Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 23 de Maio de 2013 Mansilla Blanco

A “balcanización” de Siria

Os intereses detrás da caída do réxime de Bashar al Asad traducen unha nova xeopolítica para Oriente Próximo

A cada vez mais evidente “rexionalización” da guerra civil siria suxire a posta en marcha dunha estratexia impulsada dende o exterior, e traducida na apertura dunha fase decisiva que dirimirá, con case total probabilidade, o equilibrio na balanza de forzas, tanto combatentes como políticas, con intereses en Siria. Tanto como intuír cal será o futuro do réxime presidido por Bashar al Asad, o epicentro desta estratexia está deseñada na configuración dun novo mapa xeopolítico para Oriente Próximo.

Os combates das derradeiras semanas e, principalmente, a implicación de actores externos nos mesmos, principalmente por parte de Israel, Turquía, Arabia Saudita, Catar, o movemento islamita libanés Hizbulá e, presuntamente Irán (tal e como acusaron esta semana os rebeldes sirios) certifican esta fase de “internacionalización” rexional do conflito sirio, un escenario moi probablemente impulsado dende Washington (obviamente co beneplácito israelí) coa probable intención de evitar que a presidencia de Obama véxase involucrada nunha intervención directa, matizándoa a través doutras vías “alternativas”.

Compre por tanto observar o peso cada vez maior de Israel na configuración dunha especie de “guerra quirúrxica de carácter preventivo”, mobilizada por diversos ataques aéreos “selectivos” contra forzas leais ao presidente Bashar al Asad, os cales igualmente teñen provocado vítimas civís.

Un territorio potencialmente arriscado destes combates focalízanse con cada vez maior intensidade nos Altos do Golán, fronteira de separación entre Siria e Israel controlada por Tel Aviv desde a guerra de 1967 e obviamente reclamada a súa soberanía por parte de Damasco. Nestes combates, o réxime sirio conta co apoio de Hizbulá. 

A “entente” Washington-Moscova

Ó mesmo tempo, resulta importante considerar a tramitación dunha especie de “entente” diplomática entre EUA e Rusia, consolidada trala visita a Moscova do Secretario de Estado John Kerry realizada o 23 de maio. Baixo o auspicio de Washington e Moscova, para xuño próximo está prevista a realización dunha Conferencia Internacional sobre Siria en Xenebra, na que participarán China, Rusia, EUA, Reino Unido, Turquía, a Liga Árabe, a ONU e a Unión Europea.

Neste contexto Washington espera consolidar este inédito apoio táctico de Moscova aos seus intereses en Siria. Velaí o seu apoio á recente xira europea de Moaz al Jatib, representante da Coalición Nacional das Forzas e da Revolución e a Oposición Siria (CNFROS), con énfase por consolidar a lexitimidade internacional dos rebeldes sirios. En marzo pasado, Kerry anunciou o beneplácito de Washington para que outros países, como Catar, armaran aos rebeldes sirios. Nos derradeiros meses, o goberno de Obama prometeu financiar con US$ 60 millóns á plataforma rebelde siria.

Un factor que probablemente define este inesperado cambio de posición de Rusia a favor dos intereses estadounidenses por acabar co réxime de Bashar al Asad teña que ver coa necesidade de Moscova de garantir con Washington un novo equilibrio militar e nuclear, en especial ante a perspectiva de que a ampliación do escudo antimísiles estadounidense pola periferia rusa ex soviética en Europa do Leste, Cáucaso e Asia Central, non supoña necesariamente unha ameaza para a doutrina de seguridade nacional que tenta impulsar o presidente ruso Vladímir Putin neste o seu terceiro período presidencial ata 2016.

No contexto sirio, Moscova busca a través desta “entente” con Washington, non alterar substancialmente a súa presenza no país árabe como principal socio militar, especialmente a través da base rusa de Tartus, localizada no Mediterráneo sirio. O evidente distanciamento de Putin co respecto a Bashar al Asad sería, neste sentido, unha hipotética “moeda de cambio” determinada polas presións de Washington para alterar este apoio ruso a Bashar que, tanxencialmente, implique un bloqueo a Irán.

Un “eixe sunnita”-israelí?

Pero a cada vez mais directa implicación militar israelí e o tácito apoio desta por parte de Obama, aborda escenarios contrastantes que poden estar eventualmente deseñando unha nova xeopolítica rexional. Israel insírese así dentro dunha especie de “eixe sunnita” eventualmente conformado por Arabia Saudita e Catar(1), países árabes que non recoñecen ao Estado israelí. A este eixe súmase Turquía, membro da OTAN, aliado estratéxico e militar israelí desde 1996 e que fora o primeiro país musulmán en recoñecer a existencia do Estado de Israel en 1949.

Este hipotético “eixe sunnita” do que Israel formaría indirectamente parte, prové de apoio loxístico e militar ao heteroxéneo Exército Sirio de Liberación (ESL), plataforma conformada por un mosaico de actores, partidos e movementos cuxo único interese unificado estriba na caída do réxime de Bashar al Asad e da preponderancia da comunidade aleví en Siria. Polo contrario, os intereses dos denominados “rebeldes sirios” obedecen a diversos (e non exactamente unificados) sectores políticos, relixiosos, laicos e étnicos, cunha implicación exterior sumamente aberta, especialmente por parte das “petromonarquías” do Golfo Pérsico e tacticamente de EUA e os seus aliados europeos.

Este eventual e hipotético “eixe sunnita” confrontaríase a unha especie de eixe “xiíta” e incluso “aleví” conformado por Siria, Hizbulá e Irán. Para moitos historiadores do Islam, a confrontación entre “sunnitas” e “xiíta” revela a dinámica dos conflitos políticos e relixiosos existentes no mundo árabe e islámico, unha perspectiva que estaría cobrando forza dentro do acontecer da guerra civil siria.

Nos derradeiros anos, os “falcóns” e os seus lobbies existentes en Washington, Tel Aviv e outros aliados rexionais como Turquía, esméranse en identificar a este “eixe xiíta” como a principal ameaza para a estabilidade e a pacificación en Oriente Próximo. Desprazada a eventual “ameaza iraquí” presentada no desaparecido réxime de Saddam Hussein, o epicentro dos temores destes sectores “militaristas” está claramente identificado en Irán e a súa potencialidade xeopolítica rexional, con clara incidencia en Siria, Líbano e Palestina.

Por tanto, os ataques “preventivos” israelís en Siria constituirían unha especie de apéndice e advertencia dentro do pulso que EUA e Israel levan adiante contra o programa nuclear iraniano. Así, estes ataques israelís servirían como medida de persuasión e presión cara Irán, país que celebrará eleccións presidenciais a mediados de xuño, cuxo contexto segue a potenciar a fortaleza do réxime dos aiatolás cada vez mais determinado polo poder da Garda Revolucionaria Islámica, auténtica forza pretoriana cunha influencia decisiva dentro da política iraniana.

Resta observar se a conxunción de intereses entre Israel e países árabes como Arabia Saudita e Catar dentro da guerra civil siria finalmente certifique unha especie de táctico recoñecemento, incluso de feito, por parte destes países árabes a Israel. Aquí se traduciría o principal cambio xeopolítico derivado da guerra civil siria, unha perspectiva amplamente defendida dende Washington e que igualmente contaría co tácito apoio de Turquía.

Cordón sanitario” contra Teherán

De eventualmente confeccionarse esta paridade de intereses entre Arabia Saudita, Catar e Israel, estaríamos asistindo a unha remodelación do mapa xeopolítico de Oriente Próximo. Con Turquía, Exipto e Xordania como únicos países da rexión que recoñecen a Israel, Tel Aviv buscaría afogar ao réxime sirio e influír no futuro dese país  confeccionado unha especie de “cordón sanitario” con clara incidencia por illar a Irán e os seus aliados rexionais, sendo estes Hizbulá, o movemento islamita palestino Hamás e os movementos xiítas en Iraq.

As potencialidades deste “eixe sunnita” dentro da guerra civil siria expándese igualmente na veciña Líbano, país que en 2005 logrou a retirada militar definitiva das tropas sirias aínda que non exactamente desprazando a influencia de Damasco na política libanesa.

Dende entón, Arabia Saudita e Catar veñen deseñando unha esfera de influencia moi importante en Beirut que, ata o espallamento da guerra civil siria a comezos de 2011, contou curiosamente co tácito apoio de Damasco na configuración de gobernos libaneses con paridade de poderes por parte das comunidades confesionais e étnicas, así como da cada vez maior preponderancia do Hizbulá. Este pacto tácito entre Damasco e Riad(2) rompeuse definitivamente a partir de 2011, coa implicación saudita na guerra civil siria.

En marzo pasado, a caída do goberno libanés dirixido polo primeiro ministro Nayib Mikati e o posterior nomeamento de prosaudita Tamman Salam como novo xefe de goberno evidencia este novo equilibrio de poderes en Beirut, coa atención directamente concentrada na evolución dos acontecementos en Siria. Así e todo, e se ben Salam amosa unha posición abertamente favorable aos rebeldes sirios, tenta manter contactos e relacións co Hizbulá, abertamente o árbitro decisivo da política libanesa(3).

“Desintegrar” Siria e Iraq

Con Siria e Líbano na recámara, non se debe esquecer a cada vez maior inestabilidade e convulsión que vive a veciña Iraq(4), que vive desde 2003 un sinuoso conflito interno entre diversas comunidades relixiosas e étnicas que pode verse atizado polas repercusións rexionais da guerra civil siria.

A ONU denunciou un retorno da violencia política en Iraq aducindo que en abril pasado un total de 700 civís morreron(5) vítimas de atentados e enfrontamentos sectarios. A rivalidade “sunnita-xiíta” cobra unha importancia capital en Iraq, con especial incidencia na penetración saudita e iraniana. Do mesmo xeito, están en xogo os intereses de Turquía e Israel co respecto é eventual conformación dun Estado curdo ao Norte de Iraq, que certificaría a desmembración territorial iraquí.

Con isto, non se debe esquecer a influencia de Al Qaeda en Iraq, en especial trala recente formación da Fronte Al-Nursa en Siria con directa implicación e incidencia en Iraq. Finalmente está a necesidade de EUA de garantir a estabilidade dun Iraq post-Saddam institucionalmente debilitado, politicamente volátil e perigosamente inestable ante a retirada militar estadounidense.

Baixo esta perspectiva, os movementos xeopolíticos que se están a desenvolver actualmente en Oriente Próximo eventualmente focalizan unha especie de desintegración política e territorial de Siria e Iraq, con especial incidencia na posible conformación de “bantustanes” determinados polos intereses de diversos actores involucrados. Con isto, a “balcanización” rexional con epicentro en Siria estaría dando curso a unha nova xeopolítica rexional.

O “protectorado turco”

Precisamente, Turquía está directamente implicada no conflito sirio tomando en conta non só a proximidade xeográfica e a crise humanitaria de refuxiados sirios dentro do seu territorio, senón como unha especie de laboratorio estratéxico que eventualmente pretende recrear unha especie de “protectorado turco”(6) dende o Norte de Iraq ata as fronteiras sirias no Mediterráneo.

Aquí entran en consideración intereses de índole estratéxico para Ankara, tanto de carácter xeopolítico como enerxético: por unha banda, neutralizar ou ben “domesticar” a eventualidade dunha “autonomía curda” entre as comunidades curdas en Siria e Turquía e o Curdistán iraquí, un escenario de perspectivas incertas debido á férrea oposición por parte dos sectores militares e ultranacionalistas turcos así de diversas rivalidades existentes entre os clans políticos curdos co respecto ao proceso de negociación recentemente impulsado por Ankara.

Por outra banda, e como proxecto mais de carácter estratéxico que consolidaría o papel de Turquía nun eventual “novo Oriente Próximo”, estaría a conformación dunha especie de “corredor enerxético” que permita a creación dunha rede de distribución de petróleo, gas natural e incluso potencialidade hidráulica dende o Mar Caspio ata o Mediterráneo, así como das represas hidráulicas na confluencia dos ríos Tigris e Éufrates entre o sur de Turquía (o Curdistán turco), o Norte de Iraq (o Curdistán iraquí) e Siria.

Esta eventual conformación de redes de distribución petroleira, gasífera e hidráulica con epicentro en Turquía, supón igualmente un aval de interese para Israel. As recentes puxas polo control da Zona Económica Exclusiva en torno ao Mediterráneo Sur, con epicentro en Chipre, corresponde igualmente a estes intereses turcos e israelís. Velaí os recentes esforzos do presidente Obama por propiciar o entendemento entre Ankara e Tel Aviv, trala crise bilateral acaecida entre ambos países desde 2009, razón pola que os efectos colaterais da guerra civil siria implica unha realpolitik de achegamento entre Turquía e Israel.

En definitiva, está en curso a “balcanización” de Siria e a confección dun novo mapa xeopolítico en Oriente Próximo, colocando a Israel e Turquía e, con menor incidencia, ás “petromonarquías” do Golfo Pérsico, como novas potenciais rexionais coa perspectiva de asestar un duro golpe xeopolítico a Irán e, indirectamente, a China, actor exterior que ven ampliando a súa diplomacia en Oriente Próximo. Neste baile de intereses, EUA e Rusia moven igualmente as súas fichas, polo de agora acordadas nunha inesperada “entente” de incertas consecuencias para a rexión.

 

CITAS BIBLIOGRÁFICAS: 

(1) Para observar esta inédita conformación de intereses tácitos de Israel e o “eixe sunnita” en Siria, recoméndase consultar o artigo de GARCÍA GASCÓN, Eugenio, “Aliados para intervenir en Siria”, Brecha (Uruguai), Nº 1.433, 10 de maio de 2013.

(2) Consultar o artigo de VARO J. Laura, “Libano, ese huérfano”, Brecha (Uruguai), Nº 1.433, 10 de maio de 2013.

(3) Ibid.

(4) COCKBURN, Patrick; “The civil war in Iraq has already begun': Politician claims conflict has started and warns it will be ‘worse than Syria”, The Independent (Gran Bretaña), 2 de maio de 2013. Ver en: http://www.independent.co.uk/news/world/middle-east/the-civi...

(5) Ibid.

(6) Para considerar os intereses turcos na conformación dunha especie de esfera de influencia “neotomana”, consultar o artigo “Asad pone a prueba a Erdogan”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 842, 20 de maio de 2013, páxina 6.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais