Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 23 de Xaneiro de 2014 Mansilla Blanco

A chave de Teherán

O pacto nuclear entre Irán e o G5+1 abre diversos escenarios xeopolíticos chave para Oriente Medio

A entrada en vigor o pasado 20 de xaneiro do acordo nuclear entre Irán e o G5+1, que levou á suspensión do enriquecemento de uranio durante seis meses e a o tácito acordo para as inspeccións da AIEA, engadido ás presións finalmente infrutuosas sobre a eventual participación de Teherán nas conversacións de paz en Siria retomadas esta semana en Xenebra, son variables que permiten determinar o cada vez maior peso de Irán como epicentro estratéxico no pulso de contrapesos que, con cada vez maior evidencia, están reconstituíndo o mapa xeopolítico de Oriente Medio. Sen menoscabar as incertezas sobre este novo escenario e os alcances destes contrapesos, o momento actual anuncia unha súbita recomposición de posicións para Irán, especialmente de cara a rivais rexionais como Israel e Arabia Saudita, e unha expectante política por parte de actores externos, principalmente EUA e Rusia.

Este novo escenario, identificado nunha especie de “entente disuasiva” entre Occidente e Irán, moi probablemente modificará os parámetros tradicionais da convulsionada xeopolítica de Oriente Medio. Os alcances do pacto nuclear subscrito en novembro pasado entre Irán e o G5+1, conformado por EUA, Alemaña, Francia, Gran Bretaña, Rusia e China, permitiron esta semana que Teherán iniciara o primeiro paso deste acordo para suspender o proceso de enriquecemento de uranio ao 5% e diluír ao 20% o existente nas súas centrifugadoras.

Precisamente, a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) anunciou esta semana que Teherán xa comezou a desconexión dalgunhas centrifugadoras, principalmente a de Natanz, motor principal do seu programa nuclear. No fondo está en xogo unha importante saída para as sancións internacionais que sofre Irán desde que en 2003 acelerou o seu programa de enriquecemento de uranio.

As inspeccións da AIEA nos próximos días verificarán a posta en marcha dunha axuda económica valorada de US$ 4.200 millóns prometida a Teherán, que paulatinamente incrementarase aos US$ 100.000 millóns en caso de constatarse a conxelación completa do seu programa nuclear.

O pacto de Xenebra

Pero todo isto parece máis ben afirmar unha aposta xeopolítica do presidente estadounidense Barack Obama para disuadir a Irán con beneficios económicos en caso de lograr paralizar un programa nuclear que crea gran controversia na rexión, principalmente con respecto a Israel e Arabia Saudita, os dous principais rivais iranianos en Oriente Medio e no Golfo Pérsico.

Todo isto sen menoscabar o efecto desta política de Obama cara outras potencias rexionais, como Turquía e Exipto, aínda que esta última case “fora de xogo” polos seus problemas internos tralo golpe militar de xullo de 2013 e a polarización do seu actual proceso constituínte.

Este proceso de disuasión cara a Irán ten outra vertente que definirá a consistencia política interna do actual presidente, o clérigo moderadamente reformista Hassan Rohaní, electo en xuño de 2013.

Aínda que a momentánea parálise do programa nuclear reverterá no acceso a fondos e beneficios económicos para unha economía iraniana sumida nunha forte crise polas sancións internacionais e as limitacións de Teherán ao acceso e expansión de mercado petroleiro e de gas natural, o mesmo supón calibrar os seus efectos na política interna iraniana, tomando en conta a tradicionalmente intransixente posición da Garda Revolucionaria Islámica, detentora do control do programa nuclear e auténtico “corpo pretoriano” dentro da estrutura teocrática de poder en Irán, cun incuestionable peso político, militar e económico.

Un dos principais enigmas do pacto nuclear entre Irán e o G5+1 é saber cómo interpretará en realidade a Garda Revolucionaria os alcances do mesmo, xa que este pacto constata o control e vixilancia da AIEA deste programa nuclear. Por tanto, é moi posible que o factor de equilibrio estea máis ben en mans do Gran Aiatolá Alí Jamenei, quen nos últimos meses abandonou a intransixencia para apostar pola diplomacia de Rohaní, principalmente de cara a Washington. Pero os próximos meses serán decisivos para calibrar tanto o alcance das negociacións coa AIEA e o G5+1 como en observar os pulsos e contrapesos na dinámica interna de poder en Teherán.

Dilemas en Siria, certezas en Iraq

Con todo, non resulta descartable especular co feito de que o pacto nuclear con Irán posúe unha cláusula tácita de carácter xeopolítico, principalmente deseñada dende Washington, obviamente co aval iraniano. Tralo fracaso de Obama por levar a cabo un ataque unilateral contra Siria en setembro pasado, finalmente desestimado pola rápida acción diplomática rusa para alcanzar un compromiso de acordo co réxime de Bashar al Asad, Washington especulou durante meses coa necesidade de incluír a un actor estratéxico como Irán no complicado mosaico de conflitos en Siria.

Esta semana, o Grupo Amigos de Siria volveu a poñerse en marcha para levar a cabo negociacións (o proceso Xenebra II) orientadas a posibilitar solución negociada do conflito. Estas conversas, impulsadas por EUA e Rusia, presentaron agudos niveis de polarización e ataques recíprocos entre representantes do goberno e da oposición siria, deixando entrever a práctica imposibilidade dun acordo a curto prazo.

Trala audaz pax rusa de setembro, o réxime de Bashar al Asad logrou conservar e ata avanzar en posicións estratéxicas, toda vez a heteroxénea oposición siria, moi polarizada e ata ameazada internamente pola fortaleza de grupos yihadistas e a rede de Al Qaeda en Siria e Iraq, móstrase frustrada pola acción diplomática rusa, a consistencia do réxime de Bashar al Asad (malia a perda de control de diversas rexións en mans rebeldes) e a certificación de que Washington xa non vai optar por unha acción militar unilateral.

A renovación das conversacións de paz para Siria igualmente polarizou as  controversias ante a pretensión inicial de incluír a Irán nas negociacións. Os rebeldes sirios, cuxa base de operacións políticas atópase practicamente en Ankara (Turquía), opóñense radicalmente á inclusión iraniana, tomando en conta que Teherán é un tradicional aliado do réxime sirio así como de Rusia. Estas presións finalmente persuadiron á ONU a rexeitar a petición de invitación a Teherán a participar en Xenebra II, un aspecto que igualmente foi percibido como unha sutil presión por parte de Washington ante a certificación de que Irán anunciara a súa intención de acudir ao cumio de Xenebra II “sen precondicións”, un sinal de que non aceptaría (cando menos non facilmente) unha rápida transición post-Bashar en Siria.

Con todo, Obama xoga en dúas bandas. O pacto nuclear con Irán e a promesa do alivio de sancións económicas cara ao país persa parecen estar diametralmente asimilando a posibilidade de colocar a Irán como un actor chave para os intereses estadounidenses e, por tanto, occidentais. No entanto, é posible que a negativa de aceptar a Teherán no cumio pola paz en Siria poida provocar maiores riscos para Occidente á hora de solucionar a guerra civil siria

Neste sentido, a realpolitk e o pragmatismo cara Teherán pode prevalecer nas futuras negociacións. Irán e EUA están acordando intereses comúns en escenarios tensos que volven mostrar a súa convulsión, como é o caso de Iraq, país que irá a eleccións parlamentarias en abril baixo unha renovación da violencia sectaria, tal e como se vén vivindo recentemente na cidade de Faluya.

O caos de Faluya, onde forzas iraquís que contan con apoio loxístico estadounidense e o tácito respaldo da comunidade xiíta, principal bastión de poder de Teherán en Iraq, demostra os intentos por deter calquera pretensión do grupo Al Qaeda en Siria e Iraq por concretar unha especie de “correa de transmisión” na cada vez máis porosa fronteira sirio-iraquí, colocando a Faluya como epicentro dos ataques.

Liña directa entre Washington e Moscova

Por tanto, Washington, contando co tácito apoio ruso, parece decidido a formalizar unha nova concepción de intereses en torno a Irán a través do pacto nuclear e da eventual concreción de intereses comúns en torno á posición xeopolítica de Teherán en Siria e Iraq.

É igualmente probable que as tensións bilaterais entre Washington e Moscova  polo “caso Snowden” e a iniciativa rusa de deter un ataque unilateral estadounidense en Siria, deriven nunha nova realpolitik entre Rusia e EUA, na cal Washington parece persuadido a gañarse o apoio ruso en Oriente Medio a cambio dunha paralización (ou en todo caso diminución) da intromisión estadounidense na periferia ex soviética, tal e como se está observando coa crise política que vive Ucraína desde finais de 2013.

O contexto actual parece clarificar a perspectiva dun reacomodo de intereses entre Obama e o presidente ruso Vladimir Putin tralo “caso Snowden”. O notorio distanciamento de Washington cara á crise ucraína parece anunciar que EUA xa non parece convencido a xogar con forza e apostar (cando menos polo momento) todas as súas cartas xeopolíticas no complicado xadrez da periferia rusa ex soviética. Con isto, Moscova avanza na súa pretensión por concretar para 2015 unha Unión Económica euroasiática coa visible pretensión por recuperar a súa influencia na periferia ex soviética, afastando a intromisión occidental en Europa Oriental e no Cáucaso, así como potencialmente de China en Asia Central.

Precisamente, outro aspecto que evidencia esta nova realpolitik entre Washington e Moscova ten que ver coa próxima inauguración en febreiro dos Xogos Olímpicos de Inverno en Sochi (Rusia). Washington apenas premeu a Moscova en materia de dereitos civís e do notorio deterioro da democracia rusa, toda vez observa cómo Putin está buscando recuperar posicións no espazo euroasiático. Esta especie de pacto tácito ruso-estadounidense igualmente parece formar parte do tácito apoio que Putin recibe de Obama á hora de repeler a constante ameaza do terrorismo separatista checheno e do yihadismo caucásico que se cerne sobre estes xogos de Sochi.

Compre por tanto especular se Ucraína sexa, aos ollos de Obama, unha especie de “moeda de cambio” para obter unha tácita aceptación rusa da nova política de Washington cara a Irán, a cal hipoteticamente beneficiaría aos intereses rusos en Oriente Medio. Precisamente, Rusia, India e China son os actores externos que máis se beneficiaron coa persistente política de sancións de EUA e Europa cara Irán, especialmente en materia de importación petroleira e transferencias financeiras(1).

Xunto ao réxime sirio, Putin é un dos propulsores da inclusión iraniana nas negociacións de paz en Siria, aínda que está por ver cal será a posición de Moscova ante a pretensión estadounidense de abrir o mercado enerxético iraniano ás multinacionais estranxeiras, aparente “cláusula indirecta” do pacto nuclear con Irán que oficialmente inaugurouse esta semana.

¿Un eixe saudita-israelí?

A audaz iniciativa diplomática de Teherán tralo pacto nuclear e a concreción de intereses entre Rusia e EUA colocan nun grave dilema a dous actores estratéxicos como Israel e Arabia Saudita, tradicionais aliados estadounidenses cuxas fricciones con Washington intensificáronse ante os recentes acontecementos en Oriente Medio.

A pesar dos estratéxicos nexos políticos, militares e económicos, Obama parece persuadido a observar que unha inalterable política de suxeción de Washington aos intereses israelís en Oriente Medio resulta contraproducente para os intereses estadounidenses na rexión.

A crise exipcia ha evidenciado os riscos dunha política de dobre vara de medir onde Washington tentou inicialmente congraciarse coas demandas de democratización da cada vez máis atomizada Primavera árabe, incluso achegándose ao islamismo político a través da actualmente perseguida Irmandade Musulmá exipcia, colocando así en risco os intereses estratéxicos de aliados tradicionais como Israel e Arabia Saudita.

Velaí que o golpe militar exipcio de xullo pasado, amplamente celebrado por israelís e sauditas temerosos de observar o eventual fortalecemento do islamismo político como elemento contestatario e, especialmente, polo fugaz achegamento da Irmandade Musulmá a Irán, colocou a Washington ante serios dilemas. O actual proceso constituínte en Exipto, iniciado a semana pasada, está confirmando a preservación do status quo post-Golpe, co xeneral Fatah al Sissi á fronte do poder e coa represión sistemática cara á Irmandade Musulmá.

Con todo, o xogo de intereses que Obama intenta agora aplicar a Irán, coa pretensión de propiciar un clima de distensión que permita a Washington afianzar unha nova xeopolítica en Oriente Medio, supón un claro toque de atención cara a Israel e Arabia Saudita. Curiosamente, un resultado colateral de todo isto pode resultar nun histórico e inédito achegamento israelí-saudita, o cal pode tamén presentar notorios cambios na xeopolítica rexional.

Arabia Saudita, principal rival iraniano no Golfo Pérsico, está convencido de que un ascenso de Teherán como líder do mundo xiíta en Oriente Medio (Iraq, Siria, Líbano, Palestina, Exipto), supón directamente unha ameaza ao mundo árabe(2), tomando en conta a maioría da comunidade sunnita. Sen realizar estritamente este cálculo, Israel observaría unha concreción de intereses con Arabia Saudita co respecto a Irán, aducindo os riscos para a súa seguridade por parte do programa nuclear iraniano así como a implicación de Teherán a través dos seus intereses en escenarios conflitivos de países árabes fronteirizos con Israel, como Siria e Líbano, principalmente.

Pero no fondo, os temores israelís focalízanse na súa súbita perda da absoluta e exclusiva influencia na concreción de pautas para a política exterior estadounidense en Oriente Medio, tomando en conta a política de disuasión de Obama cara Irán. A mesma igualmente inflúe cara outros actores con fortes intereses na rexión, como Turquía e Catar, tradicionalmente aliados de Washington pero que nos derradeiros tempos apostaron por unha política mais autónoma que pode ver desprazada a súa influencia ante a recomposición de intereses de EUA e iniciativa de Irán por calibrar os seus intereses xeopolíticos.

Non obstante, todas estas variables e os seus hipotéticos escenarios estarán igualmente determinados polo principal test político para Obama neste 2014, que serán os comicios de renovación do Congreso e dun terzo do Senado para novembro próximo. A perspectiva dunha bicefalia de poder en Washington, cun Congreso probablemente en control dos demócratas e dun Senado que eventualmente podería caer en mans dos republicanos, persuade a Obama a acelerar unha nova política en Oriente Medio, toda vez os lobbies israelí e saudita en Washington poden buscar apostar por sectores máis radicais dentro dos republicanos.

En perspectiva, Obama busca afianzar un legado histórico en política exterior colocando a Irán como epicentro dunha nova realpolitik para Washington en Oriente Medio. Pero a chave semella estar mais ben na dinámica interna de poder en Teherán e de cómo estes recentes cambios na rexión influirán na definición e concreción dos intereses iranianos.

 

 



(1) “La política exterior iraní en tiempos de Hasan Rohaní”. Entrevista con Davoud Hermidas Bavand, ex ministro iraniano de Exteriores, en Afkar Ideas (España), Nº 40, Inverno 2013-2014, p. 12.

(2) Ibid, p. 13. 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais