Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Xornal de Galicia 1 de Agosto de 2011 Ríos

A cooperación internacional ao desenvolvemento dende o eido local

Cando o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org) promoveu a creación dunha estrutura específica e dinamizadora do compromiso municipalista coa cooperación internacional ao desenvolvemento tiña en mente varias premisas. 

En primeiro lugar, a necesidade de superar a caracterización desta política pública como un feito puntual e illado, favorecendo o establecemento de sinerxías que transcenderan os protagonismos individuais e que tamén posibilitara a súa rigorización e profesionalización, gañando eficiencia na xestión, acompañando mellor os intereses dos parceiros e beneficiarios, con opción entón a consolidar relacións e proxectos con mínimas garantías de continuidade no tempo e con maior ambición. 

En segundo lugar, erguer un terceiro piar da cooperación no noso país capaz de reunir o alargamento do compromiso das entidades locais cun modelo coherente coa súa identidade e traxectoria e unha máis extensa familiarización da cidadanía coa cooperación facilitada pola proximidade do poder local, converténdoo en dinamizador do propio tecido asociativo alentando unha cultura de cooperación baseada na autoorganización, no respecto da independencia, na colaboración e na propia eficiencia da axuda. 

En terceiro lugar, a xeración dun discurso propio que tivese en conta as nosas singularidades, que partira de nós mesmos fuxindo das imitacións e das inercias e que desde a xestión desa diferenciación puideramos enriquecer o discurso xeral da cooperación, isto é, galeguizando estrutura e acción, pero pensando tamén en abrir espazos de especialización que evitaran duplicidades e que permitiran afondar, no xeográfico, no temático, en áreas nas que Galicia podería crear, significarse e ter que dicir ao resto do Estado, de Europa e mesmo do mundo. Neste último senso, considerabamos que esta política pública debía inserirse no marco xeral do fomento da nosa paradiplomacia, sen que diso se derivasen necesariamente dependencias de estratexias de orde comercial, pero si enmarcando a cooperación internacional ao desenvolvemento nunha estratexia global que atendera aos aspectos de orde social, cultural, económica e institucional.

Esa armazón debía conducirse no marco dun espírito de diálogo activo cos demais actores do sistema galego de cooperación, moi especialmente coa coordinadora de ONGDs con quen o Fondo Galego mantivo dende o primeiro momento unha relación fluída de entendemento e de acordo para acadar un obxectivo común: a superación do atraso evidente de Galicia en relación ao compromiso cooperante, un atraso alleo ao compromiso social e directamente asociable á desorientación e inhibición institucional.

Foi así que con escasos vimbios alentamos un primeiro traballo de diagnose e análise sobre a situación da cooperación internacional no eido local que foi publicado na revista Grial en 1996, unha radiografía que serviu como antecedente dunha primeira convocatoria realizada en Nigrán (Pontevedra) coa participación de entidades locais, ONGDs, FEGAMP, FEMP, Nacións Unidas, etcétera, e que permitiu avanzar na realización dunha segunda convocatoria en Santiago de Compostela, co apoio dunha FEGAMP que viña de culminar o proceso de fusión das dúas grandes entidades que representaban o municipalismo galego. Xurdiría así o Fondo Galego (www.fondogalego.org) como un espazo transversal, co acordo e consenso institucional e partidario preciso, garantindo a presenza no proxecto das forzas políticas con presenza no eido local. 

Nas condicións de partida, caracterizadas por unha febleza extrema pero xenerosa en expectativas, esa concepción da cooperación como un foro sen confrontación e de pleno respecto á pluralidade, resultou decisiva para asentar a idea do Fondo como xerme dunha auténtica axencia municipalista da cooperación cun contorno conceptual articulado arredor da Declaración Programática que reúne os trazos esenciais deste compromiso. Ese espírito resulta irrenunciable aínda hoxe, configurándose a cooperación como unha política concertada que admite as diverxencias e os diferentes ritmos de implicación pero que non pode ser sometida á xeración de dinámicas de creación de dependencias partidarias por mais que os cargos representativos do Fondo oscilen na súa adscrición militante. A persistencia do IGADI como secretaría técnica garante a solidez desa estrutura e aglutina esa vocación de consenso.

Ao longo destes anos, cumprida a primeira década, cabe destacar o alargamento do compromiso asociativo e o calado adquirido pola idea de que a solidariedade internacional non é un feito alleo ao poder local. Non obstante a fortaleza extensiva desta evolución, o certo é que a impregnación sociopartidaria segue a ser insuficiente. Iso a pesar das múltiples declaracións, encontros e xornadas realizadas co propósito de sensibilizar aos diferentes actores e non só para evitar retrocesos senón para sentar as bases de pequenos saltos adiante que só moi anecdoticamente se teñen dado. 

A principal precariedade non devén da inestabilidade dun poder local que cada catro anos é obxecto de renovación (esta sempre avanza parcialmente e ten como soporte acordos institucionais unánimes de adhesión ao Fondo Galego que aportan madureza) senón da frouxidade do compromiso dos partidos políticos, o principal instrumento que vertebra a presenza política local. Hai vinculacións individuais de notable valor, pero as estruturas partidarias como tal, en relación a este asunto, móvense aínda na ambigüidade e na distancia. Vai para tres lustros da fundación do Fondo e diríase que aínda hai razóns para un “apostolado solidario” entre as nosas forzas políticas. Se aquí non mudan as cousas será difícil crer en cambios de certo calado, aínda a sabendas de que no municipalismo as condicións locais pesan o seu e que non sempre a autoridade das executivas é asumida sen rosmar. Pero sen ese empeño vertical, que expresa unha adhesión programática, no teimudo labor horizontal pesará sempre unha excesiva simpatía subxectiva e quedaremos a expensas dela.

Cabe sinalar que ao longo destes anos logrouse establecer un corpo técnico progresivamente conectado con estas arelas a partires dos cadros de persoal das propias entidades locais, aínda que suxeito aos seus vaivéns nun tempo en que a inestabilidade afecta tamén ao persoal ao servizo das entidades locais. Contar con axentes implicados en cada entidade asociada ao Fondo constitúe un referente de indubidable valor que facilita unha mínima universalización do impulso cooperante. 

As Xornadas Anuais de Cooperación animadas polo Fondo e orientadas a alargar ese espazo de debate plural e de consenso que o propio Fondo representaba no eido local, pretendían arbitrar ese foro que nos permitira medrar a todos, non soamente en recursos económicos xestionados, mesmo tamén en autocaracterización e profesionalismo, superando os nosos minifundismos estériles e achegando masa crítica para compensar as eivas orzamentarias con riqueza de ideas e de propósitos. Neste mesmo sentido, o propio IGADI tentou sen moito éxito achegar os seus recursos no eido documental e internacional en xeral sen lograr, cando menos no nivel desexado, tender pontes cos diferentes piares do sector, incluíndo a universidade, para favorecer a investigación neste eido e habilitar un terceiro espazo de entendemento capaz de transcender o cotiá para marcar follas de ruta que sen mingua da autonomía de cada quen permitiran a todos gañar capacidades para fortalecer o sector e propiciar o salto cualitativo que arelamos e ao que nos debemos aínda. 

I é que, paradoxalmente, o mundo da cooperación coopera pouco entre si. Úrxelle ultrapasar a dinámica da contestación polo escaso compromiso cooperante das institucións, inevitablemente presente e lamentablemente necesaria, para concibir un proxecto integral e integrador que estableza as bases para ultimar un modelo de cooperación que responda ás nosas singularidades e que se signifique pola súa capacidade en sentido amplo. Nesas condicións, quizais sería máis doado gañar incidencia social e respecto institucional para un labor que aínda non traspasou a fronteira desa imaxe cada vez mais asociada co politicamente correcto pero carente de substancia, para afirmarse como un área irrenunciable da xestión pública que interesa e compromete a todos. A fondo.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais