A China de Xi Jinping

Xi Jinping accedeu á secretaría xeral do Partido Comunista da China (PCCh) a finais de 2012, relevando a Hu Jintao. Os catro anos que leva de mandato veñen marcados por un intenso profundamento do proceso de reforma e apertura iniciado en 1978 a instancias de Deng Xiaoping.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Xi Jinping accedeu á secretaría xeral do Partido Comunista da China (PCCh) a finais de 2012, relevando a Hu Jintao. Os catro anos que leva de mandato veñen marcados por un intenso profundamento do proceso de reforma e apertura iniciado en 1978 a instancias de Deng Xiaoping.

Os eixes fundamentais sobre os que discorre este novo impulso son dous. Dunha banda, a transición cara un novo modelo de desenvolvemento que asegure tanto a culminación da modernización económica do país como o logro dun elemental estado de benestar superando boa parte dos efectos nocivos da primeira etapa dun proceso caracterizado por un alto crecemento pero de baixa calidade e con graves efectos secundarios (desde o aumento das desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais ata o deterioro ambiental). Doutra, a reafirmación dunha vía propia que preserve a soberanía do país.

En ambos os dous casos, tanto para preservar a soberanía nacional evitando un enfeudamento aos intereses occidentais como para garantir a singularidade do seu sistema político, a acción política de Xi Jinping centra as enerxías na salvagarda do liderado do PCCh. A fin de contas, iso explica a contundencia da campaña contra a corrupción, dunha intensidade nunca vista na China, acompañada do rexurdir dunha mestura de confucianismo-maoísmo orientado a reivindicar as bondades éticas do exercicio público, como tamén a asegurar a preeminencia do PCCh en todas as áreas esenciais do sistema. É así que nos últimos tempos asistimos a un intenso proceso de re-ideoloxización e re-partidirización das principais instancias do Estado: dende o Exército ás empresas estatais, dende as administracións públicas aos medios de comunicación, os medios académicos e universitarios, etc.

Nas sucesivas vagas de reformas destes últimos anos, fóronse adoptando iniciativas que no económico, por exemplo, teñen salientado un maior papel do mercado e da economía privada mantendo ao mesmo tempo un elo determinante para o Estado e o sector público en todas as cuestións económicas. Igualmente, deuse prioridade á conformación dun Estado de dereito (ou con Dereito) que mais que achegarse á formulación occidental procura actualizar a tradición lexista presente na súa milenaria historia. Por último, o XIII Plan Quinquenal debe preservar a consecución dos obxectivos establecidos para o primeiro centenario do PCCh (2021). Na última sesión do Comité Central, celebrada en outubro pasado, o centro de atención derivou cara o propio Partido, invocando a importancia da lealdade e da disciplina recoñecéndose implicitamente que o maior problema hoxendía radica na parálise da maquinaria burocrática.

Nas relacións exteriores, como na defensa, Xi Jinping, tense conducido de forma moito mais asertiva ca os seus predecesores. Atrás queda a vella idea de Deng de “non portar a bandeira  nin encabezar a onda”. A China de Xi, consolidada na súa posición como segunda economía mundial, nun contexto de persistencia da crise global e de incremento da tensión estratéxica tras negarse a secundar o G2 proposto por EUA, afirma sen complexos a súa vocación de conformar un polo de poder autónomo. Dunha banda, primando a economía como vertixe esencial do incremento da súa influencia; doutra, salvagardando os seus intereses estratéxicos sen concesións á ambigüidade, o cal esperta reservas en non poucos casos. A Franxa e a Ruta, o BAII, os BRICS, a OCX, etc., os foros establecidos coas principais rexións do mundo, dan conta dunha nova realidade emerxente que a pesar dos seus altibaixos vai tomando corpo mentres a incerteza apodérase do mundo occidental trala vitoria de Donald Trump.

Recentralización e crises territoriais

A recentralización do poder político e da autoridade é un dos signos esenciais do mandato de Xi. O control do goberno central sobre os entes locais acentuouse nestes anos, modificándose moitas das normas internas e incrementándose substancialmente a supervisión. En paralelo, as crises territoriais viven momentos á alza. Mentres en Tibet persiste unha tensa calma, en Xinjiang, a pugna adquire signos de fractura. Noutra orde, en Hong Kong medra o sentimento antichinés, especialmente entre a mocidade. Por último, Taiwan, hoxe baixo goberno do soberanista Minjindang, promove o afastamento do continente.

No segundo semestre do próximo ano terá lugar o próximo congreso do PCCh no marco dunha moi ampla renovación dos seus equipos dirixentes. Son moitas as especulacións que o rodean. E moi fino deberá fiar Xi Jinping para preservar a estabilidade interna e tirar proveito da oportunidade estratéxica que China encara nestes anos.