A Axenda Urbana en Galicia

O 5 de febreiro a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) o Ministerio de Fomento e o Concello da Coruña organizaron un Seminario de presentación da Axenda Urbana española (AUE), o marco de referencia desde o que o municipalismo debe camiñar cara a Axenda 2030 e o cumprimento dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. O evento serviu para coñecer o estado de definición da AUE, que máis cedo que tarde pasará polo Consello de Ministros, coma unha das políticas chave para implementar a Axenda 2030 no Estado, tamén desde o poder local.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

O 5 de febreiro a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) o Ministerio de Fomento e o Concello da Coruña organizaron un Seminario de presentación da Axenda Urbana española (AUE), o marco de referencia desde o que o municipalismo debe camiñar cara a Axenda 2030 e o cumprimento dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. O evento serviu para coñecer o estado de definición da AUE, que máis cedo que tarde pasará polo Consello de Ministros, coma unha das políticas chave para implementar a Axenda 2030 no Estado, tamén desde o poder local.

A Axenda Urbana española é así a prolongación dese proceso aberto de planificación das cidades do futuro a nivel global, primeiramente filla da Axenda Urbana das Nacións Unidas (ONU Hábitat III, Quito 2016) mais tamén da Axenda Urbana da UE (Pacto de Amsterdam, 2016). Os tres documentos, aínda que de distintas natureza perseguen un mesmo fin, definir un proceso de planificación arredor do futuro das cidades para activar políticas públicas estratéxicas que nos capaciten para o S.XXI. Cada quen deberá operar dende as súas particularidades e desde os seus territorios, mais con retos semellantes e globais: a sustentabilidade ambiental, a competitividade económica do territorio, o crecemento inclusivo, o urbanismo compacto, a mobilidade e a enerxía....

Ademais de presentar o marco xeral da AUE, o Seminario do día 5 na Coruña serviu tamén para ver que a nova Axenda Urbana pode artellarse tanto en cidades grandes-intermedias, como A Coruña, ou pequenas coma Alfaro (La Rioja, menos de 10.000 hab). Así as cousas as Axendas Urbanas son procesos abertos a se localizar en territorios concretos, onde a chave do éxito recaerá, alén dunha boa diagnose e definición do plan de acción, na articulación dun modelo de gobernanza e cooperación entre institucións de distintos niveis competenciais, no que a sociedade civil e o tecido económico deberan participar. A ollada estratéxica do 2030 supera o cutopracismo dos ciclos electorais o que debera favorecer acordos amplos e follas de ruta cun mínimo común denominador.

En Galicia o proceso de pensar formal e procedimentalmente a nova Axenda Urbana global iniciouna o Eixo Atlántico desde o propio 2016, o que sen dúbida achega un valor engadido á futura implementación da Axenda en Galicia, ao partir dunha ollada compartida e complementaria para o sistema urbano galego-portugués. O documento da Axenda Urbana do Eixo Atlántico (que tamén se presentou no Seminario da AUE como a primeira axenda transfronteiriza europea) debera servir, en complementariedade coa AUE, coma punto de partida para localizar os ODS na Galicia urbana, onde se concentra xa o 70% da nosa poboación. A narrativa (e a operativa) de sermos unha cidade de 7 millóns de habitantes en 36 barrios é imprescindible para calquera ollada estratéxica que trate con coidado e intelixencia o noso territorio para o futuro.

Será despois das eleccións municipais deste maio de 2019 cando a Axenda Urbana comece a camiñar a pasos acelerados en Galicia. De non avanzar, será que de novo deixamos para máis tarde o urxente e necesario. A Xunta de Galicia pode ter un rol construtivo en todo isto. A Axenda 2030 de Nacións Unidas é unha oportunidade a todos os niveis.