Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
22 de Maio de 2020 Álvarez Quintáns

A converxencia entre crime e terror: unha nova tendencia

O terrorismo e o crime organizado son dous fenómenos ilícitos distintos que, tradicionalmente, viñan sendo estudados por separado. Porén, as novas dinámicas da sociedade internacional globalizada fan posible a aparición dun novo fenómeno: a converxencia entre crime e terror. Ata hai pouco, as interaccións entre axentes do crime organizado e terroristas adecuábanse ao concepto de “nexo”: un vínculo puntual entre ámbolos dous, limitado a certos aspectos pola súa propia natureza, e motivado por un espazo común alimentado pola lóxica da necesidade. Con todo, criminais e terroristas seguían sendo dúas entidades ben diferenciadas.

Hai unha serie de características polas que se poden distinguir, e toda un conxunto de calidades que comparten e que fan posible a cooperación. Aínda así, hai que ter sempre en conta que, na práctica, moitas destas verían segundo o contexto ou a natureza do grupo en cuestión.

A primeira e máis notable das diferenzas sería a motivación: mentres que o principal obxectivo do crime organizado será o beneficio económico, o grupo terrorista estará motivado por unha finalidade política (relixiosa, de identidade, etcétera). Por outro lado, a relación que estas entidades teñen coa sociedade tamén é, no esencial, distinta: onde as organizacións criminais poden ser cualificadas como “parasitarias” (en tanto que o seu beneficio obtense en detrimento da sociedade na que se insire), o obxectivo último do terrorismo é a transformación da sociedade. A este respecto, ambas poden parecer incompatibles.

A pesar disto, existen numerosos espazos en común que estes actores poden compartir, e, de feito, comparten. Non é un fenómeno inhabitual que poidan caer nunha “ambigüidade definitoria”, ou o que é o mesmo, un cambio nos seus obxectivos e prioridades. É, entón, un erro considerar que os grupos criminais ou terroristas son entidades estáticas, posto que a súa propia natureza pode variar dadas as circunstancias axeitadas.

Isto é, precisamente, o que o modelo da converxencia trata de retratar. O mundo actual, definido pola globalización e as ameazas híbridas á seguridade, posibilita a existencia de espazos comúns nos que o crime organizado e o terrorismo poden coexistir.

No ano 2001, o Consello de Seguridade das Nación Unidas expresou, a través da Resolución 1373, a crecente preocupación polos novos vínculos que se estaban a observar entre as organización criminais e as terroristas. En 2019, coa Resolución 2462, esta inquietude volveu a facerse notar a nivel internacional. Desta vez, poñendo énfase no narcotráfico, a trata de seres humanos e o tráfico de armamento como principais actividades ilícitas que facilitaban un acercamento entre estes actores.

Estudar os fenómenos do terrorismo e do crime organizado como dúas entidades ben diferenciadas, con características diverxentes e motivacións separadas xa non abonda para comprender a totalidade (nin a potencialidade) de ningunha destas dúas ameazas.

Xa en 2004, Tamara MAKARENKO  propuxera un modelo teórico que puidera reflexar con maior adecuación o fenómeno da converxencia. A base deste paradigma é que ambas entidades, o crime organizado e o terrorismo, se moven nun mesmo corpo: o continuo do crime-terror. Neste modelo teórico, un grupo terrorista ou unha organización criminal poderían experimentar cambios nas súas dinámicas, dando pé a un proceso de hibridación. Canto máis intenso sexa este, máis preto do centro do modelo se atopará.

Aínda que se trata dun paradigma teórico, pode considerarse unha das representacións máis axeitadas dos fluxos que experimentan na actualidade os grupos terroristas e criminais. Xa non se trata de analizar os puntos en común, senón de recoñecer que se moven no mesmo plano.

No panorama internacional pódense atopar numerosos exemplos deste tipo de comportamento. Por nomear algúns, cabería destacar a relación das FARC colombianas con carteis mexicanos, ou a implicación dos talibáns no narcotráfico na rexión de Asia Central. Outros grupos nos que se teñen observados dinámicas similares son Sendero Luminoso, o Movemento Islámico de Usbequistán, ou Abu Sayyaf. Cada un destes grupos presenta características propias, pero o que teñen en común é que todos presentan certo grado de converxencia entre actividades criminais e terroristas.

Nos niveis máis superficiais de converxencia, onde as interaccións son puntuais e motivadas sobre todo por razóns loxísticas, aínda se pode falar de nexo. O seguinte paso sería unha apropiación das actividades que lle son propias á outra entidade: para os terroristas, podería ser a creación dun sistema de falsificación de documentos; para os criminais, a utilización de tácticas de terror para reafirmar o seu control.

Un nivel máis cara o centro de modelo significaría unha cooperación ilimitada, ou incluso unha fusión entre grupos. Tamén se pode producir un fenómeno paralelo, no que, en lugar de hibridar, a organización sufre unha transformación total: de terrorista a criminal, ou viceversa. Esta caracterizaríase por una inversión total dos obxectivos, prioridades e métodos da entidade, de tal xeito que se atoparía no extremo contrario do espectro.

En última instancia, podería chegar a alcanzarse unha situación de degradación total, na que xa non se distinguen características puramente criminais ou terroristas. A ideoloxía pasa a ocupar un lugar secundario ou totalmente irrelevante. Normalmente, isto sucede en ambientes de conflito armado que se prolongan durante demasiado tempo, e os distintos grupos implicados pasan a exhibir comportamentos de saqueo e pillaxe.

A aparición deste tipo de fenómenos comporta importantes implicacións para a seguridade, especialmente en contextos rexionais, debido á natureza transnacional que acostuman a presentar este tipo de actores. Non comprender como interactúan entre si pode chegar a dificultar enormemente a loita contra estes comportamentos ilícitos.

Este artigo busca pór énfase no feito de que adoptar unha nova perspectiva respecto ós vínculos entre crime organizado e terrorismo sería axeitado. Hai que superar a concepción máis tradicional que deles se ten; non se trata de dous planos paralelos que establecen conexións de xeito puntual, senón de dúas entidades que se desprazan nun mesmo corpo e que evolucionan de xeito constante.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais