ALBA a cámara lenta

A celebración a finais de febreiro en Caracas do X Consello Político da Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA), mediu unha conxuntura plena de retos para esta plataforma de integración, en particular ante os recentes acontecementos políticos en Venezuela por mor dos problemas de saúde do seu presidente Hugo Chávez, a recente reelección presidencial do mandatario ecuatoriano Rafael Correa e o ciclo electoral que durante 2013 se celebrarán en diversos países latinoamericanos, moitos deles ligados directa ou indirectamente co eixe da ALBA.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A celebración a finais de febreiro en Caracas do X Consello Político da Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA), mediu unha conxuntura plena de retos para esta plataforma de integración, en particular ante os recentes acontecementos políticos en Venezuela por mor dos problemas de saúde do seu presidente Hugo Chávez, a recente reelección presidencial do mandatario ecuatoriano Rafael Correa e o ciclo electoral que durante 2013 se celebrarán en diversos países latinoamericanos, moitos deles ligados directa ou indirectamente co eixe da ALBA.

 

Esta reunión de Caracas, celebrada polos chanceleres da ALBA baixo a condución do presidente en funcións de Venezuela, Nicolás Maduro, focalizou a súa atención estratéxica en fortalecer os mecanismos de cooperación enerxética estipulados en torno a PETROCARIBE, buque insignia da ALBA cuxo radio de actuación inclúe a 18 países latinoamericanos e caribeños. É de salientar que a ALBA está integrada por nove países, dos que sete deles forman parte de PETROCARIBE.

Outro aspecto ten que ver coa potenciación da moeda autóctona, o SUCRE, como vértice de transaccións comerciais. Neste sentido, Nicaragua ingresou no SUCRE durante a reunión de Caracas. Pero mais ben son os factores políticos e, particularmente, a subxacente perspectiva xeopolítica, os que planean con maior intensidade para especular con cal será o futuro próximo da ALBA.

Sen a presenza do seu creador en impulsor Hugo Chávez, a ALBA encamíñase cara unha etapa de menor caudal ideolóxico e de enerxía política, tal e como se evidencia no perfil dos seus actuais moderadores, o propio Maduro, o recen nomeado chanceler venezolano Elías Jaua, ou o seu homólogo cubano Bruno Rodríguez.

Non hai, por tanto, personalismos marcados, tal e como existiu durante o inesgotable período de impulso liderado por Chávez. O contexto actual aduce dun momento de dirección colexiada e colectiva que pode afianzar outros rumbos para o organismo. Aínda así, especúlase con certa orientación a observar ao presidente ecuatoriano Correa como un eventual liderado natural dentro da ALBA. Pero Ecuador, que ingresou no 2009, non é un país líder dentro da ALBA como  por exemplo, é o caso de Venezuela, nin tampouco semella observar que o propio Correa ou, en todo caso, o seu homólogo boliviano Evo Morales, teñan a intención de substituír o legado carismático de Chávez.

Paralelo a este proceso, a ALBA debe contemporizar a emerxencia de novos organismos hemisféricos, como a Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC), creado en Caracas en 2010, e do rexurdir de antigas plataformas como o MERCOSUR, do que Venezuela ingresou formalmente a mediados de 2012. A potenciación da CELAC e hipoteticamente do MERCOSUR, son aspectos que colocan a ALBA nun momento particularmente estratéxico, moi probablemente concibido pola eventual necesidade de “desideoloxizar” un organismo por anos hexemonizado pola alternativa emanada do Socialismo do Século XXI impulsado por Chávez.

Con isto, a ALBA afronta outros retos, visualizados no contexto electoral que vivirá América Latina durante 2013, principalmente en países da periferia adxacente e este organismo. Paraguai celebrará en abril unhas eleccións presidenciais aínda salpicadas pola polémica destitución do ex presidente Fernando Lugo, aliado polítco de Chávez e do eixe da ALBA.

Aínda que Paraguai non forma parte da ALBA como si do MERCOSUR (onde o ingreso venezolano en xullo pasado provocou serios roces co actual goberno interino paraguaio de Federico Franco), a eventual emanación dunha reacción das elites contra o progresismo de esquerdas e a presunta penetración dos movementos afíns á ALBA, pode espallarse cara outros países da rexión, como Bolivia (membro da ALBA) ou Perú, cuxo goberno de Ollanta Humala amosa unha frontal predisposición cara o socialismo bolivariano.

Para  novembro de 2013, Honduras celebrará eleccións presidenciais noutro contexto case similar ao paraguaio. O país centroamericano é o único que ata agora abandonou este organismo tralo golpe militar contra o ex presidente Manuel Zelaya, un marcado aliado político de Chávez e da ALBA. Precisamente, Zelaya volveu a ocupar un lugar na política hondureña, desta vez impulsando a candidatura electoral da súa esposa Xiomara Castro, cuxas perspectivas de retorno do “zelayismo” á presidencia pode provocar tensións coas elites hondureñas que provocaron a caída do seu esposo.

No medio, debe observarse se a tendencia reaccionaria continental contra o progresismo de esquerdas finalmente poda provocar tensións políticas en países do eixe da ALBA e sumamente dependentes dos seus marcos de cooperación económica (especialmente enerxética), como é o caso da Nicaragua de Daniel Ortega ou, incluso, no Perú de Humala. Con todo, a abafante reelección de Correa en Ecuador aparentemente (e polo momento) desactiva calquera inmediata reacción contra o seu goberno.

Seguindo con este ciclo electoral, a ALBA medirá con atención as eleccións municipais en Venezuela previstas para xullo próximo, as primeiras sen Chávez como presidente e líder incontestable do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) e, incluso, a perspectiva dunhas novas eleccións presidenciais toda vez os problemas de saúde de Chávez obriguen a renunciar e convocar novos comicios con Maduro como candidato do “chavismo”.

A mediados de 2013, Arxentina, membro do MERCOSUR e da CELAC pero non da ALBA, celebrará eleccións lexislativas con claro color presidencial de cara aos comicios de 2015. A presidenta Cristina Fernández de Kirchner, moi afín a Chávez, xógase aquí importantes cartas políticas e electorais, en particular a necesidade de que o “kirchnerismo” manteña a súa hexemonía lexislativa, coa posibilidade de implicar unha eventual reforma constitucional que permita á actual presidenta presentarse nos próximos comicios.

Todas estas variables gravitarán no novo momento da ALBA, cuxa vixencia estará case absolutamente determinada pola ausencia definitiva de Chávez como líder impulsor e pola necesidade de construír as bases dunha orientación mais pragmática e colectiva que lle permita preservar a súa natureza de integración autóctona con acento no social.