Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
25 de Xuño de 2020 González Palau

A acción exterior do Goberno Feijoo e a nova normalidade (2009-2020)

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade"
Nós No Mundo 2019-2020

A nova normalidade transformará o marco de acción das políticas públicas a nivel local e internacional, acelerando a reconversións ambiental e dixital en curso. Desde esta premisa e no contexto das próximas eleccións autonómicas de xullo do 2020, o fortísimo impacto nos sistemas de saúde e seguridade social augura mudanzas na redefinición das políticas públicas tradicionais. A transición rápida cara a nova normalidade deixa en suspenso a súa evolución e duración.

A acción exterior galega, abertamente deteriorada nos últimos anos pese a relevantes pasos adiante, debera estar tamén entre as receitas necesarias para a reinvención do modelo de Galicia para o S.XXI post-Covid19. Neste contexto aspiramos a presentar o modelo de acción exterior durante o Goberno Feijoo 2009-2020, para identificar avances e retrocesos, achegando alternativas desde onde programar a década que vén tralo shock inicial da pandemia.

Os cambios tectónicos en curso na política internacional e as ameazas á conectividade global obrigan nun momento de abrupta incidencia nas exportacións galegas e ameaza ao noso sector turístico[1], a dar pasos estratéxicos para normalizar a política de acción exterior en Galicia e poñela no centro do noso modelo de desenvolvemento socioeconómico e sociocultural.

Once anos entre o pecado orixinal e as ambivalencias.

Nestes 11 anos de goberno o papel de liderado na Xunta de Galicia do Presidente A. N. Feijoo é recoñecido por todas. Un dos elementos sobre os que modelou o seu discurso público é arredor do perfil internacional de Galicia e a relevancia da globalización no noso futuro e modelo socioeconómico e sociocultural: desde a aprendizaxe do inglés á pedagoxía arredor da relevancia internacionalización económica, ou a globalización do Xacobeo, de maneira especial na edición do 2021 e na ollada estratéxica do discurso dos últimos meses previos á explosión da Covid19 –A Década Xacobea (en referencia aos anos Xacobeo 2027 e Xacobeo 2032)[2] .

Sen embargo, a acción exterior coma política pública perdeu rango desde a primeira estrutura política-administrativa do primeiro Goberno Feijoo na Xunta de Galicia de 2009, degradando a anteriormente Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación (dependente da Presidencia) nunha Dirección Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación (dependente da Consellería ou da Vicepresidencia, exercida por Alfonso Rueda ao longo dos distintos mandatos). E desde o 2009 ata hoxe[3]. Xunto a outras ambivalencias na súa folla de servizo nesta década longa as políticas públicas de acción exterior son un ámbito axeitado para ollar do máis televisivo ao máis refinado, e recoñecer os seus éxitos e tamén os seu déficits.

Así desde as misións exteriores do Presidente ás moi variadas accións dos distintos departamentos da Xunta con incidencia na acción exterior, principalmente no ámbito da necesaria diplomacia económica, a acción internacional da Xunta avanzou sempre en primeira liña do telexornal e de maneira especial naquelas accións de captación de investimento estranxeiro, coma as misións presidenciais a México que abranguen do 2010 a 2020[4].

As ambivalencias foron así claras desde o comezo, combinando a redución dos orzamentos en acción exterior e cooperación internacional, con discursos públicos fortes en relación á relevancia das capacidades globais para o desenvolvemento de Galicia, coma o impulso discursivo do Consello de Acción Exterior[5] durante o 2010 (e o documento de reflexión -Prioridades de Actuación 2010-2014) ou a Cimeira e a foto cos ex-presidentes da Xunta en Monte Pío no 2013 (e a promesa, incumprida, de ser embaixadores da Galicia exterior)[6].

Así se cunha man era capaz de posicionar á axenda da Galicia global entre os eixos de traballo motores do seu Goberno, coa outra rachaba a tradición lenta mais progresiva de ordenación da acción exterior galega, de Laxe, Fraga e Touriño-Quintana[7]. Escollía o peor momento para facelo, xa que a velocidade da globalización aumentaba moi sensiblemente ao longo destes once anos, polo que axenda exterior e os intereses da Xunta e de Galicia medraron de maneira descontrolada e fragmentada, e as veces con algunha sensación de opacidade.

Pese a estes déficits, coma dixemos, o Presidente Feijoo fixo gala ao longo desta década de ser consciente da importancia do selo internacional de Galicia, por medio de medidas reais e notables, mais en demasiadas ocasións simbólicas e rituais. Esta afirmación constátase paradigmaticamente co achegamento ao portugués e a Portugal da Lei Paz Andrade[8] (2014), que pese a facer agromar o seu perfil máis galeguista e estratéxico fica a estas alturas cun inmenso camiño por percorrer, especificamente na introdución do portugués no ensino[9].

A grande fenda desta época será o contraste entre a vida televisada da acción exterior da época Feijoo ligada á procura de negocios internacionais, coa minimización económica, fragmentación, e simbolismo da política oficial de acción exterior de Galicia[10].

 

As dúas fases da axenda exterior do Goberno Feijoo.

Máis alá do pecado orixinal e as ambivalencias discursivas recorrentes coma unha continuidade entre o 2009 e o 2020, identificamos dúas fases claras sobre a relación do Goberno Feijoo coa acción exterior.

1. 2009-2014. O primeiro goberno Feijoo comezou a súa xestión no marco da crise económica internacional iniciada no ano 2008 e coa austeridade coma palabra de orde fixo das re-estruturacións de gasto ou recortes o seu programa fundamental de goberno. Desenvolvéndose con éxito nese papel, no marco da hipercrise económica e as polémica arredor do Estatut catalán, tanto a acción exterior como a cooperación ao desenvolvemento, co ruído das Embaixadas cataláns de fondo, apareceron no discurso xeral popular coma competencias das Autonomías das que desconfiar[11].

No marco dese relato poderíamos trazar unha continuidade entre o 2009 e o 2014, caracterizada polo desmantelamento da acción exterior coma política pública, con acumulacións de recortes orzamentarios que chegan ao 60% entre 2009 e 2014, o que afecta primeiramente á degradación da SX de Exteriores en Dirección Xeral, á estrutura e capacidades da Fundación Galicia Europa e as estruturas da Eurorexion, as Delegacións de Galicia no exterior, así coma ao sistema galego de cooperación no seu conxunto[12] (ongds, Fondo Galego, Universidades…).[13]

No paraugas da crise e as habilidade do Presidente AN Feijoo pasou inadvertida a disolución do proxecto falido da Illa do Pensamento[14], na Illa de San Simón en Redondela, onde o IGADI estivo entre maio do 2011 e xaneiro de 2013. No desmantelamento desta etapa, a saída abrupta da Illa e a suspensión dos convenios de colaboración entre o IGADI e a Xunta de Galicia desde ese momento (1997-2012), acentúan o perfil político e ideolóxico, e non tanto económico, do desmantelamento efectuado.

2. (2015-2020) Co goberno de M. Rajoy e tamén no contexto do avance do proceso independentista en Catalunya, impulsouse a Lei de Acción Exterior e servizo exterior español (2014) e a Lei de Tratados e Asuntos Internacionais (2014) coma nova concepción estratéxica do Estado en asuntos internacionais e marco de relación coa acción exterior das Comunidades Autónomas e cidades[15].

Será neste novo marco legal, aprobado pola maioría absoluta popular do goberno Rajoy, na que AN Feijoo desenvolva a segunda etapa da súa acción exterior. En lóxica coa proposta de minimización de gasto e degradación do perfil político da primeira parte destes once anos, o goberno galego presentou trala aprobación da Lei estatal, o Decreto de Acción Exterior de Galicia (2015), encaixando tecnicamente a Lei e fiando á acción exterior de Galicia ao desenvolvemento da EGAEX (Estratexia Galega de Acción Exterior)[16].

No proceso de construción do Decreto e da EGAEX o Goberno amosou iniciativa, o cal é positivo, mais dilatou tres anos en oficializar a EGAEX, entre 2015 e 2018, apostando finalmente por un texto máis propio dunha reflexión ou descrición que dunha estratexia, fuxindo da planificación, o seguimento e a avaliación. Aínda que a EGAEX ten elementos positivos como a incorporación do espírito da Lei Paz Andrade aos documentos oficiais da acción exterior de Galicia, non cumpre a función de estratexia ao non dotarnos dunha programación coherente ou obxectivos medibles e avaliables.

Despois dun grande debate alongado no tempo, trala terceira maioría absoluta do Presidente Feijoo nas eleccións de 2016, o 30 de decembro de 2017 o Parlamento aprobou a EGAEX. Na negociación a oposición abstívose grazas a incorporación dalgúns cambios positivos no documento, como a necesidade de desenvolver a acción exterior por medio dunha Lei propia ou a inclusión do IGADI como referente especializado no achegamento estratéxico a China.

A EGAEX aínda tardaría tres meses en ser oficializada en Consello da Xunta, despois do visto bo do Ministerio de Asuntos Exteriores en marzo de 2018. A mesma secuencia de iniciativa técnica, ralentización e minimización daríase ao longo do 2019 (como explicaremos no seguinte punto deste documento) na elaboración da Lei, filla daquela negociación da EGAEX e que despois dun ano de proceso ficou varada no Parlamento coa convocatoria electoral do falido 5 de abril, e agora 12 de xullo[17].

Cómpre en calquera caso poñer o foco sobre unha novidade positiva nesta segunda etapa 2015-2020. Se así coma a acción exterior no seu conxunto seguiu fuxindo dun control ordenado e programado na procura de coherencia, eficacias e transparencias, observouse entre 2016-2020 unha mudanza de tendencia orzamentaria en relación á cooperación internacional para o desenvolvemento, cun aumento sostido dos seus orzamentos e cun ascenso acumulado do 60%. Ademais deste cambio de tendencia orzamentario, o compromiso do Goberno AN Feijoo coa cooperación ao desenvolvemento gañou a complicidade dos principais actores do sistema galego de cooperación, coa aprobación por unanimidade do Plan Director da Cooperación Galega 2017-2020 e o capítulo reservado á cooperación ao desenvolvemento na proposta de Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento.

A Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento durante o 2019.

Trala aprobación do Consello da Xunta da EGAEX en marzo de 2018 non tivemos ningunha novidade arredor do desenvolvemento dunha Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento até unha primeira comunicación electrónica ás entidades participantes do Consello de Acción Exterior en febreiro de 2019.

No mes de maio recibiamos o primeiro borrador da Lei e rexistrabamos as nosas suxerencias de modificación ao texto, entre as que subliñabamos a necesidade de que a Lei incorporase o compromiso de partidas económicas concretas, a obrigatoriedade da programación da EGAEX por medio de Plans Directores con indicadores de cumprimento (de maneira análoga ao capítulo de cooperación ao desenvolvemento) ou o reimpulso mecanismos de coordinación e integración da acción exterior da Xunta e do conxunto de actores internacionais galegos, coma o CAEX.

Lamentablemente e pese ao paso adiante positivos que significaba o impulso da Lei, ningunha das nosas propostas foi incorporada ao texto, amosando de novo un interese nulo en dar pasos adiante e dotar de sentidos coordinados e transparentes aos esforzos internacionais dos distintos departamentos da Xunta. Así as cousas en novembro de 2019 votamos no CAEX absténdonos[18], xunto a Fegamp e ao Eixo Atlántico,  despois dunha intervención crítica con algúns elementos da Presidenta do Consello da Cultura Galega, que finalmente votou a favor, así coma as Universidades e os sindicatos presentes e a Coordinadora Galega de ONGDs.

Cómpre advertir en maiúsculas que o Consello de Acción Exterior reuniuse 5 veces entre 2011 e 2019, incumprindo explicitamente o decreto de creación do CAEX, o que demostra a falta de vontade real de coordinación e coherencia. Enténdese que a fragmentación é o estado natural, e así o minifundismo e as negociacións bilaterais acaban por servir máis á axenda política e mediática do goberno, que aos principios e obxectivos do Decreto de 2009 que deu comezo á acción exterior do Goberno Feijoo coa oficialización do CAEX, a EGAEX no 2015-2018, ou o propio proxecto de Lei aprobado o 30 de xaneiro no último Consello da Xunta de Feijoo (todos estes documentos inciden de maneira rimbombante na necesidade dunha maior integración, coherencia e coordinación dada a súa necesidade e as potencialidades de Galicia na sociedade internacional.).

Así as cousas despois dese ano de traballo a década larga de A.N. Feijoo na Presidencia da Xunta de Galicia en materia de acción exterior rematou no último Consello da Xunta de Galicia o 30 de xaneiro cando o Consello remitía o proxecto de Lei aprobado ao Parlamento. Coa convocatoria electoral que o 10 de febreiro se anunciou para o 5 de abril o proxecto de Lei ficaba varado sine die, a espera dun novo Goberno e Parlamento.

Do pecado orixinal á polisemia da acción exterior galega: Análise da fragmentación da axenda exterior (2009-2020)

Falamos de pecado orixinal na degradación da SX de Exteriores de 2009, e non de virtude orixinal, dado o carácter internacional do noso tempo e a súa velocidade, mais tamén por ver nas capacidade e habilidades da propia Galicia fortes valores engadidos no seu perfil internacional,  que compriría poñer en valor de maneira coordinada (dos Camiños de Santiago ao perfil atlántico e celta, a lingua e a lusofonía ou a nosa diáspora global…).

Coma consecuencia do anterior son cada vez máis os departamentos político-administrativos con incidencia e influencia no desenvolvemento da súa acción exterior e perfil global, así coma entidades subestatais de todo o mundo e das rexións mais avanzadas, de Baviera ao Quebec ou o País Vasco[19], que ordenan e programan a súa acción internacional procurando eficacias e coherencias. No caso de Galicia esta coordinación non existe ou non se explica, o que coa necesaria axenda internacional de viaxes e discursos, da lugar a esa sensación de opacidade.

Así as cousas observando a última composición do organigrama da Xunta identificamos os seguintes departamentos cunha moi notable vida internacional: a SX de Emigración, Consellaría de Economía e Emprego, a Consellaría do Mar, a Consellaría de Cultura e Turismo, e a DX de Exteriores, UE e Cooperación (sen desatender que tamén Consellerías como as de Política Social, Medio Rural ou Medioambiente teñen vida internacional).

A falta dunha análise orzamentaria para indicar unha xerarquía material entre as distintas modalidades de diplomacia arredor dos distintos programas e pesos económicos no Goberno Feijoo, presentamos aquí este breve cadro a modo de ilustración, seguindo un enfoque aberto de categorías universais arredor da paradiplomacia rexional, para pensar distintas dimensións do perfil internacional de Galicia e do seu goberno (que xa están pasando).

 

A Xunta de Galicia e o mundo global (2020)

- Diplomacia europea, eurorexional e de DDHH: Dirección Xeral Relacións exteriores, EU, e Cooperación

- Diplomacia económica: Consellería de Economía (IGAPE e Axencia Galega de Innovación).

- Diplomacia da diáspora: SX de Emigración.

- Diplomacia turística e cultural: Consellería de Cultura e Turismo (Axencia Galega de Turismo e Xacobeo) e Consello da Cultura de Galicia.

- Diplomacia do mar: Consellería do Mar (negociacións Brexit)

- Diplomacia da  lingua: SX de Política Linguística e Consello da Cultura (entidades oficiais que participan coma observadores consultivos na CPLP)

- Diplomacia verde e Axenda 2030: Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

 


Todas estas Consellerías e departamentos administrativos da Xunta teñen socios e relacións internacionais, proxectos, viaxes e orzamentos vinculados á acción internacional das súa parcelas de goberno e de administración. Sen embargo, o paradoxo destes once anos é que a medida que aumentaba a velocidade da globalización o departamento encarregado de coordinar toda esta vitalidade, pasou de ser unha SX a unha DX. Desde os tempos da diplomacia das queimadas do Presidente Fraga o deterioro é evidente.

No contexto da crise territorial do modelo do 78 e desde a condición de nacionalidade histórica, a acción exterior de Galicia precisa estruturas mínimas estables se aspira a estar no mundo poñendo en valor o seu perfil internacional. A continuidade programas de subvencións para a internacionalización, accións e viaxes de altos cargos da Xunta de Galicia, e do resto de institucións da Autonomía, sen planificación e sen avaliación de maneira coordinada é un lastre que acaba por diluír as nosas vantaxes comparativas no mundo global.

8 pasos para unha nova normalidade na acción exterior de Galicia

Despois de todo o exposto, a nosa idea é que o modelo de desenvolvemento socioeconómico e sociocultural, a eficacia, a eficiencia e a transparencia, son os vectores polos que despois das eleccións autonómicas do 12 de xullo de 2020 calquera goberno debera afrontar unha ordenación estratéxica da nosa acción internacional. Non se trata de facer máis, se non de coordinar e dar impulso a todo o que xa se está a facer.

Neste sentido a futura Lei Galega de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento, debería ter un papel urxente e importante na Galicia do futuro e do seu desenvolvemento socioeconómico e sociocultural no contexto inmediato do Xacobeo 2021 e a configuración do Plan Galicia 2030, desde o marco da Axenda 2030 de Nacións Unidas e xa, a nova normalidade.

A Covid19 impón afinar toda a fontanería de organización das políticas públicas e a relación co exterior seguirá a ser un espazo privilexiado para a multiplicación de posibilidades de todos os actores en todos os ámbitos, e un elemento diferenciador na capacidade de innovación e posicionamento dos territorios, e tamén no mundo online (económico, turístico, cultural…).

Así as cousas e sendo recoñecido por todas e todos o perfil global de Galicia coma un elemento crítico competitivo para a nosa competitividade, a nova normalidade obriga á cooperación e a coordinación mínima permanente en relación á proxección global da Xunta, mais tamén das cidades, as Universidades, as empresas, a industria cultural, as entidades sociais, as ONGD´s… Vivir hiperconectados cara fóra e desconectados cara dentro non semella a opción estratéxica máis avanzada.

Así as cousas propomos un proceso normalizador da acción exterior galega, que de coherencia, eficacia e eficiencia á inflación operativa e simbólica da acción internacional galega dos últimos anos. Racionalizándoa, convertendo o consenso arredor da máisvalía do perfil internacional de Galicia nun compromiso firme de actualización institucional e modernización da Autonomía, que ademais é unha das nacionalidades históricas do Estado no moi especial contexto constitucional do 78.

Neste proceso o papel de Galicia na reconstrución da UE, a incorporación de Galicia á CPLP (previsiblemente baixo a participación directa do Estado con cesión de protagonismo para Galicia) a reinvención da relación coa nova e vella diáspora (superar o enfoque asistencial), a nosa condición atlántica de centro do mundo europeo, ou a propia Década Xacobea poden ser eixos temáticos nos que ordenar, incidir e avanzar de maneira real.

Neste proceso normalizador da acción exterior de Galicia presentamos oito pasos operativos na procura deste obxectivo:

1. Creación da Consellería da Galicia global: Conformaríase desde a integración das actuais DX de Relacións coa UE e Cooperación ao Desenvolvemento, SX de Emigración, Axencia Galega de Turismo e Xacobeo.

Ao mesmo tempo, haberá que incidir na actualización e volta SX de Relacións coa UE e Cooperación, que debera asumir o impulso da Lei Paz Andrade e a relación coa lusofonía e a CPLP. Pasándose a chamar SX de Relacións Exteriores, EU-CPLP e cooperación.

Sendo a idea da creación da Consellería unha posibilidade real, mais provocadora no contexto de minimización actual, ollar unha vez máis a Euskadi e ao traballo da súa SX de Relacións Exteriores asociada á Presidencia pode ser un paso notable para avanzar.

2. Institucionalizar a Lei no Parlamento: Coas melloras arredor da obrigatoriedade da planificación e avaliación na Acción Exterior, a Lei debera aprobarse no Parlamento asumindo tamén partidas económicas específicas e previsibles.

3. Normalizar a Lei e desenvolvemento da EGAEX por medio de Plans Directores Estratéxicos: É preciso teimar na necesidade dun documento de programación reitor e avaliable, con indicadores e metas, para a política de acción exterior da Xunta de Galicia e a súa EGAEX correspondente, consultada e participada entre os axentes da acción exterior de Galicia. Non se trata de fetiche planificador se non de eficacia e transparencia democrática, e mínimos desde onde medir o que facemos, explicitando para que o facemos, desde a flexibilidade natural da acción internacional, sendo conscientes do noso raquitismo cuantitativo mais non simbólico e cualitativo.

4. Fortalecemento das capacidades de diagnóstico, estratexia e de creación dun pensamento exterior propio: Haberá que fortalecer ás entidades especializadas e de traxectoria no ámbito da paradiplomacia e as relacións internacionais, coma o caso do IGADI, así coma a relación coas Universidades e os axentes da sociedade civil com vontade de sumar na promoción dese perfil propio global achegando coñecemento específico. Dotarse de capacidades propias faise pertinente para asentar bases de traballo que vaian alén do puntual e que aposten por traballo de continuidade con capacidade de promover consensos e ecosistemas colaborativos no marco da nacionalidade histórica.

5. Revitalización do CAEX. Coordinación desde a Xunta de Galicia, institucións da Autonomía e a Sociedade civil: A paradiplomacia galega, o conxunto de actores da acción exterior de Galicia encabezado pola Xunta de Galicia, debe aspirar a ser un espazo de cooperación mínima permanente, na procura de plans de traballo estratéxicos de longo alcance, con vocación e mecanismo reais de participación. Cúmprelle á Xunta exercer como parte facilitadora na coordinación, colaboración e coherencia coa acción internacional das nosas cidades, deputacións, Universidades, empresas, entidades socioculturais... que xeneran as autopistas globais de información e relación física e tamén dixital no novo mundo online.

Por exemplo, as experiencias de éxito internacional coma as do Concello de Pontevedra, grupos de investigación punteiros da nosa Universidade, ou personalidades e asociacións da nova e vella diáspora, non poden vivir ailladas da acción exterior oficial galega.

6. Convocatorias públicas de subvencións de acción exterior harmonizadas: A necesidade de dar coherencia e impulsar desde a Xunta de Galicia as políticas públicas de acción exterior, coordinándoas desde os distintos departamentos envolvidos, precisan de medidas concretas de acompañamento co resto de actores da acción internacional galega, incentivando e reforzando eficacias e coherencias no noso ecosistema internacional entre as distintas convocatorias de subvención á internacionalización (IGAPE, AGAIN, Consellería de Cultura, Consellería de Mar, SX de Emigración….)

7. Comunicación, seguimento e avaliación da Galicia Global: A tendencia a ordenación débese acompañar dunha sistematización mínima de información e datos que doten de contido a toma de decisións para facer este seguimento operativo, cando menos en relación á axenda internacional de viaxes da Xunta de Galicia e o resto de actores da acción internacional galega, así coma as visitas a Galicia dos nosos socios internacionais. A propia Comunicación, seguimento e avaliación deberan ser partes esenciais de calquera EGAEX con ánimo de incidir na realidade.

8. Axenda 2030, Política exterior verde e feminista: Asumindo a Axenda 2030 como marco universal desde onde pensar o noso modelo de desenvolvemento, facer do enfoque medioambiental e de xénero ideas transversais e diferenciadoras do noso posicionamento na sociedade internacional achegará valor engadido aos nosos esforzos, incidindo en elementos críticos do desenvolvemento humano na próxima década, no mundo e en Galicia.

Coma conclusión ollando ao futuro reincidimos en que ordenar a acción exterior de Galicia na nova normalidade é o primeiro paso para racionalizar a actual fragmentación e dispersión dos nosos esforzos e orzamentos internacionais. Asumindo o novo contexto e a austeridade en marcha así coma a necesidade de primar a defensa dos sistemas de seguridade social, a pandemia ás portas dunha nova lexislatura, suma unha razón máis ás ordinarias para nos dotar dunha acción exterior á altura do mundo e do tempo en que vivimos.

 

Bibliografía

BEALL AND ADAM (2017) “Cities, prosperity and influence” BRITISH COUNCIL

CHICAGO’S COUNCIL OF GLOBAL AFFAIRS (2017) Chicago’s Global Strategy. A model for effectively engaging the world, COUNCIL OF GLOBAL AFFAIRS.

GARCÍA PÉREZ, RAFAEL (2014) “La proyección internacional de las Comunidades Autónomas en la Ley de la Acción y del servicio exterior del Estado: Autonomía territorial y unidad de acción de la política exterior”, Revista Electrónica de Estudios Internacionales.

IGADI (2019) Nós No Mundo 2010 “”

IGADI (2011) Nós No Mundo 2011  ¿Menos acción exterior para internacionalizarse máis?”

IGADI (2012) Nós No Mundo 2012 “Un modelo de acción exterior crible para encarar a crise”

IGADI (2013) Nós No Mundo 2013 “Autonomías con valados nun mundo sen fronteiras”

IGADI (2014) Nós No Mundo 2014 “No Mundo a medias”

IGADI (2015) Nós No Mundo 2015 “Unha acción exterior descapitalizada”

IGADI (2016) Nós No Mundo 2016 “A ruta da acción exterior de Galicia: do ambicioso Libro Branco a un pudoroso decreto”

IGADI (2017) Nós No Mundo 2017 “EGAEX Horizonte Nós No Mundo 2017 “EGAEX Horizonte Post-2020: Que rumbo?”

IGADI (2018) Nós No Mundo 2018 “A paradiplomacia galega e a globalización do local”

IGADI (2019) Nós No Mundo 2019 “A lusofonía, entre a Lei Paz Andrade e a EGAEX”

MÉNDEZ ROMEU (2018) “Informe sobre a política de acción exterior da Xunta de Galicia, Eixo Atlántico ediçoes.

RÍOS PAREDES, X. (2012) Nós no mundo, Unha política exterior para Galicia. Edicións Xerais

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade" Descarrégao aquí.


[1] La Voz de Galicia 20-4-2020 “El sector turístico gallego afronta pérdidas de 2.476 millones de euros: La pandemia se llevará por delante hasta 32.181 empleos de los 123.772 vinculados” 

ABC 2-5-2020 “Feijóo llama a «reinventar» el turismo, la «cara e imagen» de Galicia para salir de la crisis”

ABC  19-05-2020 “El coronavirus impacta en el comercio exterior que cae un 26,7% en marzo”

[2] Na prensa física e online do 20 de xullo de 2019 dase conta da presentación do Plan estratéxico do Xacobeo 2021 onde se anuncia a Década Xacobea, a énfase na dimensión global do acontecemento e os distintos eixos da próxima estratexia Galicia 2020. No mês de decembro de 2020 abríase o proceso formal de definición do Plan Estratéxico de Galicia 201-20230.

[3] Na secuencia 2010-2020 dos anuarios do IGADI arredor da acción exterior de Galicia, a publicación –Nós No Mundo perfila o modelo de acción exterior do Presidente Feijoo (ver Bibliografía ao final do texto, dispoñibles na web do IGADI).

[4]

LA VOZ DE GALICIA 30-04-2010, “Feijoo emprende un viaje relámpago a México con cuatro citas institucionales y con la emigración”

EL CORREO GALLEGO 30-9-2011 Feijóo ve "cero electoral" su viaje a México y Panamá

LA OPINIÓN, 18-4-2012, “La oposición exige a Feijóo que explique los motivos de su nuevo viaje a México”

EL CORREO GALLEGO, 12-4-2013 “El PPdeG defiende que Feijóo viaje a México "para atraer inversiones"

FARO DE VIGO, 13-3-2014, “Feijóo viaja a México y Panamá para "ahondar" en las oportunidades de negocio”

LA VOZ DE GALICIA, 14-2- 2015 “Feijoo anuncia en México incentivos para atraer inversiones a Galicia”

GALICIAPRESS 27-4-2018 “Feijóo empieza un viaje a México buscando nuevos contratos para el naval”

EL DIARIO 2020 “La aventura naval de Feijóo en México acaba envuelta en una espiral de investigaciones por corrupción”

[5] 30-6-2009 EUROPAPRESS 2009 “Un consejo asesorará a la Xunta sobre las estrategias de acción exterior para reforzar la imagen de Galicia”

[6] EL PAÍS 3-10-2013 “Feijóo usará como embajadores a los expresidentes de la Xunta”

[7] Pódense atopar boas aproximacións históricas ao desenvolvemento da historia da acción exterior da Autonomía na -Estratexia Galega de Acción Exterior de Galicia, coma no MÉNDEZ ROMEU (2018) “Informe sobre a política de acción exterior da Xunta de Galicia, Eixo Atlántico ediçoes. Ambos documentos dispoñibles en internet.

[8] A Lei, produto dunha Iniciativa Lexislativa Popular impulsada no 2012 polo reintegracionismo, movemento social que aspira a diluír as diferencias ortográficas entre galego e portugués, acabou por ser aprobada de maneira inesperada polo consenso de todos os grupos do Parlamento no 2014. No 2019, no quinto aniversario da súa aprobación realizamos o III Congreso de Estudos Internacionais “Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais” do que se poden atopar os vídeos de todas as Mesas na Universidade de Vigo Televisión.

[9] PRAZA 19-7-2018 “O ensino do portugués chega en Extremadura a seis veces máis alumnado ca en Galicia”

[10] Neste sentido nada máis visual como ver que o responsable da acción exterior do Partido Popular de Galicia é o actual SX de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda.

[11] EL IDEAL GALLEGO 4-2-2012 “La Xunta estudia usar la red diplomática estatal para ahorrar en la acción exterior”

[12] Nós No Mundo 2014 Á terceira non vai a vencida: a propósito do III Plan Director da cooperación galega ao desenvolvemento 2014-2017 Emilio M. Martinez Rivas

[13] Na secuencia dos anuarios arredor da acción exterior de Galicia “Nós no Mundo” pódese coñecer máis arredor da prodfundidade destas mudanzas.

Nós No Mundo 2010 “A Axenda Galega”

Nós No Mundo 2011 “¿Menos acción exterior para internacionalizarse máis?”

Nós No Mundo 2012 “Un modelo de acción exterior crible para encarar a crise”

Nós No Mundo 2013 “Autonomías con valados nun mundo sen fronteiras”

Nós No Mundo 2014 “No Mundo a medias”

[14] EL PAÍS 29-5-2010 “San Simón se convierte en la Illa do Pensamento”

[15]EL MUNDO 13—3-2014 “El Congreso aprueba la primera ley de acción exterior de la democracia” ou GARCÍA PÉREZ, RAFAEL (2014) “La proyección internacional de las Comunidades Autónomas en la Ley de la Acción y del servicio exterior del Estado: Autonomía territorial y unidad de acción de la política exterior”, Revista Electrónica de Estudios Internacionales.

[16] Nós No Mundo 2016 “A ruta da acción exterior de Galicia: do ambicioso Libro Branco a un pudoroso decreto”

[17] EUROPAPRESS 30-1-2020 “Galicia será la segunda comunidad con una ley de acción exterior, tras la catalana”

[18] O IGADI abstense no CAEX arredor da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento

Extracto da nota web do IGADI: “Nós aspiramos que a Lei sexa a porta a un salto de calidade, a unha política con orzamentos, avaliable, que procure indicadores do retorno da acción exterior. Que estimule a coordinación, o coñecemento e a innovación. Tamén previsible e  recoñecible como política pública de seu, dentro da necesaria  flexibilidade e capacidade de reacción para a xestión dos asuntos internacionais.”

[19] Un exemplo próximo e relevante para comprender e normalizar a nosa acción exterior pode ser o Plan Estratéxico Euskadi Basque Country 2018-2020.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais