A China do social

Chegaron ao seu remate as sesións parlamentarias chinesas, excepcionais en moitos aspectos este ano por mor da pandemia que está deixando tras de si pegadas moi importantes na economía e na sociedade de todo o mundo; e tamén polo incremento exponencial da tensión xeopolítica cos EUA en razón do crecente gansterismo diplomático da Administración Trump.

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Palabras chave China APN Lianghui social
Idiomas Galego

Chegaron ao seu remate as sesións parlamentarias chinesas, excepcionais en moitos aspectos este ano por mor da pandemia que está deixando tras de si pegadas moi importantes na economía e na sociedade de todo o mundo; e tamén polo incremento exponencial da tensión xeopolítica cos EUA en razón do crecente gansterismo diplomático da Administración Trump.

Se observamos dende fóra, todo semella pasar polas espadas en alto en Hong Kong, o incremento do gasto en defensa ou a falta de concreción nos obxectivos de crecemento económico; sen embargo, se observamos dende dentro, sen quitar importancia a esas cuestións, un destacable ignorado é a resolución de apostar firmemente polo social en resposta ás incertezas globais. Isto maniféstase na relevancia outorgada ao mantemento e creación de emprego ou á consecución dos obxectivos de erradicación da pobreza extrema ou á construción dunha sociedade do benestar.

Son ben coñecidas as contradicións existentes na China a este nivel. A segunda economía do mundo, gobernada por unha formación política que se autoproclama de inspiración comunista e fiel ao seu mandato fundacional, exhibe un IDH que a remite á posición 86 (66 se medimos en termos de PIB per cápita) do ranking global. O índice Gini rolda o 0,46. Se ben as desigualdades téñense moderado nos últimos anos, é moito aínda o que resta por mellorar. E  niso semellan estar, coa mirada posta nas próximas tres décadas.

A pesar da caída do 6,8 por cento do PIB no primeiro trimestre e a expectativa de medrar arredor dun 1 por cento en todo o exercicio, mantéñense os compromisos de desenvolvemento, incluído o de dobrar en 2020 o ingreso per cápita con respecto aos niveis de 2010. Na cuestión da pobreza extrema, diminuíu en 2019 en 5,51 millóns de persoas. Nos últimos 7 anos, oficialmente, reduciuse en máis de 93 millóns. Pero a pandemia provocou un rebrote dunhas 380.000 persoas. E case 2 millóns dos que saíron dela corren serio perigo de recaer ao igual que outros 3 millóns de poboación marxinal. Un reto, por tanto, de enorme calibre ao que nula atención se presta dende o exterior. Non obstante, China podería alcanzar con 10 anos de anticipación este obxectivo da Axenda 2030 da ONU.

Cando Deng Xiaoping alentou a reforma chinesa sentenciando o fin do igualitarismo maoísta, recoñeceu a imposibilidade de acadar un enriquecemento simultáneo de toda a poboación: colectivos e rexións poderían ir por diante asumindo o compromiso de tirar polos demais a través dun orixinal modelo de parcerías internas. As décadas dos oitenta e noventa, que permitiron un salto exponencial no proceso de acumulación chinés, trouxeron consigo unha exacerbación brutal das desigualdades que só no novo século, coa “sociedade harmoniosa” de Hu Jintao, comezou lentamente a se corrixir. Cando en 2021 o PCCh celebre o seu primeiro centenario, sen dúbida nos recordará a todos que en 1949 eran 500 os millóns de pobres naquela China en desfeita que poñía rumbo firme e soberano cara a modernización.

Acompañar este compromiso dunha mellora da acción pública en materia de ingresos, de vivenda, de educación, saúde e doutros servizos públicos esenciais, representa unha obriga moral e política pero tamén un mandato inescusable para transformar o modelo de desenvolvemento, situando o social á par da vangarda tecnolóxica ou a mellora ambiental como piares dese cambio que tanto algúns temen no Occidente. Porque de pouco val ser un país no cume da riqueza se a maioría da sociedade, a fin de contas, sobrevive á marxe dela.