e a intelixencia artificial, abriron un marco futurista perceptible para as grandes maiorías, redefinindo as dinámicas globais.
Así as cousas, malia que os conflitos en Ucraína ou Palestina son os máis presentes nos medios, as guerras e conflitos de maior ou menor intensidade non cesaron durante 2024, deixando escenarios incertos para 2025. Se desde hai anos afirmábamos que as normas internacionais establecidas trala Segunda Guerra Mundial xa estaban caducas, agora agonizan agardando dramaticamente a seguinte pantalla.
Así as cousas, durante o ano 2025 viviremos un ano intenso en política internacional, no que Donald Trump asentará as bases do seu segundo mandato, a UE seguirá no seu labirinto e o Sur Global continuará normalizando, desde a súa pluralidade, as relacións internacionais líquidas que caracterizan a multipolaridade e os nosos días de risco global. Os cambios de gobernanza no sistema internacional están xa, acontecendo.
O IGADI Annual Report 24-25
No IAR 24-25, presentamos baixo estes vimbios de maneira panorámica as variables e as ideas fortes que construíron o 2024, así coma os acontecementos e as tendencias a observar durante o 2025, onde as interdependencias e os riscos globais contan con escenarios xeográficos e temáticos onde cómpre especialmente achegar as lentes.
Para analizar estes procesos, nas áreas xeográficas, a primeira peza achéganola o Serafín Pazos, para poñer en contexto o novo período da Unión Europea tralas eleccións ao Parlamento europeo do 2024 e a configuración dunha nova Comisión que terá que convivir coa segunda vida de Donald Trump ao fronte da Casa Blanca. Andrea Mila e Iván López, achégannos América Latina e ao seu labirinto, condicionado tamén polo novo expansionismo estadounidense, os ciclos electorais e os problemas estruturais da rexión. A experimentada Susana Mangana, pousa os ollos sobre Siria, que tras un sorprendente final do 2024 pechando o ciclo das primaveras árabes intúe un 2025 non exento de convulsións. Desde Xapón, contamos coa análise de Masashi Oki, arredor da inestabilidade en formación no país asiático. Finalmente Jared D. Larson, desde os EEUU, ofrece as principais claves para interpretar o sucedido nos Estados Unidos durante a campaña electoral do 2024, froito dun longo proceso de metamorfose do Partido Republicano, que o autor da por morto desde os seus significados clásicos.
Nas áreas transversais poñemos as lentes para atender ao estado da economía global con Diego Sande, que pousa a atención sobre a cada vez maior forza das ideas proteccionistas, pensando tamén os efectos desta dinámica en Galicia. Achegámonos tamén ao crecemento exponencial da extrema dereita arredor do globo, con Alfredo Toro Hardy, así como á relevante cuestión do tecnofeudalismo e o control da información en redes sociais co texto de Daniel González Palau. Co texto de Anna Ayuso detémonos a pensar na Cimeira do Futuro, e o seu legado, que aínda insuficiente e desilusionante, traza un camiño posible nos escenarios de futuro da necesaria nova gobernanza mundial. Finalmente, He Quin, preséntanos as propostas chinesas no marco do Sur Global, que artella partitura e notas destacadas desa nova gobernanza global en construción.
Por último pechamos o IAR coas Personaxes do ano, nos que apostamos por distinguir figuras do 2024 que asociamos cos temas, as chaves e as perspectivas que presentamos ao longo de todo o anuario.
Agradecemos de maneira especial as achegas das nosas investigadoras asociadas e colaboradora para este IAR 24-25, así como a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, por apoiar 18ª edición do IAR.
Índice
- Presentación
- 1.1. Os 33 anos do IGADI
- 1.2. Equipo IAR 2024-2025
- As Chaves de 2024
- 2.1. A Policrise e os riscos globais
- 2.2. Balance do ano electoral global
- 2.3. Guerras, conflitos e violencias
- 2.4. Os BRICS e a Presidencia Rusa
- 2.5. Axenda 2030 estancada
- As Perspectivas 2025
- 3.1. Donald Trump 2.0 e a ruptura da orde internacional: realidade ou teatralización?
- 3.2. A nova normalidade multipolar e líquida
- 3.3. A UE no labirinto: entre a política e a carreira armamentística
- 3.4. África na nova era
- 3.5. A xeopolítica da intelixencia artificial no 2025
- Reflexións por áreas xeográficas 2024-2025
- 4.1. A UE e as respostas vellas ante un mundo novo. Por Serafín Pazos
- 4.2. América Latina… ¿no seu labirinto?. Por Andrea Mila-Maldonado e Iván López-Díaz
- 4.3. O comezo da inestabilidade? As claves de 2024 e as perspectivas de 2025 no Xapón. Por Masashi Oki
- 4.4. Siria tras a caída de Bashar al-Ásad: O capítulo final da Primavera Árabe e o incerto amencer. Por Susana Mangana
- 4.5. O obituario do Partido Republicano. Por Jared D. Larson
- Reflexións transversais 2024-2025
- 5.1. Tendencias na economía mundial: O xiro proteccionista desde Galicia. Por Diego Sande
- 5.2. A forza expansiva do populismo iliberal de ultradereita. Por Alfredo Toro Hardy
- 5.3. Distopías futuristas: Tecnofeudalismo, intelixencia artificial e singularidade. Por Daniel González Palau
- 5.4. O legado do Pacto do Futuro. Por Anna Ayuso
- 5.5. Esforzos e propostas de China cara á solidariedade e ao autofortalecemento do Sur Global. Por He Qin
- As personaxes do ano
- Keir Starmer · Claudia Sheinbaum · Giselle Pellicot · Tomoko Akane · Donald Trump