Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública 13 de Xuño de 2013 Alvarado Roales

A conferencia da derradeira oportunidade para Siria

Todas as esperanzas da comunidade internacional para atopar unha solución pacífica ao conflito sirio pasan pola conferencia internacional Xenebra II, que xa é cualificada como a "reunión da derradeira oportunidade". Estados Unidos e a Unión Europea, con Francia á súa fronte, actívanse para que o cónclave abra a porta a unha solución pacífica a un conflico que ten deixado xa máis de 94.000 mortos, segundo Nacións Unidas. Inicialmente prevista para xuño, Xenebra II celebrarase ao longo do mes de xullo, claro está, se todo vai segundo o previsto. Numerosos interrogantes planean arredor da conferencia. Elementos que introducen non poucas incertezas e que, a priori, abocan ao fracaso anticipado dista nova iniciativa de amaño negociado e pacífico dunha situación extrema e dramática.

Un destes interrogantes é se acudirán os principais actores no dossier, é dicir, a oposición a Bachar Al Assad e algúns dos representantes máis significativos do réxime sirio. Nun momento en que a Coalición Nacional de Forzas da Revolución e a Oposición Siria veñen de aumentar os seus rangos coa inclusión de novos momentos até o de agora non representados nestas instancias, as diverxencias no campo insurxente son máis que patentes e a día de hoxe aínda non hai nada decidido con respecto a Xenebra II. Namentres, pola súa banda, a través dun diario afín, Damasco xa deu o seu acordo de principio, manifestando a presencia dos seus mandatarios na capital suíza o vindeiro xullo. "En principio nós si participaremos en Xenebra II", titula o xornal Al Watan citando ao xefe da diplomacia siria, Walid Al-Moallem.

Outro punto de discordia é a presenza de Irán na mesa de negociacións. A ninguén escapa que Irán é parte do conflito. A nivel militar de xeito directo, aportando adestramento, armas e apoio económico ao exército regular sirio. Amais, de xeito un tanto indirecto dista volta, tamén xoga un papel de primeira orde a través de organizacións satélite como o Hezbollah libanés. O titular de exteriores galo, Laurent Fabius, xa ten amosado publicamente as súas dúbidas sobre a presenza do estado persa en Xenebra. "Os iraníes non son favorables a atopar unha solución en Siria. Eles seguen a querer aproveitarse do drama en curso para ampliar a súa influencia (...) E non podemos traer a unha conferencia de paz a alguén contrario a esta", declarou Fabius a iTele. Doutra banda, existe inquietude ante a posibilidade de que no marco da reunión Teherán trate de operar unha sorte de chantaxe poñendo sobre a táboa o futuro da cuestión atómica no seu país.

Sobre o terreo a situación é cada vez máis crítica. A "liña vermella" que para norteamericanos e europeos supuña o uso de armas químicas semella que foi violada polo réxime de Damasco, sen que até o momento se teña operado reacción algunha ou represalia occidental. Ninguén se atreve a dicir que pode ocorrer pero semella que a caída de Assad non é para mañá. Dous anos, tres meses e case que 100.000 vítimas mortais despois, a guerra civil está en pleno apoxeo. Os rebeldes manteñen o control do norte e as forzas lealistas do sur. Cada campo controla, máis ou menos, a metade da poboación das zonas habitadas. A liña da fronte que separa a ambos bandos semella fixada. De lado de Assad atópanse as minorías étnicas e relixiosas, a burguesía empresarial e as clases medias e altas. De lado insurxente a masa de clases populares e campesiñas.  

Cada parte en conflito conta cos seus propios apoios exteriores. Qatar, Arabia Saudita, Turquía, Francia, Gran Bretaña, Estados Unidos, con diferentes grados de adhesión en función das particulares conxunturas, do lado da insurrección. Rusía e Irán non teñen intención de deixar caer ao réxime de Damasco. E namentres Israel mantén unha certa equidistancia, dividido Tel Aviv entre o seu desexo de debilitar ao inimigo iraniano e o desexo de manter no poder, como mal menor, ó "noso home en Damasco", como cualificou a Assad un antigo responsable do Mossad.

Así as cousas, a guerra civil ten acadado un estadio de equilibrio do terror, con posicións ben claras e definidas. O odio recíproco é tan profundo e o grao de violencia é tal que non é fácil percibir a fronteira entre bos e malos, entre verdugos e vítimas. A alternativa política ao réxime en liza non garante en xeito algún unha primavera democrática para o país. Unha ditadura podería reemprazar á outra. O que si está en xogo é a perpetuación da espiral de morte e destrución ou chegar a algún tipo de amaño diplomático para poñer en marcha unha sorte de goberno de coalición nacional. E neste senso Xenebra II si semella ser a derradeira oportunidade.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais